A LITERATURA GALEGA DENDE AS ORIXES ATA O SÉCULO XIX

 DA LITERATURA MEDIEVAL Ó REXURDIMENTO

3. A LITERATURA DO REXURDIMENTO

Déixovos unha presentación coa que podedes preparar a situación de Galicia, do galego e da súa literatura no século XIX.

A continuación, tedes o texto no que está baseada a presentación anterior:

GALICIA, O GALEGO E A SÚA LITERATURA NO SÉCULO XIX

O pobo pasa fame:comen carne as clases acomodadas e as outras, que forman a maior parte dos habitantes de Galicia, viven con legumes e pouco pan.(La nación)

Moitos emigran buscando unha vida mellor, pero...: En agosto terían arribado uns 1700, pero ata decembro morreran 500; toda a súa culpa foi pedir pan para non morrer de fame e, querendo a empresa castigalos, mandaron encerralos, con grillós, estando espidos e descalzos, alimentados con carne descomposta...(Carta ó ministro de estado de Isabel II)

A escola é en castelán: Los maestros y maestras que enseñasen a sus alumnos en otro idioma o dialecto que no sea el castellano, serán castigados. (Real Decreto, 1902)

Algúns intelectuais "tolos" intentan facer do galego unha lingua literaria: El gallego no lo hablan los que lo escriben. (Emilia Pardo Bazán)

Os galeguistas intentan enorgullecer ós galegos: Es galego? Si, pola miña fortuna.Ese nome de galego de quen o recibiches? Da miña nai Galicia, que é a terra máis fermosa de tódalas terras de España. (Catecismo de Solidariedade Galega)

NO SÉCULO XIX PRODÚCESE O REXURDIMENTO, movemento de recuperación da literatura galega que marca o inicio da Literatura Galega Contemporánea.

A literatura do Rexurdimento caracterízase por ser unha literatura comprometida co País, por ser, case na súa totalidade poética e por ter vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.

O Rexurdimento prodúcese grazas a que o galego seguía a ser a lingua maioritaria, á defensa que os Ilustrados fixeran no XVIII, ós galeguistas, que ven na lingua o principal sinal de identidade e á necesidade de convencer ós galegos para participar na Guerra da Independencia.

O Rexurdimento está emparentado cos movementos europeos da época: do Romanticismo, toma a defensa dos marxinados e do Realismo, toma a idea de que a arte é útil para cambiar a realidade, tema principal dos seus escritos.

No primeiro terzo do XIX, aparecen textos illados que defenden ou denuncian algún feito da época: As leis inxustas e feras/que a tiranía inventou/non as queremos, nin menos/queremos a Inquisición. (Anónimo)

No segundo terzo do XIX aparecen os primeiros libros, con forte compromiso galeguista: Xa hai tempo que estou eu o Gaiteiro falando só, e dicindo para min: Que terá, Señor, esta fala gallega para ser tan refugada aínda polos mesmos fillos de Galicia? (X.M.PINTOS, A gaita gallega).

No terceiro terzo do XIX aparece os libros dos tres grandes escritores: Rosalía, Pondal e Curros Enríquez. É o Rexurdimento pleno.

ACTIVIDADES
ELABORA UN ESQUEMA ACERCA DO SÉCULO XIX, COS SEGUINTES APARTADOS:

  • A SITUACIÓN DE GALICIA
  • A SITUACIÓN DO GALEGO
  • A SITUACIÓN DA LITERATURA: MOVEMENTO LITERARIO
    • DEFINICIÓN
    • CARACTERÍSTICAS
    • CAUSAS
    • INFLUENCIAS
    • ETAPAS E CARACTERÍSTICAS