Novidades de marzo

En marzo, a biblioteca actualiza a súa colección con varias monografías de temática histórica; algunhas delas, escritas por prestixiosos historiadores galegos que recollen recoñecidas investigacións sobre a nosa Historia. De seguido, presentamos algunhas destas novidades que xa podes atopar na sección de Ciencias Sociais da biblioteca escolar.

Historia das historias de Galicia / Isidro Dubert (Ed.)

Edicións Xerais, 2016

Cuberta No seo da sociedade galega actual circulan distintas historias arredor da importancia que tiveron os celtas na nosa cultura, sobre a orixe do vello Reino de Galicia, a «doma e castración da nobreza», a existencia dos Séculos Escuros, a chegada e instalación dos cataláns, o fusilamento dos Mártires de Carral ou o suposto «atraso secular» de Galicia. Unhas historias cun contido e sentido que leva mudado en función das distintas conxunturas políticas e culturais polas que atravesou o país. Malia iso, e ata o de agora, rara vez os historiadores prestaron atención a eses cambios e mudanzas, ás súas implicacións sociais, culturais ou ideolóxicas ou ao que realmente se agocha tras elas. Os traballos recollidos neste volume tratan de pór remedio a este esquecemento, desvelando así aspectos pouco coñecidos –e mesmo inéditos– do noso pasado colectivo.

Materias: 1. Galicia-Historia

Dispoñible na sección de Ciencias Sociais: CS-94/HIS

La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media  / Fernando López Alsina

Consorcio de Santiago; USC, 2013

Cuberta

Publicada por primeira vez no ano 1988, "La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media", é a máis completa, exhaustiva e documentada monografía sobre a historia da cidade entre os séculos IX e XI, é dicir, a súa orixe e primeiro desenvolvemento. Cando se cumpren vinte e cinco anos da edición orixinal, preséntase esta segunda edición revisada e corrixida, unha obra imprescindible para a comprensión histórica dunha cidade universal.

Materias: 1. Desenvolvemento urbano-Santiago de Compostela-Teses doutorais. 2. Santiago de Compostela-Situación social-Historia-Teses doutorais

Dispoñible na sección de Ciencias Sociais: CS-308/LÓP/ciu

El empeño industrial de Galicia / Xoán Carmona Badía, Jordi Nadal Oller

Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2005

Cuberta
A idea de que o desenvolvemento da industria en Galicia comezou na década de 1960 aparece aínda con frecuencia en comentarios xornalísticos ou desinformadas páxinas web. En realidade, con todo, trátase dun fenómeno moi anterior, que falando en termos estritos remóntase aos anos do tránsito do século XIX ao XX e asóciase á aparición dun importante sector de conservas herméticas de peixe e de toda unha gama de actividades manufactureiras relacionadas coa explotación do mar. Pero mesmo antes desa etapa, durante o século do vapor, houbo todo un abanico de iniciativas industriais que, aínda que se frustraron tempranamente ou se limitaron a manterse como elementos singulares, demostraron a existencia dun empeño industrial que contradi outro tópico, o da falta de espírito emprendedor. 

Materias: 1. Industria-Galicia-Historia

Dispoñible na sección de Literatura en Ciencias Sociais: CS-338/CAR/emp

Constituciones Españolas 1812-1975

Lex Nova, 2007

Cuberta

Aínda que a Constitución de 1978 foi a única que foi redactada por unha comisión plural onde estaban representadas diferentes ideoloxías e a única que o pobo español ratificou en referendo -baixo o lema "España decide o seu futuro. O teu dereito é votar. Vota libremente", logrou o 87,7 % dos votos favorables aquel 6 de decembro que, desde entón, celebramos cada ano- o noso legado constitucional tamén transcorreu por outras sete normas básicas de 1812, 1834, 1837, 1845, 1869, 1876 e 1931. Nese proceso, a nosa actual "Lei de leis" -que tivo un carácter integrador e unha estabilidade e aceptación popular insólitas- non supuxo, en ningún momento, unha ruptura coas normas anteriores senón, máis ben, o contrario.

Materias: 1. Constitucións-España

Dispoñible na sección de Ciencias Sociais: CS-342/ESP/con