A LITERATURA GALEGA DO SÉCULO XX

Sitio: Aula virtual
Curso: Lingua Galega
Libro: A LITERATURA GALEGA DO SÉCULO XX
Imprimido por: Invitado
Día: viernes, 23 de agosto de 2024, 04:22

Descripción

SECULO XX

A LITERATURA DE PREGUERRA

  1. CONTEXTO HISTÓRICO

BASILIO

     
  • Xorde o agrarismo, movemento que loita para que os campesiños poidan ser donos das terras que traballan. A principal asociación, nesta loita, é Acción Gallega, liderada por un crego de Ourense, Basilio Álvarez.
    No 1926, na ditadura de Primo de Rivera, conseguen o seu obxectivo. Como consecuencia, desaparece a fidalguía e aparece un campesiñado propietario.

  • Medra a industria (de conservas, de construción naval...), o comercio e a banca. Como consecuencia, por unha banda medran as cidades, especialmente a Coruña e Vigo, por outra banda, a burguesía comeza a ter certo peso na sociedade.

  • Ligadas ó galeguismo, xorden as Irmandades da Fala, no 1916, asociacións destinadas a defender a lingua e a cultura galegas, e que reclaman:

    • Autonomía para Galicia para poder solucionar os problemas do País (pobreza e emigración masiva).

    • Organización federal da Península.

    • Cooficialidade entre o galego e o castelán.

    • Fomento da cultura galega:

      • Crean xornais (A Nosa Terra...)

      • Crean editoriais (Nós...)

      • Crean o Seminario de Estudos Galegos, institución destinada a investigar acerca da xeografía, da historia..., de Galicia.

  • No 1931, nace o Partido Galeguista, conseguindo situar nas cortes da República, a Otero Pedrayo e a Castelao. En xuño de 1936 conseguen que se aprobe o 1ª Estatuto de Autonomía para Galicia, que nunca se pon en práctica pola Guerra Civil e pola posterior implantación da ditadura.


  1. A CREACIÓN LITERARIA
    Antes da Guerra Civil, asistimos á presenza de dous grupos de escritores con características comúns: A Xeración das Irmandades e a Xeración Nós.

1. A Xeración das Irmandades

Resultado de imagen de irmandades da fala

Coñecemos con este nome a un grupo de escritores que colaboran coas Irmandades da Fala. De entre todos eles, destaca Ramón Cabanillas.

RAMÓN CABANILLAS (Cambados, 1876-1959)

Escritor no que se fusionan:

      • O modernismo de finais do XIX (o gusto polo exótico, polos elementos lendarios, polo sensual...)

      • O compromiso co movemento agrario e o galeguismo.

Cultiva a prosa, pero, especialmente, a poesía e o teatro:

      • Como libro de poemas, podemos destacar No desterro, libro escrito na Habana, cun forte compromiso co movemento agrario.

      • No teatro, podemos destacar dúas obras ó servizo da causa galeguista: Na noite estrelecida, na que fai unha recreación galeguizada da historia do rei Artur, subliñando as orixes celtas de Galicia, e O Mariscal,, que ten como protagonista a Pardo de Cela, nobre que se opuxo ó dominio dos Reis Católicos sobre Galicia.

ACTIVIDADES

Le os textos que seguen e, despois, sitúaos, xustificando a resposta, na súa obra, no galeguismo ou no modernismo. Conta o seu argumento e sinala os seus temas.

A. ¡Irmáns! ¡Irmáns galegos!
¡Desde Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!
Que vexa a Vila podre,
coveira da canalla,
a Aldea que traballa
disposta pra loitar.
Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns galegos!
que corra a sangre a regos
dende a montaña ó mar.
¡Ergámonos sen medo!
¡Que o lume da toxeira
envolva na fogueira
o pazo señorial!
Xa o fato de caciques
ladróns e herexes fuxe
ó redentor empuxe
da alma rexional.
Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns galegos!
que corra a sangre a regos
dende a montaña ó val.


