Volveu o Entroido, ano 2022, IES de Chapela. Xa tiñamos experiencia en celebrar en medio da pandemia e a nosa comunidade educativa volveu a recibir estas datas como se merecen. Alumnado, persoal non docente e profesorado eleváronse en medio do fastío e cansazo que nos impoñen as nosas máscaras de resistencia, para participar activamente nesta festa da convivencia e non renunciarmos á alegría de existir, de reexistir e de resistir. O venres 25 regalámonos un dos mellores momentos do ano, e o pulo para chegar a un final de curso que comeza a albiscarse. Quen non se emocionou vendo bailar a toda esta mocidade, e non tan mocidade, ao ritmo das músicas e disfraces máis variados? De diúrno a modular, de 1º ESO a 2º Bacharelato ou aos ciclos de adultos, o noso Entroido petouno grazas a todas e a todos vós. Máis abaixo tedes imaxes e vídeos dos mellores momentos deste Entroido que xa pasou, pero que seguiremos recordando. Grazas a todo o alumnado implicado por compartir e sacar o mellor de si nos momentos que atravesamos, especialmente aos grupos de 3º ESO que comandaron a organización pola mañá. Grazas especialmente a Adrián, Marco, Eloy, Sergio, Bruno ao mando do equipo de son. Grazas ao profesorado e persoal non docente que soubo acompañar. Grazas a Olga, que unha vez máis reinventou esta celebración tan necesaria para que en Chapela sigamos a escoitar, aprender e COMPARTIR. Grazas a todas.
|
|||||||||||||||