1.2.2. Os textos descontinuos
O análise de textos descontinuos na escola non é moi frecuente, aínda que ten ido en aumento a medida que se traballa por competencias. Sen embargo, é un tipo de textos que o alumnado se atopa con frecuencia na súa vida diaria: gráficas, folletos, carteis, anuncios, infografías, recibos,…
As características dos textos descontinuos teñen que ver mais coa cultura audiovisual, que ofrece unha información simultánea, fragmentada e dispersa.
Seguiremos a Zayas (2008), para abordar as clases de textos descontinuos mais frecuentes:
a) Listas: textos descontinuos máis elementais. Constan dun certo número de elementos que comparten unha ou varias propiedades. A propiedade compartida pode ser usada como etiqueta ou título da lista. Os elementos poden estar ordenados (lista de alumnado dunha clase) ou desordenados (lista da compra)
b) Cadros e gráficos: son representacións icónicas de datos. Empréganse na argumentación científica e tamén en periódicos e revistas para mostrar información de tipo numérico en formato visual.
c) Táboas e matrices: representan datos en filas e columnas. As entradas de cada fila e cada columna comparten algunhas propiedades e, por iso, as etiquetas da columna e da fila forman parte da estrutura do texto. Son exemplos de táboas os horarios de clase, un formulario de pedido…
d) Ilustracións: adoitan acompañar as explicacións técnicas (por exemplo, as pezas dun ordenador), os textos expositivos (un cadro do período barroco) ou instrutivos (como se instala un electrodoméstico)
e) Mapas: textos descontinuos que indican as relacións xeográficas entre lugares. Hai diferentes tipos de mapas:
.- Mapas de estradas: marcan as distancias e vías de comunicación existentes entre lugares concretos
.- Mapas temáticos: indican as relacións existentes entre lugares e ás súas características sociais e/ou físicas
f) Formularios: textos cun formato e estrutura específicas que requiren que o lector responda de determinada maneira a preguntas concretas. Empréganse en moitas organizacións para recoller datos e adoitan ter formatos de resposta predeterminados. Son exemplos de formularios a declaración da renda, a folla de matrícula no instituto…
g) Follas informativas: ofrecen información en vez de solicitala. Presentan a información de forma resumida e estruturada, cun formato pensado para que o lector poida atopar fácil e rapidamente datos específicos. Poden conter varias disposicións da información, xuntos con listas, gráficos, táboas… para resumir e destacar a información. Exemplos de follas informativas son os folletos do supermercado, o programa dunha semana de teatro…
h) Avisos e anuncios: son documentos deseñados para invitar ao lector a facer algo (comprar algo, ir a algún evento, votar a alguén…) A intención é persuadir ao lector; ofrecen algo e requiren a atención e a acción do lector. Son exemplos as invitacións, convocatorias, advertencias, notas…
i) Infografía: é un texto descontinuo que ofrece información a través de gráficos, imaxes, esquemas, representacións…; é dicir., achega a información ao lector dun modo visual. É unha representación gráfica en forma de cartel que inclúe gráficos, imaxes,… para comunicar dunha forma simple ideas complexas. En si mesmo é un texto descontinuo que reúne diversos textos descontinuos.