Skip to Content

O director xeral de centros visita o noso centro e eloxia a "modélica" aposta pola innovación

 

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, visitou as instalacións do IES Plurilingüe de Valga, para mostrar o seu apoio "ao dinamismo do centro, como demostra a enorme cantidade de proxectos educativos en que está implicado". 

Álvarez Bértolo cualificou de "modélica" a aposta do centro polo uso das novas tecnoloxías en programas como o Bacharelato de Excelencia en Ciencia e Tecnoloxía (STEMBach), Polos creativos ou E-Dixgal, e o compromiso de formación demostrado nestes últimos cursos coas liñas adoptadas no marco do Plan de Formación Permanente do Profesorado.

O director xeral interesouse tamén pola proposta de aumento da oferta de ciclos formativos dado o gran peso do sector industrial da comarca do Ulla. O director do centro, Eliseu Mera Quintas, agradeceu a visita porque "é importante para a comunidade educativa que a administración mostre interese polo grande esforzo realizado nun centro pequeno como o noso, pois supón un estímulo para continuarmos nesta liña".

Ademais do director do centro, Álvarez Bértolo estivo acompañado polo alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, pola concelleira de Cultura, Carmen Gómez Pardal, así como pola vicedirectora e a xefa de estudos do instituto, Ana Bueno Lema e Vanessa Fernández Pampín.

Na imaxe, Eliseu Mera Quintas, Jesús Álvarez Bértolo e José María Bello Maneiro conversan con alumnado de 3º ESO na Sala de Música. 

 

 

 

 

 

 

AdxuntoTamaño
20231215_visita_dxcrh.jpg1021.98 KB


blog | by Dr. Radut