B. Nun nimbo lumioso surde o bardo adiviño,
envolveito en brancuras recedentes de liño,
ollos gazos, profundos, longa barba frorida,
cingue a frente coas hedras da coroa druida
e na man, que reloce como un lirio bendito
ten a fouce de ouro do litúrxico rito;
a fouce segadora da mandrágora,
de feitizo e de agoiro dos luares de maio.
É Merlín o profeta, o celta armoricán,
dos silfos e das lumias ollado por irmán,
sabidor dos encantos e os máxicos conxuros,
das virtudes das herbas e dos fados escuros,
que nos craros dos bosques e os baixíos costeiros
deprendeu o diviño lenguaxe dos luceiros;
o bardo das edades, o da segreda ciencia
que a terra fixo súa, impóndolle obediencia
ás ágoas da riada, ós rochedos do cume,
ás nubes da tromenta, á ardentía do lume

2. A Xeración Nós

Coñécese con este nome un grupo de escritores que, para europeizar e propagar a cultura galega, en 1920 crean a revista Nós, que sairá á luz ata o ano 1936, ano no que estoupa a Guerra Civil.


nos

Os escritores que forman parte desta xeración son os do grupo ourensán, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, e Castelao.

Son todos eles homes dunha grande cultura e de gran vocación pedagóxica que, intentando normalizar a literatura galega, na que tradicionalmente se cultivaba a poesía, dedícanse á prosa e ó ensaio.

ACTIVIDADES

OS ESCRITORES DO GRUPO OURENSÁN PASARON POR DÚAS ETAPAS, TAL E COMO NOS CONTA VICENTE RISCO NESTE FRAGMENTO, LEO CON ATENCIÓN E SINALA AS CARACTERÍSTICAS DE CADA ETAPA.

Ora o problema é cómo sendo como eramos e como somos, individualistas, inadaptados, antisociais, antigregarios, introvertidos, puidemos vir parar nunha cousa que semella tan cotiá e gregaria, como é o nacionalismo galego que na esencia é a afirmanza teimosa e forte da grei galega.
A resposta está dada, moito mellor do que eu puidera facelo, por Ramón Otero Pedrayo na súa novela Arredor de si.
Arredor de si, máis que unha novela, é a autobiografía non dun só home, senón dun agrupamento, case dunha xeración. É a autobiografía do cenáculo do autor ó que eu pertencín tamén. Polo seu mesmo individualismo, polo seu por min confesado egocentrismo, o noso agrupamento andou todo o tempo dando voltas arredor de si -e cada un arredor de si mesmo- sen atoparse endexamais de todo.
(...) Despois de tantas voltas e revoltas, despois de tantas viravoltas e trasvoltas polas lonxanías do espacio e do tempo, en procura de algo inédito que nos salvara do habitual e vulgar, viñemos dar na sorprendente descuberta de que Galicia, a nosa Terra, oculta ó noso ollar por un espeso estrato de cultura allea, falsa e ruín, vulgar e filistea, ofrecíanos un mundo tan esteso, tan novo, tan inédito, tan descoñecido, como os que andabamos a procurar por aí adiante.

Vicente Risco, Nós, os inadaptados

ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950)
Castelao foi político, pintor e escritor galego, un dos máis grandes de todos os tempos.

Como político, Castelao foi nacionalista; por ter esta ideoloxía, no bienio conservador republicano sufriu desterro en Badaxoz, e na etapa progresista da Fronte Popular foi deputado e un dos que elaborou o 1º Estatuto de Autonomía para Galicia. Xa na Guerra Civil, realizou misións diplomáticas para o goberno da República e, ante a vitoria dos falanxistas, foxe de España, primeiro a Estados Unidos e despois a Arxentina, onde morre exiliado. Esta é a nota de prensa que se envía ós xornais galegos despois da súa morte:

Habiendo fallecido en Buenos Aires el político republicano y separatista gallego Alfonso Rodríguez Castelao se advierte lo siguiente: La noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna. Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de ningún acto político. Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, literato y caricaturista. Se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados. De su actividad literaria y artística no se hará mención alguna del libro "Sempre en Galiza" ni de los álbumes de dibujos de la guerra civil. Cualquier omisión de estas instrucciones dará lugar al correspondiente expediente.

Como debuxante e pintor, a obra de Castelao caracterízase por plasmar só o esencial, como un caricaturista, e por ter unha forte carga social: as súas personaxes pertencen ó pobo, son nenos, mulleres, homes de mar..., cos que mostra unha grande solidariedade e a través dos que reflicte os problemas morais, sociais e políticos do seu tempo.

cas

Entre as súas obras plásticas, podemos destacar o álbum Nós, Cousas da vida ou Milicianos.
Aquí vos deixo o enlace ó catálogo de obras de Castelao do museo de Pontevedra.

