Novas Consellería
Un total de 1.250 alumnos benefícianse este outono dos campamentos de inglés da Xunta con apoio de profesorado nativo e gratuítos para as familias
Summary:
Román Rodríguez destaca a importancia da DigitalWeek para mellorar competencias fundamentais para o futuro como son dixitais e de coñecemento de idiomas
Esta semana participan na estadía alumnos de Boiro, Melide, San Amaro, Moaña, Meaño, Redondela e Vigo
Esta acción engádese á Springweek e as estadías lingüísticas no estranxeiro do verán que desenvolve o Goberno galego
Idioma GallegoUn total de 1.250 alumnos de toda Galicia participan este outono nos campamentos de inglés Dixitalweek da Xunta de Galicia, que son totalmente de balde para as familias. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, puxo en valor este tipo de iniciativas para achegar, desde unha perspectiva práctica, aos rapaces a dúas das habilidades que máis van necesitar para o seu futuro: as competencias dixitais e as de comunicación en linguas estranxeiras.
Acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe aos alumnos que están participando na estadía, unha acción dirixida a rapaces de 6º de Primaria e os catro cursos da ESO que se desenvolve en quendas dunha semana de duración entre outubro e decembro e que conta co apoio de profesorado nativo en inglés.
O titular do departamento educativo da Xunta puxo en valor este tipo de iniciativas para achegar, desde unha perspectiva práctica, aos rapaces a dúas das habilidades que máis van necesitar para o seu futuro: as competencias dixitais e as de comunicación en linguas estranxeiras.
Tal e como explicou o conselleiro, estas estadías enmárcanse en dúas das principais follas de ruta en materia educativa da Xunta, a Estratexia galega de linguas estranxeiras, Edulingüe2030, e a Estratexia para a Educación Dixital 2030. “Traballamos en políticas educativas que favorezan a igualdade de oportunidades no acceso a este tipo de experiencias, cuxo custo asume a Xunta de Galicia, coa finalidade de mellorar as competencias fundamentais para o desenvolvemento do alumnado”, afirmou o conselleiro.
Actividades prácticasEsta semana gozan da estadía 94 alumnos de 6º de Primaria de sete centros educativos, en concreto dos colexios CEIP Plurilingüe Praia Xardín (Boiro), CEIP de Melide Nº 1 (Melide), CEIP Plurilingüe Lansbricae (San Amaro), CEIP Plurilingüe de Tirán (Moaña), CEIP de Coirón-Dena (Meaño), CEIP Plurilingüe da Igrexa-Chapela (Redondela) e CEIP Plurilingüe Paraixal (Vigo).
Durante a estadía, os rapaces participan en tres obradoiros diarios, en horario de mañá e de tarde, con actividades de robótica, deseño e impresión 3D, así como elaboración e deseño de páxinas web. Todos os obradoiros desenvólvense en lingua inglesa e de xeito maioritariamente práctico.
O alumnado comparte talleres cos outros centros educativos o que garante, ademais, a socialización entre o alumnado nesta lingua estranxeira.
QUENDA
DATAS
CURSO
1ª quenda
6-12 outubro 2024
6ºEP
2ª quenda
13-19 outubro 2024
6º EP
3ª quenda
20 – 26 outubro 2024
6º EP
4ª quenda
27 outubro- 2 novembro 2024
1º de ESO
5ª quenda
3 – 9 novembro 2024
2º de ESO
6ª quenda
10 – 16 de novembro 2024
3º de ESO
7ª quenda
17 – 23 novembro 2024
4º de ESO
8ª quenda
24 - 30 novembro 2024
3ºe 4º de ESO
9ª quenda
1 – 7 decembro 2024
1º e 2º de ESO
10ª quenda
8 – 14 decembro 2024
6º de EP
Tres estadías ao cursoDesenvolvida no outono, a Digitalweek é a primeira das estadías para a mellora das competencias lingüísticas que o departamento educativo da Xunta vai organizar ao longo deste curso 2024/2025. A Springweek, tamén co apoio de docente nativos e para alumnos de 6º de Primaria e os catro cursos da ESO, chegará na primavera, centrada en temáticas de interese cultural, social, artístico e ambiental.
