Nin pecho os ollos, nin quero ser espectador. Implicándome
Un ano máis chega o día de amosar o traballo e a implicación do alumnado de Culleredo no tratamento dun tema tristemente de actualidade, se cadra este ano máis triste polas novas relacionadas con esta lacra social dos últimos días.
Pouco podemos facer nós pola xeración dos pais dos nosos alumnos porque, aínda que as políticas de axuda e as leis son necesarias, só coa educación corrixiremos a inercia dun comportamento xeralmente machista e, cando menos, de dominación dunhas persoas sobre outras, normalmente por carencias afectivas e de autoestima.
É nesta etapa adolescente onde as persoas constrúen a súa personalidade e seméntanse os comportamentos que poden derivar nas imaxes que asociamos cando escoitamos falar deste tema.
A Educación, sobre todo a emocional, será a mellor das estratexias na loita contra a violencia de xénero.
E é aquí onde o Concello de Culleredo, entre outras actuacións, quere sementar a tolerancia, o respecto e a concienciación na nosa xuventude fomentando a implicación e creatividade con este III Concurso Escolar de Vídeos e Cuñas "Polo Bo Trato" contra a Violencia de Xénero.
E con estas premisas prantexamos o noso proxecto educativo titulado "Nin pecho os ollos nin quero ser espectador. Implicándome" e así o presentamos:
Á hora de comezar un novo proxecto é necesario sentilo como propio, concienciarse, e logo atopar a inspiración para desenvolver o noso proxecto divulgativo, a nosa aportación ou, simplemente, o noso traballo.
Este ano tamén melloramos a nosa colaboración coa difusión vía Twitter das nosas mensaxes acompañándoas dunha imaxe. Clica na captura inferior para acceder ó taboleiro colaborativo en Pinterest.