A obra literaria de Castelao participa das mesmas características da súa obra plástica: é unha obra sen adornos, na que só se conta o fundamental, e de gran compromiso social. Ademais, como tamén ocorre con parte das súas obras pictóricas, caracterízase polo lirismo e polo humor, como recurso para suavizar o tráxico da vida. Velaquí unha cita de Marck Twain coa que comeza unha das súas obras:

Detrás do humorismo, sempre hai unha gran dor; por iso, no ceo non hai humoristas.

Castelao escribiu prosa, entre a que podemos destacar Un ollo de vidro, na que un morto enterrado cun ollo de vidro vainos contando o que ve no cemiterio no que foi enterrado, Cousas, que son un conxunto de prosas breves acompañadas de cadansúa ilustración, ou Os dous de sempre, a súa única novela, na que nos conta a vida parelela de dous personaxes antagónicos, Pedriño, un lacazán sen obxectivos, e Rañolas, un eivado sen familia que coide del, que loita por unha vida mellor.

cousa

Se eu fose autor escribiría unha peza en dous lances. A obriña duraría dez minutos nada máis.

LANCE PRIMEIRO

Érguese o pano e aparece unha corte aldeá. Enriba do estrume hai unha vaca morta. Ao redor da vaca hai unha vella velliña, unha muller avellentada, unha moza garrida, dúas rapaciñas bonitas, un vello petrucio e tres nenos loiros. Todos choran a fío e enxoitan os ollos coas mans. Todos fan o pranto e din cousas tristes que fan rir, ditos paifocos de xentes labregas, angurentas e cobizosas, que pensan que a morte dunha vaca é unha gran desgraza. O pranto debe ter unha graza choqueira, para que estoupen de risa os do patio de butacas.
E cando se farten de rir os señoritos baixará o pano.

LANCE SEGUNDO

Érguese o pano e aparece un estrado elegante, adobiado con moito señorío. Enriba dunha mesa de pés ferrados de bronce, hai unha bandexa de prata, enriba da bandexa hai unha almofada de damasco, enriba da almofada hai unha cadeliña morta. A cadela morta semellará unha folerpa de neve. Ao seu redor chora unha fidalgona e dúas fidalguiñas novas. Todas elas fan o pranto e enxoitan as bágoas con paniños de encaixe. Todas van dicindo, unha a unha, as mesmas parvadas que dixeron os labregos diante da vaca morta, ditos tristes que fan rir, porque a morte dunha cadela non é para tanto.
E cando a xente do galiñeiro se farte de rir a cachón, baixará o pano moi a modiño.
Cousas

Tamén cultivou o teatro en Os vellos non deben de namorarse, estreada no exilio arxentino, é unha comedia que trat do namoramento de tres vellos de tres rapazas novas, cun final do que xa nos advirte o título:

BOTICARIO: Vós, polo menos, morrestes de morte natural, pero eu mateime. Fun tan parvo que non podía vivir sin Lela.

DON RAMÓN: ¡Tí matácheste con solimán da túa botica; pero eu mateime con solimán da miña bodega e con viño das tabernas! ¡ Morrín como un sapo, antre dous espantallos! ¡A miña caste non pudo ter un remate máis vil!

SEÑOR FUCO: Tamén eu me matei con solimán do meu corazón. ¡Tamén eu me matei!

BOTICARIO: Non te queixes, Fuco, porque tí polo menos… morreches farto de felicidade.

DON RAMÓN (Sinalando a Fuco): Este abellón morreu afogado en mel…

SEÑOR FUCO: Ningún de vós morreu tan adoecido coma min. Tí, Saturio, adormentácheste con xaropes da túa botica, para morreres sen doores. Tí, Ramón, morreches atordoado polo viño e non te decataches do pasamento. A miña morte foi arrabeada. Morrín como un can da rabia, coma quén olla unha fonte de auga pura e non pode bebela. Eu morrín de sede.¡Morrín por namorarme de vello!


Cantan os galos e tanxen os sinos dunha eirexa lonxana.

DON RAMÓN: ÍMonos deitar!

BOTICARIO: Ímonos.

Báixanse do valado e saen paseniñamente da escea, un após do outro.

SEÑOR FUCO: ¡Por namorarme de vello!

BOTICARIO: ¡Por namorarnos de vellos!

Cai o telón.

