|
|
|
|
|
O xoves 20 de decembro fans da literatura, dos comics e das películas da quenda modular atopámonos ao redor dunha mesa na que se dispuxeron os tesouros que recompilamos grazas á proposta da biblioteca. Houbo libros en galego e castelán e tamén películas, como a de: Que facemos con Maisie? Deixamos, para outra ocasión, a banda deseñada. Parolamos ao redor dos motivos polos que recomendábamos a Agatha Christie e os seus dez negriños; a Jules Verne e as súas tribulacións na China; e a Paulo Coello e o seu estilo, tan zen. Dos coñecidos versos de Don Juan Tenorio e Dona Inés; falamos de Dolores Redondo e o seu gardián invisible; asemade, achegouse por alí James Herriot, un veterinario typical english que emociona coas súas andanzas no libro Todas las criaturas grandes y pequeñas e, nun recuncho da mesa, atopamos a Mary Higgins Clark e o misterio das súas novelas. Logo de moitas dúbidas e cábalas, e algunha que outra volta ao redor da mesa para sopesar con siso todas as opcións, decidímonos, iso si, só despois de que tocase o timbre do recreo, pois aproveitamos até o último minuto, xa que a mesa estaba chea de mundos a descubrir. Cada quen escolleu ao fin e voltamos aos nosos quefaceres, imaxinando xa que novas aventuras íamos atopar ao abrir a tapa dun novo libro. |
|
|
|
|
|
|
|
|
|