1.2.1. Os textos continuos
Como xa dixemos, os textos continuos son os que se empregan habitualmente no ámbito escolar, non só en soporte impreso senón tamén en soporte electrónico e/ou dixital.
Os textos continuos clasifícanse segundo o seu tipo. Imos simplificar as tipoloxías en 5, aínda que hai autores que engaden algunhas mais.
a) Textos descritivos: a información busca representar a obxectos, persoas ou situacións, referindo ou explicando as súas calidades ou circunstancias. Nestes textos a linguaxe é moi detallada; utilizan moitos adxectivos, imaxes e comparacións; predominan as oracións enunciativas; os conectores mais usados son os espaciais (diante, detrás, arriba, abaixo,…) e os temporais (agora, entón…)
b) Textos narrativos: describen feitos reais ou ficticios protagonizados por personaxes; estes feitos desenvólvense nun tempo nu espazo determinado. Estes textos poden estar escritos en verso ou en prosa. Este tipo de textos son frecuentes na literatura, na historia,… As clases de palabras que máis abundan son os verbos, logo úsanse tamén os substantivos e pouco os adxectivos. Tamén destaca o uso da oración composta; os conectores máis usados son os de valor temporal: logo, entón, a continuación, á mañá seguinte…
c) Textos expositivos: serven para transmitir información, mediante explicacións e exemplos. O obxectivo destes textos é informar e difundir coñecementos sobre un tema. Os libros de texto, as enciclopedias, as revistas, os xornais,… utilizan este tipo de textos. Este tipo de textos utilizan as oracións enunciativas (que afirman ou negan algo); a terceira persoa e o modo indicativo; o vocabulario é moi preciso e concreto; predominan os substantivos fronte aos adxectivos; úsanse expresións como “dito isto”, “en conclusión”. A estrutura básica dun texto expositivo é: introdución, desenvolvemento e conclusión.
d) Textos argumentativos: ofrecen diferentes puntos de vista sobre un feito e o autor decántase por un deles. É un tipo de texto que pretende defender unha opinión ou refutala co fin de convencer ao lector utilizando, para iso, probas e razoamentos. Normalmente, ofrécese unha hipótese inicial e unha serie de argumentos que rematan nunha conclusión final. No desenvolvemento dos argumentos aparecen aclaracións, dúbidas, explicacións conectadas por expresións como “por outra parte…”, “contrariamente a…”, “é certo que… pero…”, A estrutura dun texto argumentativo é: tese (idea principal sobre a que se reflexiona), corpo argumentativo (conxunto de argumentos), conclusión (resumo ou síntese do corpo argumentativo). Utilízase unha linguaxe clara, precisa e persuasiva; abundantes substantivos; oración complexas; uso do presente de indicativo.
e) Textos instrutivos: empréganse para dar instrucións. Úsanse verbos en imperativo ou infinitivo; oracións curtas e simples; vocabulario técnico; utilizase a segunda persoa; acompañados moitas veces de gráficos, cadros,… Atopamos textos instrutivos no enunciado dun exercicio, nas instrucións de montaxe dunha mesa…
Hai que ter en conta, que un texto nunca se presenta cun tipo só; por exemplo, os textos narrativos, adoitan combinarse con textos descritivos; e os argumentativos, cos expositivos.