E xa por último, cultivou o ensaio; o máis importante, tamén publicado no exilio, é Sempre en Galiza, onde reflicte o seu pensamento político:

E diríalles máis: prohibistes o galego nas escolas para producir no espírito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolIes crer que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Expulsastes o galego das igrexas, facendo que os representantes de Cristo explicasen o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugastes o galego ante os Tribunais de Xustiza e chegastes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vos valeu? Porque despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda a riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados.

A Xeración das Vangardas

van

Os escritores galegos das Vangardas, tamén chamados novecentistas, procuraron, como todos os artistas da época a renovación da literatura.

En Galicia, podemos falar de tres movementos vangardistas: o creacionismo, o hilozoísmo e o neotrobadorismo.

O creacionismo é o movementos máis rompedor, quere crear unha literatura nova chea de imaxes insólitas. O neotrobadorismo e o hilozoísmo son unha fusión de tradición e innovación: o primeiro recupera os motivos das cantigas medievais, pero adaptándoos ós novos tempos, e o segundo continúa coa tradición paisaxística, pero enchéndoa de recursos literarios.

ACTIVIDADES

A continuación aparecen tres textos que exemplifican os tres movementos de Vangardas dos que vimos de falar. Inclúe cada texto no seu movemento, argumentando a túa inclusión.


1. Cansos xa de percorrer camiños vellos e fracasados, temos arrenegado de todos eles; pero non queremos sinalar un camino determinado.
(...)
Consagramos a individualidade ata o extremo de desexar que a definición de cada un de nós sexa unha verba: o seu propio nome.


MANUEL ANTONIO, Fragmento do manifesto Máis Alá

2. A lua é velliña,
de brancos cabelos,
de enrugas de ouro
e de olliños cegos.
Érguese do leito
das foulas do mar
palpando os espazos
para camiñar.
Anda pol-o mundo
sin ver a onde vay
poil-as estreliñas
lévanna da man.
Envolveita en néboas
hase de abrigar
pois como vai vella
tense de coidar.
Cando na outa noite
brua o temporal
a lua antr'as tebras
tápase a tremar.
E así qu'o mal tempo
amainado vai
asoma a faciana
y-espalla o luar.
AMADO CARBALLO

3. Amigo, sem necessidade
de refrám nem paralelismo,
direi a minha angústia e menos o meu gozo.
Como cando eu vestia o brial da brancura,
coberta hoje de púrpura ou despida,
elevo a minha voz como umha pomba ou lóia
no amanhecer ferido polo lume do amor
ou co chumbo na asa da arela estrelecida.
Amigo, já nom cavalgas
para a fronteira cando vem o maio,
nem eu teço já a tranca dos meus dias de ausência
com báguas de amargura resignada,
dogal dos meus suspiros no teu colo
que os meus braços nom premem.
Voando vás ao longe, vés num voo,
beijas-me por teléfono,
acendes-me as entranhas cabogramicamente.
Eu monto a égua apocalíptica
da liberdade de ventas fumegantes,
e a minha boca é doce e azeda a um tempo,
madurada em fatal celme de pressa e fogo.
Amigo, talvez és
plural e intermitente,
fragmentário e efémero.
E eu som eterna e múltipla,
moribunda e incólume.
Fumando as horas de violento pulso,
batendo cos meus calcanhares as ilhargas da vida,
galopo contra ti ou fujo-te, cantando
sem leixa-prem nem dobre,
agora feliz morte, magoado nacimento
agora, alegre pranto, duro riso,
eu, voz em viva carne, dor e gozo, cantando
o teu amor, amigo.
CARVALHO CALERO



A LITERATURA DE POSGUERRA


Conxunto de textos escritos trala guerra civil, primeiro no exilio e despois en Galicia, que veñen romper o silencio na longa noite de pedra da ditadura franquista.

1. CONTEXTO HISTÓRICO

  • Na ECONOMÍA, despois de pasar a Guerra, vívese un etapa de gran pobreza, de contrabando..., centrada na subsistencia e no autoconsumo do que se produce no agro.
    Nos anos 60/70, pasados os anos máis duros da posguerra, aparecen novas empresas, Coren, Larsa, Citröen...
    Pese a estes cambios económicos, a emigración galega continúa sendo masiva: de 1947 a 1973, 700.000 galegos buscan traballo en Europa, en América e noutras zonas do estado máis prósperas (Cataluña, Euskadi).

