Novidades literarias de febreiro

Tralas novidades cinematográficas, chegan as literarias. Referímonos a varias incorporacións bibliográficas ao fondo da biblioteca, onde destacan a poesía e a narrativa en lingua galega. Como estamos no mes de Rosalía, tampouco  pode faltar unha monografía para coñecer mellor a vida e obra desta senlleira figura das nosas letras. 

Camuflaxe / Lupe Gómez

Chan da Pólvora, 2017

Cuberta A editora e libraría especializada en poesía "Chan de pólvora" presentanos este poemarío no que Lupe Gómez recrea motivos recurrentes na súa obra literaria  e introduce outros novos referentes, mantendo sempre a rotundidade, o vigor e a emoción dos seus poemas, quer sexa a través de imaxes visionarias, quer a través de pequenos textos de filiación narrativa ou de sentenzas case inapelables e sempre sorprendentes.

Materias: Poesía galega

Dispoñible na sección de Literatura en Lingua galega: GAL-P/GÓM/cam

Elefante / Manuel Darriba

Edicións Xerais de Galicia, 2018

Cuberta Relatos sobre mundos que integran un mundo poliédrico. Lugares que se resisten á escritura. As percepcións comparecen distorsionadas, fóra do refuxio da certeza. Manuel Darriba reivindica a etiqueta de «escritor transxénero». A súa narrativa está infiltrada de elementos poéticos. A súa poesía incorpora elementos narrativos. O autor segue a desenvolver un programa artístico propio, conducindo o discurso por camiños pouco explorados.

Materia: 1. Relatos

Dispoñible na sección de Literatura en Lingua galega: GAL-N/DAR/ele

De catro a catro : manuscrito inédito / Manuel Antonio

Alvarellos : Consorcio de Santiago, 2016

Cuberta

Un dos manuscritos orixinais e inéditos máis agardados da literatura galega. Publicado agora nunha coidada edición facsimilar que respecta fielmente o formato orixinal no que foi creado: un caderno de contas en capa dura.

De catro a catro, escrito por Manuel Antonio entre os anos 1926 e 1927, é un dos libros de poesía galega máis relevantes de todos os tempos. Está considerado ademais coma unha das cimas universais da poesía vangardista.

Materias: 1. Manuel Antonio

Dispoñible na sección de Literatura en Lingua galega: GAL-P/MAN/dec

Rosalía de Castro : cantos de independencia e liberdade, 1837-1863 / María Xesús Lama

Galaxia, 2017

Cuberta Neste primeiro volume da biografía de Rosalía de Castro nárranse as súas orixes familiares e os seus anos de mocidade. María Xesús Lama, profesora de estudos galegos na Universidade de Barcelona e editora de Cantares gallegos, pescuda con rigor e admiración, con obxectividade non exenta de paixón, na vida da poeta en Galicia e Madrid nun tempo de ideais e de aprendizaxe para a mocidade que na segunda metade do século XIX decide intentar vivir da pluma. A autora aproveita as últimas descubertas da investigación filolóxica e histórica para afondar nas viraxes inesperadas que obrigan a poeta a regresar a Compostela coa carga dunha responsabilidades familiares que lle fan reconsiderar a orientación da súa vida.

Materias: 1. Castro, Rosalia de-Biografías

Dispoñible na sección de biografías: B/CAS/lam

María Victoria Moreno: a muller que durmía pouco e soñaba moito / Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre

Xerais, 2018

Cuberta

Este libro é un acto de cariño, no que Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre ofrecen un fermoso retrato de María Victoria Moreno, a escritora, á que está dedicado o 17 de maio de 2018. Iniciada polo relato apaixonante do que sucedía na libraría Xuntanza de Pontevedra, da que era socia María Victoria, esta biografía segue o fío da vida da autora, dende os seus anos difíciles de infancia e formación, até a súa chegada en 1963, a Galicia, onde exerceu como profesora de lingua e literatura. Un relato no que están presentes, a súa paixón polo ensino e polos animais, reflectida en boa parte das súas obras, a súa capacidade para meterse na pel dos personaxes dos libros propios e alleos, até a valente actitude coa que enfrontou o cancro. Un libro, nacido do cariño e admiración por María Victoria, que reconstrúe con emoción toda unha vida de novela dedicada ao amor aos libros e a comunicar o pracer pola lectura en galego, lingua coa que mantivo unha historia de amor.

Materias: 1. Moreno, María Victoria-Biografías

Dispoñible na sección de biografías: B/MOR/cas