Finalmente, a Consellería convoca todos os anos as estadías lingüísticas do verán, para alumnado de Bacharelato, nas que o Goberno galego subvenciona entre o 92% e o 62% do custo das estancias dos estudantes en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta recoñece a excelencia de 23 titulados de FP de grao superior cos premios extraordinarios
Summary:
Os galardóns, dotados con 1.000€ por persoa, teñen como obxectivo premiar o traballo e os bos resultados académicos destes alumnos
Enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Xunta para a posta en valor e fomento da excelencia dentro do sistema educativo galego
Idioma GallegoA Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional vén de recoñecer a 23 titulados de FP de grao superior, a razón de un por cada unha das familias profesionais, a excelencia a través dos Premios extraordinarios de grao superior para o alumnado que rematou os seus estudos no curso 2022/2023.
O obxectivo deste galardóns, que cada ano convoca a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, é recoñecer publicamente o esforzo e traballo dos estudantes de Formación Profesional de grao superior en Galicia que obtiveron excelentes resultados académicos. Os premios extraordinarios enmárcanse dentro das diferentes accións que leva a cabo a Xunta para fomentar e poñer en valor a excelencia dentro do sistema educativo galego. De feito, para optar a estes recoñecementos os estudantes debían contar cunha cualificación final do ciclo formativo igual ou superior a 8,5 puntos, entre outros requirimentos.
A dotación orzamentaria para estes premios é de 23.000 euros que se distribúen entre os galardoados na contía de 1.000 € por alumno. Ademais, a obtención destes premios dálle dereito ao alumnado a concorrer, logo de inscrición, ao correspondente Premio Nacional de Formación Profesional de grao superior.
Os premiados son os que se relacionan na seguinte táboa:
Galardoado
Familia profesional
Provincia
Concello
Centro educativo
Daniel Villasenín
Actividades físicas e deportivas
A Coruña
Culleredo
CIFP Universidade Laboral
Borja Bastero
Administración e xestión
Pontevedra
Vigo
CPR Vivas
Daniel Fernández
Agraria
Lugo
Mondoñedo
IES Plurilingüe San Rosendo
Estefanía Sánchez
Artes gráficas
A Coruña
Ferrol
CIFP Leixa
Nikol Soto
Comercio e márketing
A Coruña
A Coruña
IES Ramón Menéndez Pidal
Jorge Fraga
Edificación e obra civil
A Coruña
A Coruña
CIFP Someso
Antonio Mourelle
Electricidade e electrónica
A Coruña
Culleredo
CIFP Universidade Laboral
Martín Castro
Enerxía e auga
A Coruña
Culleredo
CIFP Universidade Laboral
Javier Suárez
Fabricación mecánica
A Coruña
Ferrol
CIFP Ferrolterra
Yasmina Conde
Hostalaría e turismo
Ourense
Vilamarín
CIFP Vilamarín
Daniel Souto
Imaxe e son
Pontevedra
Vigo
CIFP Audiovisual de Vigo
Celsa Negreira
Imaxe persoal
A Coruña
Santiago de Compostela
CPR Reyblanc
Adrián Abelaria
Industrias alimentarias
Lugo
Sober
CPR Belarmino Fernández Iglesias
Diego Sierra
Informática e comunicacións
Pontevedra
Vigo
CPR Daniel Castelao
Ricardo Pereira
Instalación e mantemento
A Coruña
Santiago de Compostela
CIFP Politécnico de Santiago
Macarena Casteleiro
Madeira, moble e cortiza
A Coruña
Santiago de Compostela
CIFP Politécnico de Santiago
Diego José Posada
Marítimo-pesqueira
Pontevedra
Vigo
Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico
Ana Pérez
Química
Lugo
Lugo
IES Lucus Augusti
Iria Seijas
Sanidade
A Coruña
Santiago de Compostela
CPR Fesán
Marta González
Seguridade e ambiente
Pontevedra
Ponteareas
CIFP A Granxa
Amanda Villamar
Servizos socioculturais e á comunidade
A Coruña
A Coruña
CPR Castelao
José Luis Abella
Téxtil, confección e pel
A Coruña
A Coruña
CIFP Paseo das Pontes
Diego Portos
Transporte e mantemento de vehículos
A Coruña
Curtis
IES de Curtis
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalO conselleiro de Educación destaca as oportunidades da internacionalización nas ensinanzas de réxime especial
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, inaugurou hoxe as III Xornadas para o profesorado de ensinanzas de réxime especial no Conservatorio Profesional de Música de Santiago. Neste evento, destacou as oportunidades que ofrece a internacionalización para mellorar a calidade educativa, facendo fincapé na importancia de “desenvolver iniciativas que abran as ventás globais e enriquezan a formación tanto do alumnado como do profesorado.”
