Introdución

Parella por Oleg Zaytsev en Flickr con licenza CC-BY-SA
Un novo curso e o problema segue aí: a violencia, a ignorancia, a falta de argumentos, a lei do máis forte, ... pero tamén a permisividade, a falta de autoestima, o orgullo de non pedir axuda.

O 25 de novembro "Día Internacional Contra a Violencia de Xénero" non pode ser o único día no que teñamos presente o respeto mútuo e a igualdade de trato. E para que así sexa debe calar fondamente en nós unha comprensión das situacións que poden derivar na perda da dignidade das persoas. Porque o importante é non chegar a ese momento no que a solución é clara, denunciar, senón recoñecer os síntomas previos e actuar para non chegar a él.

Nesta tarefa na que teredes que crear un tuit ou lema, un podcast e unha curtametraxe cunha clara vocación emotiva e de reflexión persoal teredes que atopar o xeito de metervos na pel dos protagonistas, rebobinar as súas vidas cal flashback e atopar esas evidencias e comportamentos que anticipaban o triste final. Será nesa busca na que maduraredes como persoas e na que asumiredes de que ninguén é menos que ninguén.

Logo desta declaración de obxectivos podedes apreciar o traballo feito o curso pasado, e recopilados neste artigo de biblioebacomentada, para logo deixar voar a vosa imaxinación e creatividade nuns traballos de concienciación, difusión e reflexión que reflictan a grande personalidade que tedes.



Un exemplo que fuxe do estereotipo unidireccional da violencia de xénero é o vídeo gañador do premio do público do "I Concurso Nacional por la Igualdad y la Violencia de Género" convocado pola Fundación Mutua Madrileña realizado polos alumnos do IES Monte das Moas da Coruña,  e sobre o que podedes saber máis neste artigo do diario A Opinión. Se queres coñecer o vídeo gañador e outros finalistas accede ó artigo "Jóvenes contra la violencia de género" publicado no diario El País.