Skip to Content

Actividades complementarias

11F, DÍA DA NENA E A MULLER NA CIENCIA

 

Para reivindicar a presenza das mulleres nos ámbitos científicos, o alumnado de 4º ESO e 1º BACH estivo elaborando materiais.

Grupos de 4º ESO e 1º BACH, na materia de Física e Química, entrevistaron a mulleres vinculadas profesionalmente a diferentes ámbitos científicos e presentaron o resumo desas entrevistas nas infografías que expuxeron no vestíbulo do 1º andar e das que deixamos unha mostra nos adxuntos desta entrada.

O alumnado de Matemáticas de 4º ESO B revisou os datos de matrícula de Bioloxía e Debuxo Técnico en 1º de Bacharelato e de Bioloxía e Física en 2º de Bacharelato para analizar se había diferenzas por xénero. Os datos deixan ver que hai maior matrícula de rapazas en Bioloxía e maior matrícula de rapaces en D. Técnico e Física. Isto non é casual, xa que na escolla formativa aínda están presentes moitos estereotipos. A rama sociosanitaria está máis feminizada, porque está vinculada cos coidados, asociados historicamente ás mulleres. Por outra banda, en Física e Debuxo Técnico, materias vinculadas ás profesións máis técnicas, é maior o número de alumnos, porque estas destrezas se socializan máis nos rapaces e tamén hai moitas menos referentes mulleres neste ámbito. Podedes ver a análise no documento adxunto.

Temos claro que para que as mulleres teñan moita máis presenza nos diferentes ámbitos científicos, é necesario fomentar unha formación libre de estereotipos

CRÉASE UNHA ASEMBLEA FEMINISTA-LGTB DO ALUMNADO

Este espazo nace co obxectivo de acoller o alumnado con interese en desenvolver actividades e iniciativas a prol da igualdade e da diversidade de xénero. O xoves 28 de xaneiro tivo lugar a presentación da asemblea. A partir de agora, as xuntanzas realizaranse os xoves nos recreos.

NOTRE MINUIT À PARIS

Tania, Andrea, Sara, Sandra e Uxía, alumnas de francés 2LE de 2º BACH, xunto coa súa profesora Mercedes comparten a súa iniciativa Notre minuit à Paris, "unha historia de mulleres, escrita por mulleres, para amosarvos as incribles e descoñecidas vidas que a historia invisibilizou". Con ela, pretenden dar a coñecer algunhas das mulleres francesas que foron invisibilizadas na historia a pesar das súas  grandes achegas.

Podedes coñecer máis este proxecto no seu Instagram e no seu blog

CHARLAS DO PROGRAMA "A PONTE ENTRE O ENSINO MEDIO E A USC"

Nas últimas semanas desenvolvéronse tres charlas dentro do programa "A Ponte entre o Ensino Medio e a USC", dirixidas a alumnado de 4º ESO e Bacharelato.

A Antiga Roma en feminino: grandes mulleres da historia romana. Impartida pola profesora Ana Mª Suárez Piñeiro para o alumnado de Latín de 4º ESO e 1º Bacharelato. O vídeo da charla completo aquí.

Todo está conectado: as pegadas ambientais da actividade industrial. A cargo da profesora Almudena Hospido Quintana e dirixida ao alumnado de Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional de 4º ESO.

Ferramentas para atallar as noticias falsas na era da desinformación. Impartida polo profesor Ángel Vizoso García para o alumnado de 2º Bacharelato dentro da materia de Lingua Galega e Literatura.

 

XORNADAS DE PROMOCIÓN DO BALONCESTO

O Departamento de Educación Física organizou unhas xornadas de promoción de baloncesto en colaboración con Boa Vila Basket. Representantes do club achegáronse ao centro e mantiveron encontros co alumnado da ESO e de Bacharelato.

RUTAS DE SENDEIRISMO NA CONTORNA DO CENTRO

Este curso, dentro da materia de Educación Física, o alumnado está realizando rutas de sendeirismo na contorna. O noso centro atópase nun entorno privilexiado, e esta é unha moi boa maneira de coñecelo, aproveitalo e estar ao aire libre.

CHARLA DO PROGRAMA DE DIVULGACIÓN DE DOAZÓN E TRANSPLANTE

Esta semana desenvolvéronse dúas charlas a través de videoconferencia dentro do Programa de Divulgación de Doazón e Transplante, organizado pola Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS).

O alumnado de Bioloxía de 1º BACH así como o grupo do Ciclo Medio recibiron información por parte de persoal sanitario, profesionais da coordinación de transplantes e persoas que achegaron a súa experiencia vital como transplantadas.

Distribuir contido


by Dr. Radut