As xornadas, que se prolongarán ata mañá, 26 de outubro, contan con 80 participantes e máis de 20 convidados procedentes de centros de ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas. Esta edición céntrase en coñecer os proxectos internacionais, capacitar aos asistentes para deseñar e solicitar o programa Erasmus e impulsar a mobilidade e colaboración educativa. As conferencias abordarán diversas temáticas de interese mediante relatorios individuais, mesas redondas e obradoiros en grupo.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalRomán Rodríguez sinala nas xornadas da Academia Joven de España o carácter fundamental da investigación universitaria para o futuro
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da cuarta xornada da Academia Joven de España 2024, que aglutina a expertos da investigación para poñer sobre a mesa o traballo neste campo e cara onde camiña. “Para acadar un futuro prometedor é fundamental contar cun sistema de investigación, transferencia e desenvolvemento forte e sostible, ligado directamente á Universidade, para o que eventos como o de hoxe son fundamentais”, sinalou o representante da Xunta de Galicia.
Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o titular de Ciencia puxo en valor o traballo que se fai desde Galicia para ofrecer novas oportunidades ao talento e destacar na excelencia universitaria. “Queremos alimentar as sinerxías entre os centros tecnolóxicos e os de carácter universitario para construír redes que beneficien directamente o tecido produtivo e á cidadanía”, dixo, poñendo en valor tamén “aos axentes clave para este propósito: a Rede CIGUS de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia, que aglutina 10 centros punteiros de universidades galegas; preto de 430 grupos de investigación, os case 200 contratos predoutorais e posdoutorais e os programas de captación de talento como Oportunius”.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalRueda destaca o papel das ensinanzas artísticas no futuro cultural de Galicia e pon en valor a matrícula gratuíta nestas disciplinas académicas
Summary:
O Goberno galego investiu algo máis dun millón de euros na rehabilitación desta infraestrutura educativa
Salienta a aposta por un modelo educativo de excelencia, cuns orzamentos para este departamento que medran ata superar os 3.000 millóns de euros en 2025
Idioma GallegoO presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o importante papel que teñen as ensinanzas artísticas de cara ao futuro cultural de Galicia. Neste sentido, puxo en valor a posta en marcha este curso da matrícula gratuíta nestas disciplinas académicas, do mesmo xeito que nas universidades, o que permite garantir a igualdade de oportunidades e a captación de talento.
Así o resaltou hoxe durante a súa visita á Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón en Lugo, unha das catro institucións destas características que hai en toda Galicia. Na súa visita, puido coñecer o resultado da rehabilitación que se levou a cabo no edificio, na que a Xunta investiu algo máis dun millón de euros para, entre outras melloras, substituír ventás e falsos teitos, ademais de instalar novas caldeiras de biomasa. No acto tamén se fixo entrega de premios extraordinarios e mencións de honra a varios alumnos.
O titular do Executivo galego salientou o compromiso da Xunta por seguir impulsando as ensinanzas artísticas e mellorando as infraestruturas dentro dunha liña de acción prioritaria que busca potenciar a calidade e innovación do conxunto do sistema educativo. Para facelo posible, os orzamentos deste departamento para o próximo ano volven aumentar e superarán os 3.000 millóns de euros.