  • No ÁMBITO POLÍTICO, asistimos a unha etapa de represión e de silencio das esquerdas e do galeguismo (Ánxel Casal, director de Nós, e Bóveda son fusilados; Castelao, Luís Seoane, Lorenzo Varela teñen que exilarse; Otero é afastado do seu maxisterio na universidade de Santiago...).


O réxime franquista segue unha política centralista e uniformizadora que procura a perda da identidade galega: toda a actividade política e cultural do nacionalismo de preguerra foi truncada: desapareceu o Partido Galleguista, o Seminario de Estudos Galegos, a revista Nós, o periódico A nosa terra...
Fronte a este intento de silenciar a identidade galega, a actividade galeguista continúa, primeiro no exilio e despois en Galicia, que pasará dunha fase cultural (nos anos 50 fúndase a editorial Galaxia), nos peores anos da represión, a unha etapa política, nos anos 60 (cando se fundan partidos políticos como UPG ou PSGA.

Xa para concluír, remarcar que os anos inmediatamente posteriores á Guerra son os peores, economicamente e politicamente; será a partir dos anos 60/70, coa apertura do Réxime franquista, cando a situación comece a mellorar. Estas dúas etapas que podemos establecer nos anos que van dende a fin da Guerra ata a chegada da Democracia, terán o seu reflexo, tamén, no ámbito cultural e literario que imos estudar.



2. A SITUACIÓN LITERARIA: DO SILENCIO Á RENOVACIÓN LITERARIA

Unha vez máis a situación literaria é espello fiel da situación política, por iso a recuperación da literatura galega prodúcese antes no exilio e despois en Galicia: Os primeiros anos da posguerra veñen marcados polo silencio interior e actividade cultural no exilio e na emigración.

A. A LITERATURA NO EXILIO

Moitos nacionalistas, republicanos ou, simplemente demócratas, fuxindo de seren encarcerados ou dunha morta probable, exílianse principalmente en Montevideo, México e Bos Aires, cidades preferidas polos emigrantes galegos, e, nestes países seguen co empeño de manter viva a cultura galega:

  • Fundan xornais e revistas (Galicia emigrante, Vieiros...).

  • Fan representacións de obras de teatro galego (Os vellos non deben de namorarse de CASTELAO, foi estreada en Bos Aires no ano 1941).

  • Crean editoriais nas que reeditan as obras dos autores do século XIX e da preguerra e editan as súas propias obras: BLANCO AMOR publica A esmorga, 1959 (aquí non se puido publicar pola censura):

Como, señor? Non me aparto do conto nin un instante… Estou a decir as cousas polo seu comenzo, que unhas viñeron das outras e sin unhas nos houberan pasado as outras tampouco.

Que han de ser disculpas! Eu non teño ren de que me disculpar que eu nada fixen, pois a ollar as cousas que pasan diante dun non é culpa dun, por máis que llas apoñan ou que llas queiran apoñer.

Feitos? Feitos sonlle todos, tanto os que pasan fóra dun coma os que pasan dentro dun. O que pasou, pasou. E arestora xa ren queda do que pasou fóra dun, senón dentro dun. Agora todo está dentro de min, e si non me peta de me baleirar do que teño dentro, pois o que pasou queda como si non tivera pasado.

Deus lle me libre! Téñolle todo o respeto que vostede merez. Pro tamén teño que decir as cousas como sei decilas e non podo decilas de outro xeito, por mais voltas que lle dea. A máis deso, os feitos, como vostede me enseña, por máis que faga non veñen a mamoria uns detrás doutros, todos en fía, senón todos xuntos e mesturados, coma si o tempo se mesturase tamén e todas as horas se tivesen mesturado sen se querere asoparar unhas das outras. Ó que foi de día, se me poño a matinar, aínda podo conquerirlle certa disposición. Pro o que pasou á noite… a noite está ateigada de cousas, todas tan xuntas que mesmo me somella que non puido habere tempo para tanto, coma si foran moitas noites xuntas, unhas a cabo de outras, ou unha noite moi longa, sen día no entremeio; ou como cousas desaceitadas, sen antes nen dempois, que nin eu mesmo me entendo… a máis diso, tiven moitas vegadas o “pensamento”, que me veu moi seguido, e daquela é coma si me ceibasen do tempo e de todo, coma si estivese e non estivese… Conque indo ó caso, a tía Esquilacha, como cheirou que había cartos, fíxonos unha boa tortilla de patacas, chourizos e cebola, e tamén uns pementos fritos, que comimos na cociña, ó pé do lume, onde os arrieiros estaban a asar castañas novas que traguían nunca saqueta.

