As bibliotecas de Redondela impulsan unha campaña de recollida de alimentos e produtos de primeira necesidade destinados a Cáritas Redondela.
Libros solidarios é o lema desta campaña de intercambio de libros por alimentos, na que participan as bibliotecas municipais, a biblioteca do Círculo Cultural Recreativo de Chapela e as bibliotecas dos CEIP de Quintela, Santo Paio de Abaixo, Alexandre Bóveda, Laredo, do CEP Santa Mariña e dos IES Chapela e Mendiño que son así mesmo os lugares de intercambio.A campaña dará comezo o venres, 24 de outubro, por ser este o Día da Biblioteca, e rematará o 28 de novembro ou ata que se esgoten as existencias. A iniciativa está aberta a calquera cidadán que quera colaborar e, nos centros de ensino particularmente ás súas comunidades escolares, cambiando alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene, tanto persoal como para o fogar, polos libros que encontrarán expostos nos distintos centros de intercambio. Os visitantes collerán o libro ou libros do seu interese e deixarán a cambio os produtos nos recipientes colocados para tal efecto.
Colaboradores : Biblioteca do CEIP San Salvador de Teis, Fundación Filomena Rivero Alonso e El Patito Editorial
Na foto, a presentación da campaña coa presencia das bibliotecarias dos centros participantes e dalgún dos colaboradores.
|
|||