Neste contexto, Rueda tamén fixo referencia a outras actuacións que se están acometendo dentro do sistema educativo como a mellora de ratios e de condicións do profesorado; a mellora de colexios e institutos -en Lugo, por exemplo, estase tamén traballando na rehabilitación integral do IES Lucus Augusti, cun orzamento global de 3,3 millóns de euros-; ou a aposta polas universidades como polos de innovación e coñecemento, como o Campus Terra, no que se nestes anos se están investindo 4 millóns de euros.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalRomán Rodríguez pon en valor o papel dos Consellos Escolares como pezas clave na toma de decisións e representantes do sentir da comunidade educativa
Summary:
Fai fincapé na súa importancia para detectar problemas na contorna escolar e coordinar a resolución de conflitos
O encontro céntrase no benestar emocional e a participación no sistema educativo, promovidas en Galicia a través da Estratexia galega de convivencia escolar
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou esta mañá o XXV Encontro de Consellos Escolares Autonómicos e do Estado, onde puxo en valor o papel destes órganos como “peza clave para a toma de decisións e representantes do sentir da comunidade educativa”. Na inauguración participaron tamén a presidenta do Consello Escolar do Estado, Encarna Cuenca, e o vicepresidente do Consello Escolar de Galicia, Manuel Corredoira.
Aludindo ao tema que centra o encontro, o benestar no sistema educativo, o titular de Educación da Xunta fixo fincapé no labor dos consellos escolares “na detección de riscos ou problemáticas dentro da contorna escolar". “O voso é un traballo de coordinación indispensable para asegurar a estratexia disposta en cada centro para entender a realidade de cada alumno e mellorar a resolución de conflitos”, afirmou.
O conselleiro destacou que o ensino galego conta cunha folla de ruta para velar polo bo clima nas aulas, a Estratexia galega de convivencia escolar 2025, “co obxectivo de promover o benestar emocional do alumnado e contribuír a asegurar un entorno educativo saudable para alumnos e docentes”. No seu contexto sinalou algúns avances, como a publicación dunha Guía de benestar emocional, para fomentar a participación e corresponsabilidade nas aulas, o aprobación do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar.
Terceira vez en Galicia desde 1993O Encontro de Consellos Escolares reúnese por terceira vez en Galicia e congrega a un cento de representantes dos consellos escolares autonómicos de toda España. As edición galegas de 1993 e 2001 centráronse na dirección dos centros educativos e na convivencia nos centros escolares, respectivamente.
A XXV edición dedícase, a proposta do Consello Escolar do Estado, no benestar e a participación no sistema educativo, baixo o lema Cando a túa participación xera benestar. Ao longo das xornadas de hoxe e mañá, os participantes debaterán e reflexionarán sobre estes asuntos distribuídos en máis dunha ducia de grupos de traballo.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta salienta o labor do Colexio Mestre Ramiro Sabell, en Ponteareas, na construción dunha comunidade lectora máis aló da biblioteca escolar
Summary:
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participa na inauguración da Biblioteca de Lunares, corazón destas actividades
Entre outras actividades, desenvolven varios clubs de lectura, voluntariado con outros centros escolares e con persoas maiores e encontros con autores
Idioma GallegoA directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou esta mañá na inauguración da Biblioteca de Lunares, a biblioteca escolar do Colexio CEIP Mestre Ramiro Sabell de Ponteareas, un espazo que a Xunta apoia a través do Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE), do que forma parte este centro desde o curso 2010/11.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salientou a variedade de iniciativas desenvolvidas desde a biblioteca do centro ponteareán, que implican a toda a comunidade educativa do concello e mesmo a outras entidades, como os centros de día, promovendo a conformación dunha comunidade lectora máis aló do propio espazo da biblioteca.
Entre outras actividades, a Biblioteca de Lunares desenvolve o clubs de lectura Ratiños literarios (para familias) e Fiúnchos literarios (para mestres) , así como outros centrados no alumnado. Tamén desenvolve iniciativas de voluntariado de lectura que implican a outros centros escolares e a persoas maiores, así como encontros con autores. Ademais do blog A voz de Lunares, a biblioteca do centro difunde as súas actividades a través da conta de Instagram bibliolunares e do podcast Lunares Fala.
Durante o acto de inauguración, os asistentes puideron gozar dun contacontos teatralizado a cargo de alumnado de 4º e 5º de Primaria, dirixidos pola mestra de Música, así como dun vídeo sobre a biblioteca e unha visita guiada polos alumnos voluntarios.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalXunta e Concello de Brión asinarán un acordo marco para a mellora das infraestruturas educativas
Summary:
O conselleiro de Educación recibe ao alcalde para avaliar futuras actuacións no colexio de Pedrouzos e no instituto
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o alcalde de Brión, Pablo Lago, acordan impulsar a mellora das infraestruturas educativas neste concello cunha serie de actuacións que se plasmarán a través dun acordo marco no que se recollerán as obrigas de cada unha das partes.