EDUARDO BLANCO AMOR, A esmorga

O labor dos exiliados supuxo a universalización da literatura galega: esta literatura dáse a coñecer internacionalmente e en moitos casos recibe a influencia de culturas alleas.

B. A LITERATURA EN GALICIA

A política uniformizadora e represiva do réxime franquista leva consigo o peche das editoriais e o parón na escrita en Galicia no seu idioma. As causas foron principalmente:

  • Un clima social e político en que o emprego do galego era visto como antipatriótico, como un síntoma de barbarie e mal gusto.

  • A represión, a censura de libros, en principio por motivos ideolóxicos pero que era aínda máis contundente se estaban escritos noutro idioma que non fose o español.

A partir dos anos 50 comeza unha lenta recuperación da actividade literaria en Galicia: A fins dos anos corenta, na prensa, comezou a aparecer algún texto escrito en galego, principalmente poemas; no ano 1949 creouse a colección de poesía Benito Soto; Arredor do ano 50, fúndanse editorias, a principal Galaxia, que darán a coñecer obras de vellos e novos autores.

Fronte a este intento normalizador da lingua galega, a despoboación do agro, a difusión da radio e a televisión, intensifican a castelanización de Galicia.



A POESÍA DE POSGUERRA EN GALICIA

No 1947 publícase o primeiro libro de poesía desta época, Cómaros verdes (poesía paisaxística), de Aquilino Iglesias Alvariño. Despois desta, publícanse outras obras poéticas, imaxinistas (Nimbos de X. María Díaz Castro), neotrobadorescas (Dona do corpo delgado de Álvaro Cunqueiro), intimistas (Fabulario novo, de Cuña Novás)..., obras alleas á crúa realidade exterior que se está a vivir.

É a partir dos anos 60 cando aparece o socialrealismo, a poesía concíbese agora, de novo, seguindo a longa tradición de poesía cívica galega, como un instrumento de transformación social: o centro dos poemas son os motivos sociais e de denuncia crítica (ó imperialismo, á ditadura, ó consumismo...).
Esta corrente poética foi inaugurada por Celso Emilio Ferreiro no ano 1962, coa publicación da obra Longa noite de pedra:

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.

Máis tarde, no ano 1976, coa publicación de Pólvora e magnolias. de Méndez Ferrín, o realismo crítico da corrente anterior mestúrase agora coas referencias á cultura universal (ó mundo clásico, ás lendas, ó jazz, á política...), e perde protagonismo o contido en favor do coidado formal, dando paso así ó culturalismo.



A PROSA DE POSGUERRA EN GALICIA: DA TRADICIÓN Á UNIVERSALIZACIÓN DA PROSA GALEGA

No 1950 publícase a primeira novela desta época, Xente da barreira de Carballo Calero. A partir desta publicación, danse a acoñecer obras de autores continuadores do labor do Grupo Nós, de

