A LITERATURA GALEGA DENDE AS ORIXES ATA O SÉCULO XIX

 DA LITERATURA MEDIEVAL Ó REXURDIMENTO

3. A LITERATURA DO REXURDIMENTO

3.1. Rosalía de Castro


http://madridpress.com/upload/img/periodico/img_34755.jpg


1. Déixovos unha PRESENTACIÓN acerca da vida e da obra desta escritora.

2. A continuación, déixovos o texto no que se basea a presentación anterior.

Das principais figuras do Rexurdimento, a figura máis mitificada foi Rosalía, porque foi a autora da primeira obra maestra escrita en galego, Cantares Gallegos, e porque foi a voz da Galicia marxinada que seguía falando galego.

No ano 1837 nace en Santiago de Compostela María Rosalía Rita, filla da fidalga María Teresa de la Cruz de Castro e do seminarista, despois crego, José Martínez Viojo.

Nos primeiros anos da súa vida, e debido ás circunstancias do seu nacemento, vive ó cargo dunha tía paterna, primeiro no val de Ortoño e despois en Padrón, onde entra en contacto coas xentes do campo e, conseguintemente, onde toma conciencia da marxinación e da opresión que padecían.

No 1854, xa vivindo coa súa nai, trasládase a Santiago; alí, probablemente estuda música e debuxo e ponse en contacto coa intelectualidade galega do momento. Tres anos máis tarde marcha para Madrid, vila na que publica o seu primeiro libro, un libro de poemas titulado La flor.

No 1858, Rosalía casa con Manuel Murguía con quen reside en diferentes partes da península; e é nesta situación, fóra de Galicia, cando se decide a escribir en galego, levada pola morriña e polo desexo de demostrar que a súa terra é digna de louvanzas e que a súa fala non é ese dialecto bárbaro que cren coñecer os que nos aldraxan; e xorde así Cantares gallegos.

Nos trinta e seis poemas que compoñen o libro, falan diferentes personaxes galegas, acerca dos seus amores, dos seus costumes..., das súas mágoas ante os males sociais padecidos como é a emigración:

; adiós, fontes;/adiós, regatos pequenos;/adiós, vista dos meus ollos;/non sei cándo nos veremos

No tempo que transcorre ata a publicación do segundo libro en galego, Follas novas, hai que destacar a publicación doutros dous libros escritos en castelán, Ruinas (1868) e El caballero de las botas azules (1867). E, xa nun plano persoal, hai que destacar a morte da súa nai e de varios dos seus fillos; a de Adriano relátanola ela mesma: ...y mientras silenciosa/lloraba yo y gemía/mi niño tierna rosa/durmiendo se moría.

Follas novas sae á luz no 1880. Os poemas aparecen distribuídos, segundo a temática, en cinco partes: Vaquedás, Do Íntimo, Varia, Da terra, As viudas dos vivos e as viudas dos mortos.

Nas partes I e II Rosalía relega a un segundo plano a poesía popular e trata das interferencias entre a vida e a poesía e fai unha reflexión angustiada e pesimista acerca da existencia humana: Follas novas!, risa dá-me/ese nome que levás,/cal si a unha moura ben moura,/branca lle oise chamar./Non Follas novas; ramallo/de toxos e silvas sos:/hirtas, como as miñas penas;/feras, como a miña dor.

Nas partes IV e V Rosalía denuncia a miseria da xentes do campo e a súa inxusta consecuencia, a emigración, que fai das mulleres galegas Viúdas dos vivos e viúdas dos mortos, porque os homes que non morren están igual lonxe delas: Éste vaise i aquél vaise,/e todos, todos se van./Galicia, sin homes quedas/que te poidan traballar./tes, en cambio, orfos e orfas/e campos de soledad,/e nais que non teñen fillos/e fillos que non tèn pais./E tes corazóns que sufren/longas ausencias mortás,/viudas de vivos e mortos/que ninguén consolará.

Na parte III, “Varía”, como indica xa o seu nome, hai poemas de temática moi variada: Decides que o matrimónio/é santo e bueno. Será-io;/mais non casou San António,/por máis que o mismo demónio/tentou-no a facé-lo ensaio.

Ademais dos dous libros de poemas comentados, Rosalía escribe un Conto gallego, pero decide non escribir máis en galego porque, segundo as súas propias palabras, non quere incordiar máis ós seus paisanos que non sempre recibiron con gratitude as súas verbas.

No ano 1884 escribe Rosalía o seu último libro, un libro de poemas xa en castelán, En las orillas del Sar, e un ano despois, no 1885, morre na súa casa de Matanza en Padrón na miseira, no abandono e no silencio, só roto pola axuda dos emigrantes.

Foi un atrevemento que unha muller escribise, maior atrevemento aínda foi que o fixese en galego, e xa foi imperdoable que unha muller e en galego tratase temas existenciais, tal e como nos di Curros: A musa dos pobos/que vin pasar eu,/comesta dos lobos,/comesta se veu.../Os ósos son dela/que vedes gardar/¡Ai, dos que levan na fronte unha estrela!/¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

ROSALÍA DE CASTRO (1837-1885)
Aínda non lles está permitido ás mulleres escribir o que senten e o que saben.


 A continuación un vídeo, que che dará unha idea do alcance desta escritora:

Tamén vos deixo uns vídeos feitos a partir de cinco poemas da autora por se vos animades a facer un traballo sobre algún deles.