Así pois, na reunión de traballo mantida hoxe, o conselleiro e o alcalde acordaron que a Xunta asumirá a contratación dun proxecto de reforma sectorial do Colexio CEIP Plurilingüe de Pedrouzos en base ás necesidades trasladadas polo Concello. Así mesmo, a Xunta accederá á petición de cesión dunha parte da parcela do colexio para a construción dunha dársena de autobuses que mellore o servizo de transporte do alumnado.
No que atinxe ao Instituto IES de Brión, traballarase nun proxecto para a cubrición dos laterais do patio cuberto por parte do Concello mentres que a Xunta se compromete a facilitar o uso compartido de dito patio por parte da administración local fóra do horario lectivo.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalRueda anuncia que a Xunta convocará en 2025 novas oposicións de educación ata chegar ao máximo da taxa de reposición
Summary:
Avanza que a oferta de emprego público elevará ata os 20.000 os profesores que se incorporaron ao sistema educativo desde o ano 2009
Indica que Galicia ten un dos mellores ratios entre profesores e alumnos do Estado
Idioma GallegoO presidente do Executivo galego anunciou que a Xunta lanzará unha nova oferta de emprego público en 2025 que consolidará a plantilla de docentes ata chegar ao máximo da taxa de reposición.
Durante a sesión de control no Pleno do Parlamento de Galicia, respondendo a unha pregunta sobre as prioridades da Xunta para resolver os problemas da cidadanía galega en 2025, Rueda sinalou que a Xunta seguirá mellorando o cadro de profesorado do sistema educativo como vén facendo desde o ano 2009 ata chegar ás 20.000 prazas.
Con este anuncio, Galicia esgotará o máximo da taxa de reposición fixada polo Estado, do 120%, e terá a plantilla máis alta que nunca houbo na nosa comunidade. Así, Galicia manterá un dos mellores ratios profesor-alumno do Estado.
Orzamentos 2025Durante a sesión de control, o presidente da Xunta tamén fixo unha valoración dos orzamentos presentados recentemente polo Goberno galego para o vindeiro ano 2025.
Rueda anunciou que será o maior orzamento co que contou nunca Galicia, nos que “3 de cada 4 euros” están destinados a gasto social, contémplanse rebaixas fiscais, amplíanse as prazas de residencia, contémplanse axudas á conciliación, triplícanse os orzamentos para a vivenda e, en definitiva, axúdase a vertebrar Galicia.
O obxectivo, en palabras do titular do Executivo galego, é acadar unha Galicia “cada vez máis social” e “seguir cumprindo cos galegos”.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta inxectará máis de 16M€ ás tres universidades públicas galegas para a contratación de 166 profesores axudantes doutores
Summary:
O Goberno galego ten que asumir o 40% das prazas dun convenio imposto polo Ministerio de Ciencia sen negociación coas comunidades autónomas
Este acordo consolidará, ademais, un gasto adicional de 7M€ ao ano a partir de 2031 que terán que asumir as administracións autonómicas sen apoio do Ministerio
Idioma GallegoOs conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, reuníronse esta mañá cos reitores das universidades de Santiago de Compostela, Antonio López; Vigo, Manuel Reigosa, e A Coruña, Ricardo Cao, para informalos dos detalles do acordo para a contratación de profesores axudantes doutores. No encontro participou tamén o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.
Tal e como explicaron os representantes da Xunta, o Goberno galego vai inxectar ás tres universidades públicas galegas máis de 16M€ para poder facer fronte á contratación de 166 profesores axudantes doutores que lles impón o Ministerio de Ciencia. Isto malia que as universidades galegas teñen uns dos cadros de persoal máis estabilizados do Estado e que se vén menos beneficiadas por este acordo ca outras que non foron quen de manter unha boa política laboral interna.
O acordo, que se materializará na sinatura dun convenio entre Xunta, cada unha das universidades e o Ministerio, suporá a seguinte distribución de prazas e achega para cada universidade por parte do Goberno galego:
Universidade
Prazas
Orzamento total Xunta
USC
53
5.284.062€
UVigo
64
6.290.550€
UDC
49
4.780.818€
166
16.355.430€
As universidades poderán crear as prazas ata o fin do curso 2027-2028, dado que precisan tempo para publicar as correspondentes convocatorias.
