A LITERATURA DE PREGUERRA

2. A Xeración Nós

Coñécese con este nome un grupo de escritores que, para europeizar e propagar a cultura galega, en 1920 crean a revista Nós, que sairá á luz ata o ano 1936, ano no que estoupa a Guerra Civil.


nos

Os escritores que forman parte desta xeración son os do grupo ourensán, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, e Castelao.

Son todos eles homes dunha grande cultura e de gran vocación pedagóxica que, intentando normalizar a literatura galega, na que tradicionalmente se cultivaba a poesía, dedícanse á prosa e ó ensaio.

ACTIVIDADES

OS ESCRITORES DO GRUPO OURENSÁN PASARON POR DÚAS ETAPAS, TAL E COMO NOS CONTA VICENTE RISCO NESTE FRAGMENTO, LEO CON ATENCIÓN E SINALA AS CARACTERÍSTICAS DE CADA ETAPA.

Ora o problema é cómo sendo como eramos e como somos, individualistas, inadaptados, antisociais, antigregarios, introvertidos, puidemos vir parar nunha cousa que semella tan cotiá e gregaria, como é o nacionalismo galego que na esencia é a afirmanza teimosa e forte da grei galega.
A resposta está dada, moito mellor do que eu puidera facelo, por Ramón Otero Pedrayo na súa novela Arredor de si.
Arredor de si, máis que unha novela, é a autobiografía non dun só home, senón dun agrupamento, case dunha xeración. É a autobiografía do cenáculo do autor ó que eu pertencín tamén. Polo seu mesmo individualismo, polo seu por min confesado egocentrismo, o noso agrupamento andou todo o tempo dando voltas arredor de si -e cada un arredor de si mesmo- sen atoparse endexamais de todo.
(...) Despois de tantas voltas e revoltas, despois de tantas viravoltas e trasvoltas polas lonxanías do espacio e do tempo, en procura de algo inédito que nos salvara do habitual e vulgar, viñemos dar na sorprendente descuberta de que Galicia, a nosa Terra, oculta ó noso ollar por un espeso estrato de cultura allea, falsa e ruín, vulgar e filistea, ofrecíanos un mundo tan esteso, tan novo, tan inédito, tan descoñecido, como os que andabamos a procurar por aí adiante.

Vicente Risco, Nós, os inadaptados

ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950)
Castelao foi político, pintor e escritor galego, un dos máis grandes de todos os tempos.

Como político, Castelao foi nacionalista; por ter esta ideoloxía, no bienio conservador republicano sufriu desterro en Badaxoz, e na etapa progresista da Fronte Popular foi deputado e un dos que elaborou o 1º Estatuto de Autonomía para Galicia. Xa na Guerra Civil, realizou misións diplomáticas para o goberno da República e, ante a vitoria dos falanxistas, foxe de España, primeiro a Estados Unidos e despois a Arxentina, onde morre exiliado. Esta é a nota de prensa que se envía ós xornais galegos despois da súa morte:

Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Rodríguez Castelao se advierte lo siguiente: La noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna. Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de ningún acto político. Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, literato y caricaturista. Se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados. De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro "Sempre en Galiza" ni de los álbumes de dibujos de la guerra civil. Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente.

Como debuxante e pintor, a obra de Castelao caracterízase por plasmar só o esencial, como un caricaturista, e por ter unha forte carga social: as súas personaxes pertencen ó pobo, son nenos, mulleres, homes de mar..., cos que mostra unha grande solidariedade e a través dos que reflicte os problemas morais, sociais e políticos do seu tempo.

cas

Entre as súas obras plásticas, podemos destacar o álbum Nós, Cousas da vida ou Milicianos.
Aquí vos deixo o enlace ó catálogo de obras de Castelao do museo de Pontevedra.

A obra literaria de Castelao participa das mesmas características da súa obra plástica: é unha obra sen adornos, na que só se conta o fundamental, e de gran compromiso social. Ademais, como tamén ocorre con parte das súas obras pictóricas, caracterízase polo lirismo e polo humor, como recurso para suavizar o tráxico da vida. Velaquí unha cita de Marck Twain coa que comeza unha das súas obras:

Detrás do humorismo, sempre hai unha gran dor; por iso, no ceo non hai humoristas.