. de Cunqueiro

Este Tristán do que conto nunca soubo por qué lle puxeran ese nome no sacramento do bautismo, nin coñecía a ninguén que se chamase coma el.
Un tío seu que traballaba como camareiro nun restaurante moi famoso de Lisboa, dicíalle que en Portugal coñecía a dous ou tres cabaleiros dese nome, e que todos eles eran moi ricos. Tristán foi cumprir o servizo militar a León, e alí un día, nun quiosco, mercou por dous reás “La verdadera historia de los amantes Tristán e Isolda”, cos namorados moi abrazados na portada do folletín. Ao fin ía saber quén fora aquel Tristán cuxo nome levaba. Cando chegou ao final da historia, coa morte de ambos namorados, Tristán García verteu unhas bágoas. E dende aquela deu en matinar que andando el polo mundo atopaba a unha muller chamada Isolda, e gustábanse, e facíanse noivos, e casaban, e vivían moi felices en Viana do Bolo, de onde Tristán era natural A todos os seus compañeiros do Rexemento de Burgos 38, preguntáballes se por un casual habería no seu pobo unha rapaza que se chamase Isolda. Nona había. Había algunha Isolina solta, pro Isolina non era o mesmo que Isolda. Tristán doíase de non dar con esa Isolda, porque se non a atopaba agora en León, onda había tanta familia, nona ía atopar en Viana do Bolo, traballando na terra. Un día mandouno chamar un sarxento chamado Recuero.
-Ti es ese que andas coa teima de atopar unha muller que se chame Isolda?
-Si señor.
-Pois en Venta de Baños hai unha viúda con ese nome.
-Nova ou vella?
-Qué sei eu! Coido que é churreira.
Tanto tiña metido no seu maxín o noso Tristán a novela famosa, que non puido dubidar de que aquela Isolda de Venta de Baños fose nova e fermosa. En todo caso, se era vella, tería unha filla ou unha sobriña que seguise no nome, e si era churreira como ela podía seguir co negocio en Ourense ou en Viana, onde xa era hora que deran nos bares chocolate con churros. Tivo Tristán un permiso, e cos vinte pesos que tiña aforrados tomou en León o tren para Venta de Baños. Xa naquel empalme preguntou pola churrería da Isolda. Estaba a churrería preto da estación. E a señora Isolda era aquela que estaba envolvéndolle uns churros a un señor cura. Era unha velliña de cabelo branco, fermosos ollos negros, a pel tersa, as mans moi graciosas pondo os churros no papel de estraza e esparexendo o azucre por derriba deles. Tristán dubidou entre falarlle ou non, pero xa levaba gastadas corenta e sete pesetas no billete de ida e volta.
-Bo día! Vostede é a señora Isolda?
-Servidora!, respondeulle a velliña, sorríndolle.
-É que eu son Tristán e viña a coñecela!
A velliña pechou os ollos, e agarrouse ao mostrador para non caer. Bágoas rodaban polas súas meixelas.
-Tristán! Tristán querido!, puido dicir ao fin. Toda a miña mocidade agardando a coñecer un mozo que se chamase Tristán! E como non viña, casei cun tal Ismael, que era de Madrid!
Tristán saudou militarmente, e despacio volveuse á estación a agardar o primeiro tren para León. Cando este chegou e Tristán subía ao vagón de terceira, apareceu a señora Isolda, con un paquete de churros. Doullo a Tristán e bicoulle a man. Non se dixeron nada.
Cousas así soio pasan nos grandes amores.

Álvaro Cunqueiro, Tristán García, Os outros feirantes (1979)



Será a partir dos anos 60/70 cando da man de Ferrín, de Carlos Casares, asistamos a aparición do que se vén chamar A NOVA NARRATIVA, corrente literaria que responde a un desexo de renovación e experimentación tanto no contido (mundos irracionais, personaxes violentos, paisaxes imaxinarias...) como na forma (monólogo interior, varios narradores...):

