Skip to Content

Proxecto dinamización

Crónica do noso festival de Entroido por Samuel Rial Maneiro, alumno de 3º ESO

log EDLG             VALGA, UN FOCO DE INESGOTABLE CREATIVIDADE

Durante boa parte da mañá do pasado venres 21 de febreiro celebramos no IES de Valga o tradicional festival de entroido, o cal neste ano estaba centrado nunha temática común a todo alumnado que o desexase, así como ao equipo docente do centro, que finalmente tamén se incorporou a esta sucesión de divertidas iniciativas, de tal modo que se realizaron numerosas e diversas comparsas, intimamente relacionadas co mundo artístico e baseadas na representación de diferentes obras emblemáticas (principalmente pictóricas) de certa relevancia na Historia da Arte, tales como “O berro” (obra do autor noruegués Edvard Munch) , “Os amantes” (René Magritte,1928) ou mesmo “As Meninas” (Velázquez, 1656).

Se ben é certo que a do pasado venres estaba chamada a ser unha xornada un tanto peculiar, rompendo coa constante monotonía da rutina académica, os eventos que tiveron lugar superaron con creces as expectativas previamente establecidas, especialmente grazas á intensa e ampla participación do alumnado do noso IES. Así mesmo, puidemos gozar das numerosas recreacións de cadros representativos da nosa historia, as cales, conformadas por alumnos de diversas clases e grupos do instituto, se realizaron no interior do noso ximnasio:

Entre as diferentes comparsas ou espectáculos que se sucederon destacan (entre outras) pola súa orixinalidade, así como pola creatividade dos disfraces dos seu integrantes, escenografía, posta en escena ou decorado:

1. “A Armada Española, 1588”, obra do artista británico William Lionel Wyllie, cuxa representación estivo protagonizada por un grupo constituído por alumnos de 1ºBAC e 4ºESO.

2. “As Meninas”, cadro realizado polo pintor barroco español Diego Velázquez no ano 1656, cuxa recreación foi desempeñada por alumnos de 1ºESO.

3. “Lección de anatomía”, obra do pintor neerlandés Rembrandt (1632). A súa representación estivo realizada por integrantes de 2º da ESO.

4. “Grafitis de Bansky”, conxunto de obras artísticas de carácter urbano realizadas por un autor descoñecido autodenominado Bansky. Este episodio do festival estivo protagonizado por alumnos de 4ºda ESO.

5. Conxunto de obras relacionadas entre si, tales como “O berro” (Munch), “Nena con globos” (Bansky), “American Gothic” (Grant Wood) ou “A galiña cega” (Francisco de Goya) recreadas polo alumnado de 3º A ESO.

6. “As bailarinas” de Edgar Degas, escena realizada por integrantes de 4ºESO.

Non obstante, pese á creatividade e orixinalidade de todos os grupos que participaron neste marabilloso e orixinal evento, un xurado constituído por un representante do grupo docente (Paula Fernández, de Historia), así como por dúas alumnas de 2º de BAC da materia de Historia da Arte en representación do alumnado (Valeria Gómez Vázquez e Tamara Fabeiro Iglesias) ou por un membro da ANPA, seleccionou de entre os múltiples grupos os que posteriormente serían considerados como gañadores:

• O PRIMEIRO PREMIO (sesión de condución de karting e vales para canxear na  cafetería do IES, cortesía da ANPA “Bella Otero”) recaeu no grupo constituído por integrantes de 4º de ESO e 1ºde BAC, “A Armada Española”, especialmente pola súa excelente escenografía e decorado.

• O SEGUNDO PREMIO (sesión de condución de karting, xentileza da ANPA) recaeu no grupo representante das Meninas de Velázquez, formado por alumnos de 1º da ESO.

• O TERCEIRO PREMIO (vales de 10 € para canxear na cafetería do instituto) foi para os constituíntes do grupo que recreou o famoso cadro de Rembrandt: “A lección de anatomía” (2ºESO).

Porén, o mellor agasallo ou condecoración da xornada non foron os premios anteriormente mencionados, senón a diversión, contento e alegría dos innumerables e entretidos episodios que se sucederon durante a mañá, así como a gran diversidade cromática configurada polos numerosos e pintorescos, algúns case extravagantes, disfraces, os cales permanecerán dende entón na memoria colectiva do noso IES.

Samuel Rial Maneiro. 3º ESO A

 

Intercambio cultural con alumnado do IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela

Intercambio cultural co IES Eduardo Pondal de Santiago

Hoxe recibimos a visita dun grupo de alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato do IES Eduardo Pondal, que acudiron  ao noso centro acompañados de dúas profesoras, para participar dun encontro co noso alumnado de 1º Bacharelato. Esta actividade forma parte dun proxecto que estamos desenvolvendo ao longo  deste curso os Equipos de Dinamización da Lingua Galega de ambos os dous centros e que ten como finalidadeo achegamento de dous centros con realidades sociais, culturais e lingüísticas diferentes: no caso do IES de Valga, rural e galegofalante; urbano e castelanfalante, no caso do IES Eduardo Pondal.
Nesta segunda fase do proxecto (a primeira consistiu nun intercambio de cartas entre o alumnado) realizamos conxuntamente unha actividade cultural e curricular que consistiu nunha visita á Casa Museo de Rosalía de Castro onde ademais de achegarnos á súa vida e obra tivemos a oportunidade de asistir a unha charla sobre esta autora impartida por un dos mellores coñecedores da súa figura , o profesor Anxo Angueira que é ademais o presidente do Patronato Rosalía de Castro. Unha vez no IES ensínamoslles aos nosos convidados as instalacións do centro. No taller de Soldadura  tiveron oportunidade de experimentar actividades coas que non están familiarizados ,  e no laboratorio de Física e Química o alumnado de Química fíxeronlles uns divertidos experimentos.
Foi unha estupenda xornada de convivencia que esperamos repetir no 3º trimestre cando lles devolvamos a visita.

  Intercambio cultural co IES Eduardo Pondal de Santiago 

Concurso de Chíos de Amor "Dillo en Galego"

Concurso chíos de amor do EDLG 2020

 

O Departamento de Dinamización Lingüística do IES Valga convoca o Concurso de "Chíos de Amor. Dillo en galego", do que adxuntamos o cartel e que está aberto a toda a comunidade educativa. Na primeira imaxe desta nova están as instrucións de participación do concurso.

Gañadores do concurso de vídeos de terror convocada polo EDLG

certame videos terror O Equipo de Dinamización da Lingua Galega deu a coñecer a relación de premiados do concurso de vídeos de terror arredor da celebración do Samaín. O vídeo gañador foi o realizado polo alumnado de 1º ESO A. Tamén fixeron unha mención especial ao vídeo "Draw my life", presentado por Laura Calvo e Miguel Romero de 2º ESO B. Outros vídeos presentados a este certame foron: o  gravado polo alumnado de 1º ESO B, "Halloween"por alumnado de 3º ESO B e o titulado "Unha noite a soas".

Picando sobre os enlaces pódese ollar cada un destes vídeos.

O EDLG presentou os vídeos de terror realizados polo alumnado

Vídeos terror EDLG outubro 2019 O EDLG organizou, durante os recreos da mañá do mércores 30 de outubro, unha proxección dos vídeos de terror que creou o noso alumnado para celebrar o Samaín. As proxeccións tiveron lugar na aula de Audiovisuais. A semana que vén daremos a coñecer o gañador do concurso convocado por EDLG.

Vídeos terror EDLG outubro 2019

Distribuir contido


by Dr. Radut