DESPOIS DE LER ATENTAMENTE O TEXTO QUE VÉN A CONTINUACIÓN, RESPONDE ÁS PREGUNTAS QUE SEGUEN.

UNHA RÚA NUN PORTO LONXANO do norte. As tabernas están acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos. Xentes de todas as castes do mundo, cantigas a gorxa rachada, música de pianolas chocas, moito fedor a sebo...
Un mariñeiro que fala francés tropeza cun mariñeiro que fala inglés. Os dous fanse promesas de gran amistade, cada un no seu falar. E sen entenderse camiñan xuntos, collidos do brazo, servíndose mutuamente de puntales.
O mariñeiro que fala francés e mais o mariñeiro que fala inglés entran nunha taberna servida por un home gordo. Queren perder o sentido xuntos para seren máis amigos. ¡Quen sabe se despois de ben borrachos poderán entenderse!
E cando o mariñeiro que fala inglés xa non rexe co seu corpo, comenza a cantar:

"Lanchiña que vas en vela,
levas panos e refaixos
para a miña Manoela."

O mariñeiro que fala francés arregala os ollos, abrázase ao compañeiro, e comenza tamén a cantar:

"Lanchiña que vas en vela,
levas panos e refaixos
para a miña Manoela."

i¡A-iu-jú-jú!! Os dous mariñeiros eran galegos.
O taberneiro, gordo coma un flamengo de caste, veu saír aos dous mariñeiros da taberna e pola súa faciana vermella escorregaron as bágoas. E dispois dixo para si nun laído saudoso:

¡Lanchiña que vas en vela!

Tamén o taberneiro era galego.

(Este texto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao pertence á súa obra Cousas (1926).

podes atopar unha curtametraxe baseada neste texto de Castelao e realizada por estudantes.)

  1. DE ONDE SON OS PROTAGONISTAS? POR QUE O SABES? EN QUE LINGUA FALAN NUN PRIMEIRO MOMENTO? CAL PODE SER A RAZÓN?

  2. DIRÍAS QUE UN DOS TEMAS DO TEXTO É O GALEGO NO MUNDO? XUSTIFICA A TÚA RESPOSTA E COMENTA O QUE SAIBAS DO TERRITORIO DA LINGUA GALEGA.
    SINALA OUTRO TEMA QUE VEXAS TI NO TEXTO E EXPLÍCAO.

  3. DIRÍAS QUE ESTE É UN TEXTO NARRATIVO, DESCRITIVO OU DIALOGADO? POR QUE?

  4. DIRÍAS QUE AS PALABRAS AMISTADE E LONXANO SON INTERFERENCIAS LINGÜÍSTICAS DO CASTELÁN NO GALEGO? XUSTIFÍCAO.

  5. BUSCA OS XENTILICIOS QUE HAXA NO TEXTO E ESCRIBE O TOPÓNIMO QUE LLES CORRESPONDA. BUSCA OS ANTROPÓNIMOS E EXPLICA O EMPREGO DE MAIÚSCULAS OU MINÚSCULAS NO CASO DOS XENTILICIOS, DOS TOPÓNIMOS E DOS ANTROPÓNIMOS.

  6. EXPLICA OS TILES QUE APARECEN NO PARÁGRAFO QUE COMEZA: O TABERNEIRO...


DESPOIS DE LER O TEXTO, RESOLVE AS CUESTIÓNS QUE VEÑEN A CONTINUACIÓN


http://www.jrvarela.net/BARCOS/naufragio%20001.jpg

Baña Heim


Desde os “restos do apóstolo” ata o “Prestige”, a Galicia case que todo lle chegou polo mar. A campá naval do “City of Agra” aínda soa no campanario da igrexa de Camelle. O “Palermo” soltou ao mar unha morea de acordeáns, que , ao estirarse, facían sons que oos paisanos tomaron por laios de almas en pena. “The Grand Liverpool” deixou na praia un xigantesco dente de elfante, co que se tallou un Cristo que aínda se venera na Coruña. O “Banora” perdeu o seu cargamento de doce millóns de mandarinas en 1965. O “Nil”, coñecido como “o barco do champán”, deu a probar este luxo por única vez na vida aos mariñeiros da empobrecida Costa da Morte. (Tamén traía leite codensado, que os pescadores confundiron con pintura branca e que usaron para repasar as portas das casas. A vila encheuse de moscas.

Outra idea de Galicia, Miguel Anxo Murado.

  1. SUBLIÑA O ANACO DO TEXTO QUE CONTÉN A IDEA PRINCIPAL.

  2. PODERÍAS DICIR QUE ESTE É UN TEXTO ARGUMENTATIVO? POR QUE?

  3. EXPLICA O EMPREGO DA LETRA CURSIVA: NO CORPO DO TEXTO E NAS FONTES.

  4. EXPLICA O EMPREGO DAS COMIÑAS EN: “OS RESTOS DO APÓSTOLO”, “THE GRAND LIVERPOOL”, “O BARCO DO CHAMPÁN”.

  5. QUE OUTRO SIGNO DE PUNTUACIÓN PODERÍAS POÑER EN VEZ DO PRIMEIRO PUNTO? POR QUE?

  6. QUE OUTRO SIGNO PODERÍAS POÑER EN VEZ DE TODOS OS PUNTOS QUE HAI NO ANACO QUE VAI DENDE A CAMPÁ ATA COSTA DA MORTE? POR QUE?

  7. CANTOS FONEMAS HAI NESTAS PALBRAS: LLE, CHEGOU? POR QUE?DEFINE FONEMA.

  8. DEMOSTRA QUE O GALEGO E OCASTELÁN TEÑEN FONEMAS DIFERENTES A PARTIR DESTAS PALABRAS: IGREXA, UNHA. COÑECES TI ALGÚN CASO MÁIS?

  9. DESCOMPÓN EN LEXEMAS E MORFEMAS: MOSCAS, FACÍAN, MARIÑEIROS.

  10. INDICA, XUSTIFICÁNDOO, SE SON SIMPLES, DERIVADAS OU PARASINTÉTICAS:EMPOBRECIDA, PORTAS, CARGAMENTO.

  11. FORMA UNHA FAMILIA LÉXICA, CON PALABRAS DO TEXTO, A PARTIR DE MAR.

  12. FORMA UN CAMPO SEMÁNTICO, CON PALABRAS DO TEXTO, A PARTIR DE CAMELLE.

  13. O PALERMO SOLTOU AO MAR UNHA MAREA DE ACORDEÓNS: ESTE ANACO FORMA UNHA ORACIÓN? POR QUE? PÓDESE CONSIDERAR TAMÉN UN TEXTO? PR QUE?

  14. OS MARIÑEIROS DA EMPOBRECIDA COSTA DA MORTE: ESTE ANACO FORMA UNHA ORACIÓN? POR QUE? UNHA FRASE OU SINTAGMA? POR QUE? UN TEXTO? POR QUE?


DESPOIS DE LER ATENTAMENTE ESTES TEXTOS, RESPONDE AS PREGUNTAS QUE VEÑEN A CONTINUACIÓN.

  1. Estou pensando, pensando; /de pensar vólvome tola. /Coa sogra da muller de meu irmán,/ ¿que parentesco me toca?

  1. Polo mundo me vou, madre,
    polo mundo a camiñar(e)
    en busca de Bernaldino
    que no o podo atopar(e).
    E se foi de terra en terra
    e de lugar en lugar(e)
    topou unha lavandeira
    lavando nun areal (e).
    -De Bernaldino señora
    Que novas me pode dar(e)?
    -Bernaldino, é da raíña
    o paxeciño galan(e).
    Ao decir estas palabras
    Bernaldino á porta sae.
    -Quen te trouxo aquí Sabela,
    quen te trouxo a este lugar(e)?
    -Teus amores Bernaldino,
    por aquí me fan andar(e).
    Colléronse polo brazo,
    puxéronse a pasear(e).
    En canto os vira a raiña
    aos dous mandara matar(e)
    a ela sotérrana no coro,
    a el sotérrano no altar(e).
    Dela naceu unha fonte,
    e del un verde olivar(e);
    Tanto crecen un e outro
    que aos ceos foron chegar.
    Cando os ventos sopran mainos
    os dous se queren falar(e)
    Cando os ventos sopran recios
    os dous se queren bicar(e)

  1. Debaixo dunha pipa tinta/ hai unha pita pinta; /cando a pipa tinta pinga, /a pita pinta pia.

  2. 0 santo apóstolo Santo André, que se atopaba naquel arredado curruncho, illado e senlleiro, andaba decote tristeiro de ver as grandes peregrinacións que de toda a parte do mundo cristián ían camiño de Compostela para facer oración diante do sartego de Santiago, malia das penalidades que tiñan que sufrir;e, en troques, o seu santuario víase baleiro, malia que tamén facía milagres e sandaba enfermos, que serían incurables sen a súa axuda protectora. E disque, di a lenda, o bo do Santo André percorría os camiños de vagar, e diriamos que un pouco amolado se non for santo.

Un día, no decurso dunha das súas longas camiñadas, en que ía cavilando na súa pouca sorte, achouse, de súpeto, ante Noso Señor, que viñera á nosa terra para ver como andaban as cousas, e ó velo, EL Señor preguntoulle:

Véxote tristeiro, André, ¿que é o que che acontece?

E Santo André, aproveitando, respondeulle:

Divino Mestre: ando tristeiro porque vexo que, de todo o mundo, veñen xentes visitar o teu discípulo Santiago, que está en boa terra e ten bos camiños para chegaren onda el; e sofren e padecen nos longos días das afastadas romaxes —e con toda a humildade, engadiu:

En troques ninguén vén a de min; o meu santuario está decote baleiro, como se eu non for tamén voso discípulo.

Noso Señor, ollándoo con agarimo, díxolle entón:

Dis ben, André, e ti non has ser menos do que Xacobe. De hoxe en diante prométoche que ninguén ha entrar no ceo sen que tiver visitado o teu santuario, polo menos unha vez na vida; e aquel que o non fixer de vivo, farao despois de morto.

E así foi, e por iso se di: "A San André de Teixido, vai de morto que non vai de vivo".

  1. ANÁLISE DOS TEXTOS

  • DIRÍAS QUE ESTES TEXTOS SON LITERARIOS? XUSTIFICA A TÚA RESPOSTA.

  • DIRÍAS QUE PERTENCEN Á LITERATURA POPULAR? XUSTIFICA A TÚA RESPOSTA.
    SE É ASÍ, DE QUE TIPO SON? XUSTIFICA A TÚA RESPOSTA.

  • QUE FINALIDADE PRIMA EN CADA UN DOS TEXTOS?

  1. GRAMÁTICA

  • LOCALIZA NO TEXTO 2 TODAS AS INTERFERENCIAS QUE HAXA DO CASTELÁN. SERÁN FRECUENTES NESTE TIPO DE TEXTOS? POR QUE?

  • EXPLICA A ACENTUACIÓN DAS PALABRAS EN NEGRIÑA DO TEXTO 4.

  • IDENTIFICA TODOS OS ANTROPÓNIMOS DOS TEXTOS. TRADÚCEOS Ó CASTELÁN E ENGADE DEZ MÁIS QUE TEÑAN UNHA FORMA GALEGA DIFERENTE Á CASTELÁN.

  • IDENTIFICA TODOS OS SUBSTANTIVOS E ADXECTIVOS QUE ATOPES NO DIÁLOGO DO TEXTO 4

  • ENTRE OS SUBSTANTIVOS SELECCIONADOS, BUSCA EXEMPLOS DE UN SUBSTANTIVO PROPIO, DE UN ABSTRACTO, DE UN INCONTABLE E DE UN COLECTIVO.

  • OS ADXECTIVOS SON ESPECIFICATIVOS OU EXPLICATIVOS? POR QUE?

  • VÉXOTE TRISTEIRO ANDRÉ: TRANSFORMA ESTA ORACIÓN PARA QUE APAREZA O ADXECTIVO TRISTEIRO EN GRAO SUPERLATIVO (ABSOLUTO E RELATIVO) EN GRAO COMPARATIVO (DE SUPERIORIDADE, DE INFERIORIDADE E DE IGUALDADE).

Última modificación: jueves, 7 de julio de 2016, 12:24