Gasto consolidable de 7M€ ao anoOs conselleiros lamentaron que finalmente as comunidades autónomas teñan que facer cargo do 40% do importe destas prazas no período 2025-2030, máis tendo en conta que o Ministerio de Ciencia non negociou en ningún momento este programa de contratación de profesorado cos gobernos autonómicos, senón que lles impuxo a porcentaxe que teñen que pagar, que ademais se foi incrementando nos últimos meses, desde o 33% inicial ao actual 40%.
Destacaron, ademais, que este acordo consolida un gasto adicional de 7M€ ao ano a partir de 2031 para as universidades públicas e, polo tanto, para as administracións autonómicas. O Goberno central non ten ningunha proposta de transferencia de fondos adicionais para facer fronte a este sobrecusto que xeran de xeito unilateral.
De feito, o Ministerio só foi quen de asegurar fondos para a pequena partida que lle corresponde pagar neste ano 2024, deixando o orzamento dos anos restantes, máis de 4,2M€ ao ano ata 2030, sen concretar e á espera da dispoñibilidade orzamentaria do Goberno central.
Cambio das regras do xogoNo mes de abril impúxose ás comunidades autónomas un acordo no que o Ministerio financiaba o 66% das prazas durante seis anos e as administracións autonómicas o restante 33%. Porén, finalmente o Ministerio comprométese só á financiación do 60% das prazas que haberá que convocar e só durante catro meses, deixando no aire como se vai proceder ao pagamento desa porcentaxe no período 2025- 2030. Porén, a través do convenio que se vai asinar, obriga á Xunta a comprometerse a asumir o custo do 40% das prazas ata 2030.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta dá a benvida a un novo centro integrado de FP, que xa suman 28, o triplo que hai 15 anos
Summary:
A directora xeral de FP reúnese cos equipos directivos desta rede centros, á que se suma a Escola de Cantería de Poio, para planificar novas accións
Idioma GallegoA directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, reuniuse cos directores dos 28 centros da Rede de Centros Integrados de Formación Profesional para abordar novas actuacións en materia de emprendemento, innovación e internacionalización, nun encontro no que tamén participaron os inspectores dos mesmos. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que esta cita facilita un diálogo bidireccional, esencial para identificar as necesidades dos centros, reforzar a coordinación entre eles e implementar accións de futuro.
A xuntaza sirviu de benvida ao CIFP de Cantería de Galicia, de Poio, que vén de incorporarse este curso a este rede, o que eleva o número de centros a 28, fronte aos nove existentes en 2009, triplicando así o seu número en 15 anos. Este crecemento evidencia o compromiso da Xunta coa expansión e modernización da FP en Galicia.
"Os centros integrados de FP son pezas clave no desenvolvemento da Formación Profesional e acollen á metade do alumnado de FP, situándose na vangarda das actuacións que impulsan a innovación e a competitividade no ensino técnico", sinalou Eugenia Pérez, quen subliñou o compromiso do Goberno galego co impulso deste tipo de centros que xogan un papel fundamental na potenciación e prestixio das ensinanzas en Galicia.
Politécnico de LugoA Xunta elixiu para esta reunión o CIFP Politécnico de Lugo, un centro referente da FP en Galicia que imparte ciclos de ata seis familias profesionais e en todas as modalidades, incluída a FP Dual Intensiva e os másteres de FP. O CIFP destaca na súa aposta por achegar ao alumnado ás situacións reais. Neste sentido, forma parte da rede de espazos de tecnoloxía aplicada da Xunta, unha aula onde poden simular centros de traballo e contornas laborais, e foi premiado no certame InnovaTech FP, no que os centros educativos deseñan proxectos para responder a retos plantexados por empresas.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalRomán Rodríguez salienta que o deseño dunha proba de acceso á universidade común e máis xusta “xa non ten volta atrás”
Summary:
Lembra que Galicia foi pioneira en defender e liderar “unha ABAU máis homoxénea” e agora é a primeira CCAA en publicar os modelos de exame
Gaba o labor desenvolvido pola Conferencia Interuniversitaria de Galicia para “dar certezas e seguridade” aos profesores e aos alumnos
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, salienta que a senda de traballo iniciada para acadar unha Proba de Acceso á Universidade (PAU) “común e máis xusta” que garanta a igualdade entre os estudantes a nivel estatal “xa non ten volta atrás”.