Botaron a sortes e tocoume a min. Eu penso que fixeron trampa, pero calei. Díxome o Rata: "Vai". Eu non quería ir, digo a verdade. Pero cando o Rata dicía vai, había que ir. O Rata estaba tolo, segundo a miña nai. Pero eu penso que non estaba tolo, que era atravesado e de mala lei. "Vai", dixo outra vez. E fun. A casa de don Domingo quedaba lonxe. Algo asó como a dous quilómetros. Tiven que dar un rodeo para non pasar por diante da zapatería do meu pai. Pensei:"escapo para a casa e xa está". Pero collín medo. Ademais ía calor e na casa no verán non se para coas moscas. Cheguei ao chalé de don Domingo e berrei: -¡Zalo...! Ladraron os cans. Agardei un pouco e volvín chamar: -¡Zalo..! Cando apareceu, de seguida me dei conta de que viña de durmir a sesta. Díxome: "¿Que pasa!? Eu díxenlle: "O Rata agárdate no río. Cazou unha bolboreta moi bonita. Di que vaias, que cha dá para a coleción". O Zalo era tolo polas bolboretas. E o Rata, que cabrón, cómo lle sabía dar co gusto á xente. -¿Onde está o Rata? -No campo da Bomba. Saímos correndo. Cando chegamos, o Rata estaba bañandose no río. Ao nos ver, saíu. Mirou ao Zalo con cara de atravesado e díxolle: "Hola, "¿Queres a bolboreta?". O Zalo volveuse cara a min como preguntando. A verdade, eu non quería. O Rata asubiou e entre todos botáronse ao Zalo. Espírono e atárono a un amieiro. O Zalo choraba e a min déronme ganas de chorar. Eso non se lle fai a ninguén e menos a traición. O Rata chuspiulle alí, naquel sitio, e chamoulle caguetas. "Non se chora", dixo. Despois colleu un vimbio e pasoullo polas pernas o pola barriga sen lle dar. Botamos a sortes e tocoume a min. Quixen fuxir ou tirarme ao río, pero o Rata miroume así, como mira el, e collín o vimbio. "Veña"- Díxenlle que non. "Mira, Rafael, que te imos atar a ti". "Non", "Mira Rafael, que non me enchas". "Mira Rafael..." Pola voz souben que me ía dicir o da miña nai. Agarrei o vimbio e funme cara ó Zalo. Eu non quería, ben o sabe Deus. E deille no pescozo. Os outros berraron: "¡Máis!" E eu non vía. E daba. E sentía o sol dentro da cabeza e os chíidos do Zalo, que se me espetaban nos ouvidos. E daba. "¡Máis!" Doíame o brazo de tanto subir e baixar. "¡Máis!" Cando mirei para o Zalo gañei medo. Sangraba por todas partes e comíano as moscas. Estaba como morto. Non falaba. O Rata e os outros fuxiron. Eu tamén fuxín. Eu non quería, digo a verdade. Díxenllo a aquel señor, pero non me fixeron caso. Tamén lle dixen que fora por sortes, que em tocara a min. Pero non me escoitou. Faloume do inferno e entón calei. Agora estou neste colexio. Aquí levo un ano. É primavera e non podo saír. Ao mellor saio para xuño. Onte leváronme á sala de castigos. Din que non se pode andar sós, que hai que xogar. Tampouco se pode andar de dous an dous. A puta que os pariu a todos. Eu quero andar só para pensar. A min non me gusta xogar ao fútbol nin ao frontón. Gústame xogar no labavo. E non se pode. Está prohibido. Pero polas noites, cando todos dormen, érgome e vou aos lavabos e xogo á guerra. Pollo día collo moscas e gárdoas nunha caixa de mistos. Pola noite meto as moscas na pileta e ábrolle á billa, pouquiño a pouco, paseniño. As moscas soben, foxen pola pileta enriba, pero eu doulles para abaixo cunha paliña e afogan. É a guerra. Un día colléronme e leváronme á sala de castigos. E chamáronme marrán por andar coas moscas nas mans. ¿E que? Se non fose pola guerra, podrecía de noxo. No inverno, como non había moscas, xogaba cos cachiños de papel, pero non é tan bonito. Para xullo din que saio. O Rata, ao mellor, pensa que me esquecín. Estache bon. Estache bon. Heino arranxar ben arranxado. El ha pensar que somos amigos. Estache bon ¡Ai, Rata! “¿Vés ao río?” El vén, que lle gusta moito. “¿Xogamos aos submarinos?” El xoga, que lle gusta moito xogar aos submarinos. Primeiro paso eu. Paso dúas ou tres veces. Despois que pase el. Eu escarránchome e el pasa por debaixo da auga entre as miñas pernas. E así dúas ou tres veces, para que se confíe. Pouquiño a pouco. Paseniño. E entón, hala, cando pase, pecho as pernas e queda preso polo pescozo. Pouquiño a pouco. Paseñino. Como as moscas da pileta.

Carlos Casares, O xogo da guerra, Vento ferido (1967)

O TEATRO NA ÉPOCA DE POSGUERRA: A FALTA DE INFRAESTRUCTURAS PROVOCA O ESCASO DESENVOLVEMENTO DO XÉNERO.

O teatro apenas participou na recuperación cultural dos anos 50, xa que se carecía da infraestrutura necesaria para a representación teatral. Así que o xénero foi cultivado por moi poucos autores e, as máis das veces, foi escrito só para ser lido.

Deste panorama tan negativo, podemos destacar a obra Macías o Namorado de RAMÓN CABANILLAS, que, seguindo coa pauta de crear mitos para Galicia, céntrase na historia dese trobador galego que , ó namorarse da súa senhor, acaba morrendo traxicamente.

Nos anos 60, a situación mellora un pouco. Nestes anos podemos destacar a representación en Santiago Os vellos non deben de namorarse, obra de Castelao feita e estreada no exilio, e, á representación asisten milleiros de persoas, ou o nacemento das Mostras de Teatro de Ribadavia, co obxectivo de achegar o teatro ó pobo.