A LITERATURA GALEGA DENDE AS ORIXES ATA O SÉCULO XIX

 DA LITERATURA MEDIEVAL Ó REXURDIMENTO

3. A LITERATURA DO REXURDIMENTO

3.3. Eduardo Pondal

 

Pondal

no 1835, tal e como el mesmo nos conta:

Eu nacín en agreste soedade
eu nacín cabo dun agreste outeiro
pr’onde o Anllóns con nobre maxestade
camiña o seu destino derradeiro.
Eu non nacín na vila nin cidade
mas lonxe do ruído lisonxeiro.
Eu nacín cabo do pinal espeso
eu nacín na pequena Ponteceso.

Despois de realizar os seus primeiros estudios na Nemiña, marchou no ano 1848 para Santiago onde se licencia en Filosofía e Medicina. Esta última foi a profesión que exerceu ata que en 1864 decide abandonala para dedicarse exclusivamente a escribir, labor que ocupou o resto da súa vida ata que a morte o sorprende na Coruña á volta do 1917.

En canto á súa obra poética, dicir que se afastou da poesía de raíz popular cultivada por Rosalía e por Curros para adicarse ó cultivo dunha poesía culta tanto no tema coma na forma, de aí que Pondal nunca fose tan comprendido nin tan coñecido coma os outros escritores mentados.

Escribiu poesía épica nos Eoas, obra que ocupou toda a súa vida e na que relata as fazañas dos navigantes na descuberta do Novo Mundo, e poesía épico-lírica en Rumores de los pinos, obra bilingüe, que despois reelabora abandonando o emprego do castelán e que deu lugar a Queixumes dos pinos.

En Queixumes fala das orixes celtas de Galicia, orixes que a particularizan e a afastan dos demais pobos peninsulares. E baseándose no que dixera o poeta británico Mcpherson de que o caudillo celta Breogán fora o fundador de Galicia, creou ou mellor deu nome -porque se existiu Breogán tiveron que existir outros máis- a heroes fortes e rexos, do estilo dos gregos, que viviron nun pasado mítico e glorioso para Galicia.

Tamén falou dos bardos, daquela aristocracia que coa súa poesía profética anticipáballe o futuro ó pobo celta, e vendo que o seu labor no presente coincidía co daqueles no pasado el nomeouse “o bardo de Brigantia” e como tal o recoñeceron os seus compañeiros de “a cova céltica”.

Segundo o poeta, el, coma todos os seres superiores, viviu na soidade que produce a incomprensión por parte das xentes de espírito "menos elevado", soidade que expresou en numerosos poemas con palabras semellantes ás que seguen:

mentras os fillos dos celtas
cumpren serva e innobre vida,
entonces o espírito invade do bardo
escura melancolía.

Ó lembrar ese pasado, a súa era unha intención patriótica, unha intención cívica: el pretendía dar a coñecer ó pobo galego a gloriosa etapa vivida polos seus antepasados para devolverlle o orgullo perdido e conciencialo de que tiña que espertar do seu sono e liberarse das cadeas que o oprimían, nun futuro que había de ser tan glorioso e brillante coma aquel pasado:

Dos celtas antigos
gloriosos exempros,
do duro romano
non lixios, non servos:
rompede as cadeas
da patria, dos eidos,
luitade valentes;
luitade gallegos.


O pobo galego tiña que ser libre e para iso había que loitar con valentía, tendo en conta que “o mellor para un bravo é morrer nas primeiras filas do combate e morrer defendendo a súa patria”, palabras estas coas que comeza o seu libro.

Pero non todos os versos que escribiu tiñan unha función ética, patriótica; escribiu tamén versos, acerca da natureza e da muller, nos que predominaba o lirismo.

Escolleu as paisaxes máis salvaxes, aquelas que inda non foran dobregadas pola man do home: a gándara poboada de uces e a fraga poboada de piñeiros que, abaneados polo vento, soltan queixumes que non son outros que os dos guerreiros celtas que, doídos de ver o pobo galego asoballado, fálanlle do que foi e do que ten que ser, dicindo así:

Galegos, sede fortes,
prontos a grandes feitos,
aparellade os peitos
a glorioso afán,
fillos dos nobres celtas,
fortes e peregrinos,
luitade polos destinos
dos eidos de Breogán.

Estas paisaxes pobounas de animais salvaxes: o cervo e o lobo que, por unha banda, viñan simbolizar a liberdade desexada, e, por outra, viñan simbolizar a soidade en que viven os espíritos “nobres e elevados” coma o del, coma o dos bardos

Como quedou dito, tamén falou nos seus versos das mulleres. E se ben, ás veces, as idealizou como virxes, doncelas, fadas ás que os heroes rendían homenaxe, preferiu consideralas dende unha perspectiva erótico-naturista, como obxectos de pracer ó servicio dos guerreiros, como algo que o heroe colle e deixa no camiño porque el tiña grandes misións que cumprir, tiña grandes fazañas que realizar e ningunha presencia feminina podía converterse nun obstáculo.

Todas estas ideas, todos estes pensamentos, expresounos, como non, na nosa fala, consciente do poder que a fala ten para un pobo: é o sinal de identidade que axuda a que os pobos conserven a súa independencia; tal e como dixo en:

Nobre e harmoniosa
fala de Breogán
fala boa, de fortes
e grandes sin rival,
(...)
ti nos eidos da Celtia
e co tempo serás
un lábaro sagrado
que ao triunfo guiará
fala nobre, harmoniosa,
¡fala de Breogán!

Pero se nos temas foi un poeta culto -falou da historia de Galicia- tamén o foi no aspecto lingüístico, e así traballou a lingua depurándoa; seleccionando o vocabulario segundo un criterio eufónico e enriquecéndoo con termos latinos e gregos. Por iso din que lle dixo a Galicia: déchesme una lingua de ferro e déixoche unha lingua de ouro.


Déixovos un documento coa historia e a letra do noso himno.

Como ocorreu coa nosa bandeira, a creación do noso himno nace como froito dunha iniciativa dos emigrantes.

O noso himno pasou por unha serie de peripecias. En principio, pensouse en Curros e en “Chané” como autores da letra e da música, respectivamente. Pero ó non cumpriren os prazos demandados polos promotores, elixiuse o poema “Os Pinos” de Pondal con música do maestro Pascual Veiga.

Ademais do himno de Pondal, existe outro de Alfredo Brañas, precursor do nacionalismo galego contemporáneo, que leva por título “Deus fratesque Galaeciae”:

Casta dos celtas ¡esperta axiña!
¡Ergue do fango da escravitú!
¡Patria da y alma, teus ceibes cantos
Henchan o mundo do Norte a Sul!
Dos meus pasados bendita terra.
Nai amorosa de mina Nai.
¡Creva as cadeas que te asoballan
E cingue a croa da libertá!

Cantai, galegos,
O hino xigante
Dos pobos grandes;
Cantai, galegos,
A idea santa
Da independenza
Da nosa Patria.

Os de Castela son castelaos,
Os de Galicia galegos son,
Pero non somos, como hespañoles,
Nin eles amos, nin servos nós.
Das costas bravas de Finisterre
Hastra as douradas beiras do Sil,
¡Ruxan os berros de guerra e morte,
contra tiranos do meu pais!

Ártabros fortes
Feros brigantes,
Sombras queridas
Doutras edades,
¡Prestade alentos
Ós que batallan
Por esta meiga
Pequena Patria!.

O himno de Pondal foi considerado en principio como himno oficial do Centro Gallego da Habana no ano 1908 e posteriormente, logo de diversas tentativas, acabaríase convertendo no himno nacional de Galicia:

-Que din os rumorosos,
na costa verdencente,
ó raio transparente
do prácido luar...?
Que din as altas copas
de escuro arume harpado
co seu ben compasado,
monótono fungar...?

-Do teu verdor cinxido
e de benignos astros,
confin dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono,
desperta do teu sono
fogar de Breogán.

Os bos e os xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso rouco son;
mas, sos, os ignorantes,
e féridos, e duros,
imbéciles e escuros
non os entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades,
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante,
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.


Ata 1923 foi entoado por galeguistas e agraristas nos seus actos, consolidánde, pouco a pouco, como símbolo de Galicia. Cando se prohibiu durante a ditadura de Primo de Rivera, as sociedades galegas de América afanáronse en interpretalo publicamente. Coa Segunda República foi recoñecido oficialmente. Na ditadura franquista evitouse cantalo, só, na última etapa, se comezou a cantar a primeira parte, evitando as referencias ideolóxicas, como unha mostra do floclore galego. En 1977, xa morto Franco, todos os partidos asumen o poema de Pondal como himno de Galicia.


O tema central do himno é unha incitación para que Galicia, o “fogar de Breogán”, reaccione, “esperte do seu sono” e emprenda o camiño cara á liberdade escoitando a voz dos “rumorosos”, dos piñeiros, que simbolizan ós nosos antepasados.

2. A continuación déixovos dous vídeos: no primeiro, podedes escoitar unha versión do noso himno, Os pinos; no segundo, escoitaredes unha versión daqueloutro himno a partir do poema de Alfredo Brañas, Deus fratesque Gallaecia.