entroido 

No Neolítico, época en que o home comezou a domesticar a natureza, comeza a haber xa festas relacionadas coas tarefas do agro, como un tempo de descanso previo ós traballos que van vir. Na época dos romanos continúan estas festas e, en concreto, nas festas saturnais -en honor de Saturno, deus moi ligado ó agro, (representado cun fouciño e cunha gadaña e esposo de Ops, deusa da sementeira e do gando)- atópase o xérmolo do noso entroido, pois nelas disfrazábanse os romanos e intercambiaban os papeis amos e vasalos, imitando a rebelión de Saturno contra seu pai e o posterior destronamento deste.

Na Idade Media, a Igrexa intenta acabar con estas festas pagás, pola adoración a outros deuses e á natureza, pero, como non é quen de erradicalas, adáptaas ó calendario relixioso: convérteas e acéptaas como unha válvula de escape da “segunda natureza humana”, da natureza mala, previa ó tempo da Coresma. De aí os nomes que recibe esta festa: ENTROIDO,”entrada da Coresma”; CARNAVAL,”tempo da carne”, produto totalmente prohibido na Coresma, por ser esta unha época de sacrificio previo á conmemoración da morte de Cristo.

De aí ata os nosos días, nunhas zonas máis, noutras menos -como acontece nas zonas urbanas - nunhas épocas máis, noutras menos -como aconteceu na época da ditadura franquista -, a tradición continúa, o entroido segue vivo como unha festa en que todo está permitido, que fai a todos iguais, do mundo ó revés; de aí a necesidade das máscaras: As máis coñecidas en Galicia son:

  • Pantallas de Xinzo de Limia.

  • Cigarróns de Verín.

  • Peliqueiros de Laza.

  • Xenerais do Ulla.

    Ademais, estes protagonistas dos entroidos rurais levan chocas ou esquilas que, co seu ruído, anuncian a presencia da festa e adoitan levar unha vexiga de porco ou un vergallo co que baten na xente: no caso dos pantallas parece ser que isto se remonta a unha danza dos séculos XVI e XVII realizada polos matachíns despois da matanza do porco; no caso dos cigarróns e peliqueiros hai quen di que veñen representar ós antigos cobradores de impostos; no caso dos xenerais remóntanse ós soldados napoleónicos que invadiron a península no 1808.

    Ademais destas célebres máscaras hai outras de procedencia relixiosa:

  • Demos, boteiros e irrios, personaxes que tamén saían encabezando procesións, como reencarnación do mal.

  • Damas e galáns que enraízan con Adán e Eva.

    A duración do entroido varia duns pobos a outros, nalgúns mesmo comezan as celebracións en xaneiro mentres que noutros limítanse ós días grandes. O calendario naqueles lugares en que o entroido se cingue máis á súa tradición xira arredor destes días:

  • Domingo fareleiro ou das trapalladas: neste domingo os mozos adoitan perseguir as mozas e manchalas con cinza, formigas e ultimamente -coa paulatina desaparición das lareiras - con fariña ou farelo.

    Tamén se poden “bailar as olas”, pasalas de man en man ata que a alguén lle escache e se manche co que hai dentro (fariña,cinza,esterco...).

  • Xoves de comadres: compadres ou bonecos feitos por mulleres son aldraxados e queimados pese a oposición que presentan os homes ata o final.

  • Domingo corredoiro: o seu nome vén de que antigamente corríase un galo, actualmente é cando se le o pregón, un pregón burlesco que abre a festa.

  • Xoves de compadres ou lardeiro: emulan o xoves anterior pero agora son os homes os protagonistas.

  • Domingo gordo ou de entroido: día no que se centra a festa con fareladas e chanzas, coa saída das máscaras e comparsas, cos bailes...

  • Martes da queima dos entroidos, que non volverán aparecer ata o vindeiro ano, entroidos que se chaman e representan de diferentes xeitos:

    • Meco, representante dun antigo señor do Grove, con dereito de pernada, aforcado polos seus súbditos.

    • Urco, típico de Ourense, é a representación do can cerbeiro, serpe con cabeza de can que garda as portas do inferno.

    • Momo ou Mimo, xigantón de cartón, que sae polas rúas da Coruña.

    • Domingo de piñata: unha repesca da festa que se celebra sobre todo nos núcleos urbanos.

    Xa para rematar, hai que sinalar as relacións do entroido coa literatura: as coplas e cancións populares acompañan toda a festa e o teatro, a representación atopa nesta celebración moitas das súas raíces:

  • A celebración do martes de entroido substitúese en moitas zonas pola do Mércores de cinza ou de defuntos en que se enterra, paradoxicamente a sardiña, cando debería ser a carne, porque don Carnal deixa paso a dona Coresma.

    Tanto a queima do entroido como o enterro da sardiña van acompañados da lectura dun testamento, de carácter cómico como toda a festa.


Outras coplas de entroido:

General, general,
no vengha con valentías,
generales coma este
los como todos los días.

Avanza, caballo mío,
por riba desa muralla
y atropalla al enemigo
que siempre nos asoballa.

A miña muller é vella,
de vella non sobe á cama.
Arriba muller arriba,
malo varrizo te varra.

A miña Rosiña
ten un caravel.
Teno tan gardado
que eu non lle sei del.

A raíz do toxo verde
é moi mala de arrincar.
Os amoriños primeiros
son moi malos de olvidar.

No medio de San Miguel
hai un carballo das mentiras,
onde se xuntan as nenas
pra gobernar moitas vidas.

Non quero home grande
que o quero pequeniño.
Con sete varas de tea
fágolle un pantalonciño.


ACTIVIDADES.

1. Indica o significado de todos estes vocábulos relacionados co entroido:

ANDROIA OU BOTELO, APROPÓSITO, CHOQUEIRO, FILLOA, FOLIÓN, LERIA, RETRANCA, FARELO, ANTEFACE, DISFRACE, CACHUCHA, CARAUTA, CARANTA OU CARANTOÑA

2. Fala da celebración do entroido na túa zona.

3. Pensa nun feito, nunha noticia..., que mereza a túa crítica e elabora unha copla de entroido



Última modificación: jueves, 7 de julio de 2016, 12:24