Evitar navegación.
Principal

Programación 2º ESO Curso 2016/17 (non rematado)

Unha vez rematada a 2ª Avaliación deste curso xa podemos compartir as producións desenvolvidas neste curso e que poden servir de orientación ao alumnado de 1º ESO á hora de escoller a optativa do curso 2017/18.

Logo dun comezo de curso algo experimental na busca da metodoloxía axeitada, motivadora e produtiva, chegamos a un deseño do curso baseado na resolución de RETOS traballando en equipos de 2 na Aula de Informática empregando software online que require rexistro mediante conta de correo (é obrigatorio para seguir a materia a dispoñibilidade dunha conta GMAIL). Os retos, os materiais de apoio, as entregas coas súas cualificacións e comentarios, alóxanse nun Aula Virtual accesible en todo momento e lugar para o alumnado (a AV do vindeiro curso xa terá unha zona pública de difusión xeral do programa e producións).

O traballo en equipo e o emprego da plataforma online SCRATCH facilita o traballo colaborativo e o respecto da Propiedade Intelectual introducindo as Licencias Creative Commons.

A compoñente motivadora é a produción de xogos e historias. Pasamos do consumo á creación de recursos, onde o alumnado é o protagonista da súa aprendizaxe, investigando, creando, programando, probando e resolvendo, sempre chegando a acordos e cunha compoñente gamificadora a través da resolución de RETOS e a obtención de puntos por obxectivos acadados.

O primeiro reto foi a creación da personaxe protagonista das producións de cada equipo. Traballaron a creatividade gráfica en modo vectorial e programárona para que, ao desprazarse pola pantalla, simulara un movemento natural.

O segundo reto foi a creación de laberintos onde o xogador debe axudar ao protagonista (persoaxe creada) a conseguir o obxectivo que cada un dos equipos deseñou.

Enlace ao Estudo recopilatorio dos Laberintos en Scratch.

 O terceiro reto "Descubrindo Culleredo", aínda non rematado, ten unha estrutura de historia interactiva para divulgar algún aspecto (historia, monumentos, etc.) do noso concello.

Enlace ao Estudo recopilatorio dos Scratch "Coñecendo Culleredo".

O RETO final posiblemente sexa un XOGO de pantallas, niveis, marcadores, vidas, ... Xa veremos.

Coñece Culleredo buscando as chaves de Arturito, un trarballo de Daniela Calvo e Adriana María Rodríguez. Ver en Scratch.

O seguinte traballo de Mario Pereira e Patricia Segade amósanos Culleredo dun xeito ameno e con boas fotografías. Ver en Scratch.

Continuará.