Evitar navegación.
Principal

Saúdos e algún aviso

OLA, son Pilar, e por se algún de vós, estoume a referir ós meus alumnos de 3º B e 3º C, se achega a este recuncho, ireivos deixando algunhas informacións que, por suposto, tamén vos darei na clase.
Hoxe falareivos dos LIBROS DE LECTURA.
Como tivestes que facer nos cursos anteriores, teredes que ler un libro e superar a proba que se vos faga acerca del, para poder superar cada avaliación e, polo tanto, o curso.
Tamén, coma sempre, ofrecerémosvos dous libros e escolleredes o que máis vos apeteza (non vos guiedes polo número de páxinas, que hai páxinas que se fan eternas e outras que se len en nada!). Se ledes os dous e superadas as dúas probas, subiredes a vosa nota media.
Nesta primeira avaliación, propoñémosvos estes dous: "Ollos de auga" de D. Villar e "A sombra descalza" de An Alfaya (os dous da editorial Xerais). O primeiro é unha novela policiaca ambientada en Vigo: un inspector de policía e o seu axudante terán que resolver, como non!, un misterioso asasinato. O segundo está ambientado na posguerra e céntrase en como viviron ou, máis ben, malviviron, as mulleres da familia da narradora. Os dous merecen a pena!
Os dous libros están dispoñibles na biblioteca do centro e, probablemente, nas bibliotecas do concello.
Examinarémonos destas lecturas a finais de novembro, xa concertaremos entre todos a data, pero non o deixedes para a véspera, así, se vos pegades o gran atracón, non hai libro que guste; lédeos con calma, sen agobio, preguntade na clase todo aquilo que non entendades ou do que queirades saber máis ou..., non sei, o que queirades.
E, por hoxe, máis nada! Boa fin de semana!