1.2.3. Textos electrónicos
Si ler textos impresos, tanto continuos como descontinuos, é complexo, ler textos electrónicos o é moito máis. Cando un estudante quere investigar sobre un tema, na rede vai atopar unha cantidade inxente de suxestións que quizás non saiba como dixerir; na rede a diversidade de obxectos textuais é grande. Por iso cobra aínda máis importancia a lectura crítica, a lectura contextualizada, porque na rede os contidos que atopamos non están avalados por criterios de autoridade, non están adaptados ao nivel do lector, podemos atopar contidos maliciosos…
A rede danos a posibilidade de publicar, difundir as nosas ideas, opinións en internet, pero tamén hai moito lixo; por iso, temos que cambiar a nosa maneira de ler, escoitar, entender. Como di Cassany (en leer.es), hai que ler en internet como si estiveramos conversando nunha cafetería con persoas descoñecidas que non sabemos quen son e nos poden enganar, e nos poden mentir.
En internet lemos achegas de persoas doutras culturas, que pensan distinto; isto nos enriquece pero temos que ser moi cautos, porque “falan” desde outros principios e valores; por iso, é necesario contrastar a información.
Segundo García (2008, p. 16), en canto aos recursos lingüísticos, ao igual que outros xéneros, este ten xerado un léxico cargado de neoloxismos: directorio, web site, index, frames, menú… Algúns deles con exclusiva denominación en inglés. Un léxico que avanza con moitísima rapidez e que se ramifica sen parar.
Gramatical e sintacticamente as web, aínda que a súa grande variedade faga difícil a xeneralización, ofrecen unha tendencia á nominalización, pola multiplicación de títulos e subtítulos, as oracións curtas, yuxtapuestas ou coordinadas, os parágrafos breves, fronte á subordinación e o parágrafo longo. A prosa tende a ser neutra e sen modalizacións importantes, con procedementos para remarcar a impersonalidade. Isto é pola necesidade de sinxeleza e brevidade do discurso co fin de que a lectura sexa rápida e exitosa. Parece que o éxito na difusión das web radica nos estímulos visuais que utilizan.
Pero hai que ter en conta que os datos que nos proporcionan as web non son necesariamente coñecemento. É o lector o que ten que construír o significado e este, normalmente, está ligado a un contexto sociocultural. O coñecemento ten unha estrutura, medra con lentitude e conduce ou permite a acción; isto só é humano. Por iso, é preciso guiar ao alumnado na lectura da información que está na rede.
A lectura en internet require doutras competencias, doutras habilidades: uso de buscadores, introdución de criterios de busca, manexo de bases de datos, abrir e gardar arquivos, descargar imaxes; pero a lectura atenta, meticulosa e comprensiva dunha mensaxe é imposible de obviar. Sobre todo pola inxente cantidade de información, polo cambiante da mesma, porque non hai criterios de autoridade e porque a posibilidade de crítica e contraste na rede é difícil.