Castelao escribiu prosa, entre a que podemos destacar Un ollo de vidro, na que un morto enterrado cun ollo de vidro vainos contando o que ve no cemiterio no que foi enterrado, Cousas, que son un conxunto de prosas breves acompañadas de cadansúa ilustración, ou Os dous de sempre, a súa única novela, na que nos conta a vida parelela de dous personaxes antagónicos, Pedriño, un lacazán sen obxectivos, e Rañolas, un eivado sen familia que coide del, que loita por unha vida mellor.

cousa

Se eu fose autor escribiría unha peza en dous lances. A obriña duraría dez minutos nada máis.

LANCE PRIMEIRO

Érguese o pano e aparece unha corte aldeá. Enriba do estrume hai unha vaca morta. Ao redor da vaca hai unha vella velliña, unha muller avellentada, unha moza garrida, dúas rapaciñas bonitas, un vello petrucio e tres nenos loiros. Todos choran a fío e enxoitan os ollos coas mans. Todos fan o pranto e din cousas tristes que fan rir, ditos paifocos de xentes labregas, angurentas e cobizosas, que pensan que a morte dunha vaca é unha gran desgraza. O pranto debe ter unha graza choqueira, para que estoupen de risa os do patio de butacas.
E cando se farten de rir os señoritos baixará o pano.

LANCE SEGUNDO

Érguese o pano e aparece un estrado elegante, adobiado con moito señorío. Enriba dunha mesa de pés ferrados de bronce, hai unha bandexa de prata, enriba da bandexa hai unha almofada de damasco, enriba da almofada hai unha cadeliña morta. A cadela morta semellará unha folerpa de neve. Ao seu redor chora unha fidalgona e dúas fidalguiñas novas. Todas elas fan o pranto e enxoitan as bágoas con paniños de encaixe. Todas van dicindo, unha a unha, as mesmas parvadas que dixeron os labregos diante da vaca morta, ditos tristes que fan rir, porque a morte dunha cadela non é para tanto.
E cando a xente do galiñeiro se farte de rir a cachón, baixará o pano moi a modiño.
Cousas

Tamén cultivou o teatro en Os vellos non deben de namorarse, estreada no exilio arxentino, é unha comedia que trat do namoramento de tres vellos de tres rapazas novas, cun final do que xa nos advirte o título:

BOTICARIO: Vós, polo menos, morrestes de morte natural, pero eu mateime. Fun tan parvo que non podía vivir sin Lela.

DON RAMÓN: ¡Tí matácheste con solimán da túa botica; pero eu mateime con solimán da miña bodega e con viño das tabernas! ¡ Morrín como un sapo, antre dous espantallos! ¡A miña caste non pudo ter un remate máis vil!

SEÑOR FUCO: Tamén eu me matei con solimán do meu corazón. ¡Tamén eu me matei!

BOTICARIO: Non te queixes, Fuco, porque tí polo menos… morreches farto de felicidade.

DON RAMÓN (Sinalando a Fuco): Este abellón morreu afogado en mel…

SEÑOR FUCO: Ningún de vós morreu tan adoecido coma min. Tí, Saturio, adormentácheste con xaropes da túa botica, para morreres sen doores. Tí, Ramón, morreches atordoado polo viño e non te decataches do pasamento. A miña morte foi arrabeada. Morrín como un can da rabia, coma quén olla unha fonte de auga pura e non pode bebela. Eu morrín de sede.¡Morrín por namorarme de vello!


Cantan os galos e tanxen os sinos dunha eirexa lonxana.

DON RAMÓN: ÍMonos deitar!

BOTICARIO: Ímonos.

Báixanse do valado e saen paseniñamente da escea, un após do outro.

SEÑOR FUCO: ¡Por namorarme de vello!

BOTICARIO: ¡Por namorarnos de vellos!

Cai o telón.

E xa por último, cultivou o ensaio; o máis importante, tamén publicado no exilio, é Sempre en Galiza, onde reflicte o seu pensamento político:

E diríalles máis: prohibistes o galego nas escolas para producir no espírito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolIes crer que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Expulsastes o galego das igrexas, facendo que os representantes de Cristo explicasen o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugastes o galego ante os Tribunais de Xustiza e chegastes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vos valeu? Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda a riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados.