A LITERATURA GALEGA DENDE AS ORIXES ATA O SÉCULO XIX

 DA LITERATURA MEDIEVAL Ó REXURDIMENTO

1. A LITERATURA MEDIEVAL

1.3. A prosa medieval

Despois das cantigas, compuxéronse libros en prosa, de contido non literario (xurídicos, históricos...) e literario. Dentro destes últimos cultiváronse os temas que estaban de moda en toda Europa: a historia do rei Artur (en A demanda do Santo Graal), a guerra e a destrución de Troia (en A crónica troiana) e as historias de Carlomagno e Santiago Apóstolo (en Os miragres de Santiago).

Estas historias, que veñen de tan antigo e que tiveron tanto éxito, na Idade Media, seguen tendo moita vixencia. Velaquí dous fragmentos de dúas películas que veñen a demostralo.







ACTIVIDADES

1. BUSCA INFORMACIÓN E FAI UN PEQUENO RESUMO SOBRE A HISTORIA ARTÚRICA E OUTRO SOBRE A HISTORIA TROIANA.
2. INDICA O TEMA DO TEXTO QUE SEGUE:

Porque os bretóns, vencidos e sometidos como pobo, nunca deixaron a parte nin abandonaron (ninguén llelo pedira – ¡ou, estupidez anglosaxona! –) a súa fantasía e imaxinación desbordadas. E con estas armas, que se mantiñan ocultas para os ollos e o entendemento dos vencedores, urdiron e argallaron a súa máis cumprida e refinada vinganza.
Peregrinaron para iso ó val umbroso e neboento das súas máis remotas lembranzas e comezaron a recuperación -paulatina, vaga pero interminable – dos nomes dos seus probables xefes de antano, as máis verosímiles datas dos combates que libraron – mesmo os de menos sona- e o suposto ou real perfil das súas máis gloriosas xestas. E moi axiña os seus "conteors", trobeiros e arpistas comezaron a contalo en esgotadoras vixilias...
¿Que xestas? Todas; xaora: As reais e as inventadas, as certas e as incertas, as de antano e as de onte, todas xuntas, desde que o neto dun troiano chegara cos seus homes á deserta illa de Albión -só poboada daquela por algúns xigantes sen importancia- ata que os herdeiros do Rei Artur, moitos anos despois, guindaron na noite dos tempos todo un imperio de glorias e sabedoría hogano inimaxinables. É dicir todas as historias do mundo. E todas, as propias e as alleas, convertidas en bretonas para sempre... ¿Ou é que alguén ía atreverse cunha negación que tampouco podían probar? Os grandes baleiros que impedían afirmar a realidade eran os mesmos que impedían negar a súa existencia.

Irmán rei Artur, Carlos Reigosa


3. LE ATENTAMENTE ESTE FRAGMENTO E INDICA A QUE OBRA MEDIEVAL PERTENCE XUSTIFICANDO A TÚA RESPOSTA:

De como Helena facia dó por Paris.

E eu sõo aquela que nunca pensei vilania contra vós, nem cobiço outra cousa senom que a minha alma caa com a vossa. E por ende rogo á morte que lhe praza de a enviar pus ela moi cedo, ca os meus desejos estes som. Ai, morte! Por Deus, nom me tardes e segerei o meu mui leal amigo, ca ja moito tardei e fige mal e torto. Ai, meu amigo bõo e leal! Asperade-me atá que eu possa chegar a vós, e beijar-vos-ei o rostro e a boca, e des i ir-m-ei convosco, se poder. E bem certa sõo que poderei, se me a morte nom me fezer torto, que ja nom sinto em mim sinhal ninhum como eu possa viver, pois que vós nom vivedes.