A través da UNESCO, a ONU alenta os seus estados membros a traballar na promoción, no fortalecemento e na extensión da filosofía en todos os
niveis do ensino, porque a sociedade democrática, formada por unha pluralidade diversa de persoas e comunidades, proxectos e intereses,
demanda un pensamento racional que axude a comprender o mundo complexo que nos rodea e proporcione instrumentos para edificar unha
sociedade libre, igual e xusta. A UNESCO considera que a materia de Filosofía, o saber máis antigo de Europa, é a ferramenta adecuada que debe
servir a este fin. A filosofía forma unha cidadanía reflexiva, lúcida, participativa, amante das institucións democráticas e con habilidades prácticas na
resolución dos problemas específicos das sociedades democráticas avanzadas.
A materia de Filosofía capacita o alumnado para o exercicio do pensamento crítico e independente, co que alcanzar unha mellor comprensión do
mundo globalizado e de si mesmo/a. Grazas a esta materia, os alumnos e as alumas adquiren a aptitude de entretecer unha defensa racional e
razoable da súa autonomía, da súa dignidade e dos seus dereitos nun contexto en vías de globalización. O pensamento filosófico achega os
coñecementos teóricos e as destrezas prácticas para entender, analizar e propor solucións aos desafíos intelectuais e morais do século XXI.
Asemade, a materia de Filosofía ofrece os fundamentos conceptuais dos principios e dos valores da paz e da seguridade mundiais: democracia,
imperio da lei, dereitos humanos, tolerancia, xustiza, igualdade e liberdade (a UNESCO nomea a Filosofía como "Escola de liberdade" na súa
estratexia internacional e no informe de 2007). Os métodos filosóficos achegan enfoques plurais e contrastados que permiten albiscar saídas aos
problemas que afectan a convivencia humana. A aprendizaxe do tratamento racional e dialogado destes asuntos disipa o recurso á violencia e á
guerra, e fomenta a paz e a seguridade global e local.
- Profesor/a: Ángel Lago García