Así o subliñou ante o Pleno do Parlamento galego, onde destacou a “vontade de traballo e de chegar a acordos” que Galicia leva anos “defendendo e liderando”, se traduza agora “nunha proba que xa é máis xusta que o curso pasado e que, progresivamente, deberá ser máis semellante en datas, contidos, estrutura dos exames e criterios de avaliación”. Unha proposta recoñecida a nivel estatal ata o punto de que foi compartida por 11 comunidades autónomas que aglutinan o 70% dos estudantes e mesmo avalado pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE).
Así mesmo, o conselleiro de Educación puxo en valor que Galicia foi a primeira CCAA do Estado en publicar, xa en agosto, os modelos de exame para que tanto profesores como alumnos puideran traballar desde o primeiro día lectivo na preparación das probas e, deste xeito, “garantir as máximas certezas e seguridade” á comunidade educativa. Neste senso, Román Rodríguez agradeceu o “intenso traballo” desenvolvido nos últimos meses pola Conferencia Interuniversitaria de Galicia (CIUG), que é a encargada de implementar, supervisar e aplicar as probas.
Así pois, a proposta dunha proba común que garanta a igualdade de oportunidades entre todos os estudantes independentemente de onde vivan, e sempre dentro do marco legal establecido, estase abrindo camiño no resto dos territorios pese á inoperancia do Ministerio neste asunto. Este camiño “racha” co modelo asimétrico de 17 vías distintas de acceso a un distrito universitario único que, en palabras do conselleiro, “estaba xerando desigualdades entre o alumnado das diferentes comunidades autónomas, especialmente naqueles graos máis demandados e con maior competitividade”.
Proba especial para alumnos estranxeirosDoutra banda, o conselleiro tamén denunciou que o Ministerio queira implementar unha proba específica para alumnado estranxeiro que vai supoñer “unha barreira” para atraer universitarios doutros países ao tempo que “é unha medida excluínte” posto que obriga ao alumnado a desprazarse ás sedes da UNED nos seus respectivos países.
A este respecto, o titular de Educación demandou “unha reflexión” sobre este modelo que o Goberno do Estado quere “impoñer unha vez máis sen ningún tipo de diálogo coas comunidades autónomas e coas universidades”.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta reforzou os centros escolares de Vigo cunha trintena de especialistas de atención á diversidade a maiores neste curso, malia a baixada da matrícula
Summary:
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP explica no Parlamento que o seu departamento atende as necesidades de cada centro en función dos informes dos técnicos
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, salienta que o seu departamento vén de reforzar os centros escolares de Vigo cunha trintena de profesionais de atención á diversidade, entre especialistas en Audición e Linguaxe e en Pedagoxía Terapéutica, a maiores dos que había o pasado curso, e todo isto nun contexto de baixada de matrícula.
En resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento sobre a situación do Colexio CEIP de Chans-Bembrive, Román Rodríguez explicou que desde o seu departamento se traballa “con coherencia e responsabilidade” asignando os recursos segundo o que determinan os informes obxectivos dos técnicos educativos, que son quen establecen os apoios que se precisan para cada caso. “Temos como axioma axudar aos alumnos que máis o precisan”, subliñou o conselleiro en alusión ao compromiso coa inclusión e a diversidade a través de distintas accións, plans e programas que contribúen a que Galicia sexa a comunidade autónoma máis inclusiva de España, con case o 94% do alumnado con necesidades especiais matriculado en centros ordinarios, un 10,7% máis ca media estatal.
No que atinxe ao Chans-Bembrive, Román Rodríguez explicou que o colexio conta este ano co reforzo de docentes especialistas para garantir a axeitada atención educativa ao alumnado matriculado neste centro vigués, cun docente en Pedagoxía Terapéutica e outro en Audición e Linguaxe e, a maiores, recibe outro medio especialista en AL que se incorporou ao colexio a través do programa PROA+.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta destaca o compromiso do Colexio Rural Agrupado de Culleredo cos programas de innovación bibliotecaria
Summary:
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita o centro, que forma parte do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares desde hai nove anos e leva tres anos participando nos programas Biblioteca Creativa e Lecturas e Familias
Idioma GallegoA directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou esta mañá a biblioteca do Colexio Rural Agrupado CRA de Culleredo, onde gabou a implicación da comunidade educativa con este espazo didáctico. “Estamos a falar dun centro que forma parte de diferentes programas impulsados pola Xunta, como o Plan de mellora de bibliotecas escolares, a Biblioteca Creativa e Lectura e Familias”, explicou.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional felicitou a alumnos e docentes polo importante labor que realizan na biblioteca e o club de lectura. O centro, a través dos plans nos que participa, avanza na inclusión, consegue melloras na comprensión, emprega diferentes formas de información e apoia a adquisición das competencias clave do alumnado, contribuíndo así a un maior logro académico e incentivando o uso destes espazos para fomentar a lectura.
Froito destas prácticas excelentes, a biblioteca do CRA de Culleredo integrouse no programa LÍA.3, ao abeiro do cal se converteu nun laboratorio creativo de aprendizaxes aberto a toda a comunidade escolar.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta apoia con 1,6 M€ a investigación en tecnoloxías ambientais dos 109 profesionais do CRETUS tras a súa incorporación á rede de excelencia
Summary:
O secretario xeral de Universidades e a directora da Axencia Galega de Innovación visitan o centro co reitor da USC para coñecer o seu funcionamento
Idioma GallegoContinúan as visitas conxuntas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP aos centros de investigación e tecnolóxicos para coñecer o seu funcionamento e atender as súas necesidades. Concretamente, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron hoxe o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López.
Tras a súa incorporación este ano á Rede CIGUS de Centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia, que aglutina os centros investigadores punteiros, o CRETUS contará cunha axuda da Xunta de Galicia de preto de 1,6M€ para asegurar un financiamento estable da súa actividade científica ata o ano 2027. “Queremos seguir promovendo a investigación científica de calidade, polo que este ano o Goberno galego incrementou un 31% ata acadar os 23,6M€ o orzamento destinada á Rede CIGUS”, sinalaron os representantes da Consellería de Ciencia e Universidades.
Áreas de coñecementoDurante a visita, José Alberto Díez e Carmen Cotelo e Antonio López coñeceron a nova estrutura científica do centro, composta por oito áreas de actividade en I+D: remediación e usos sustentables do chan, tratamento e recuperación de augas, valorización de residuos, bioindicadores, integración de datos e modelado, monitorización fisicoquímica, procesos sustentables e impacto socioeconómico e ambiental. A través destas áreas o CRETUS traballa na combinación das capacidades das ciencias experimentais, sociais e de enxeñería cunha visión global, para abordar retos máis ambiciosos atendendo a un triplo enfoque: diagnóstico, tecnoloxía e impacto.
Actualmente conta con 109 investigadores que traballan en proxectos enmarcados no programa Horizonte Europa, no de Transferencia de Coñecemento e noutros interdisciplinares, entre os que destacan o deseño de tecnosolos para reducir os altos niveis de nitrato e fosfato en augas doces e salgadas, o aumento da capacidade de produción de peixe para o consumo humano no km 0 de cada cidade europea ou a procura dunha visión máis xeral de enfermidades ligadas á alimentación, entre outros.
Entre os seus investigadores atópanse dous científicos gañadores das axudas a proxectos do Consello Europeo de Investigación (ERC). Ambos perciben o apoio económico do programa Oportunius da Axencia Galega de Innovación.
Ademais, os representantes da Xunta de Galicia puxeron en valor o apoio do Goberno autonómico a propia Universidade de Santiago en materia de investigación. Esta universidade recibe un financiamento total de máis de 12,7M€ para os cinco centros de investigación da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia que acadaron a acreditación en excelencia nesta última convocatoria, o que supón un aumento do financiamento para a USC dun 17%.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta confirma a súa aposta polo profesorado, cun forte incremento do orzamento para 2025
Summary:
As contas da Consellería contemplan un aumento de 90M€ no capítulo de persoal, a partida que máis medra da Consellería, que supera os 3.000M€
Román Rodríguez asegura que este pulo suporá “seguir afianzando” os grandes retos iniciados este curso como a mellora das rateos por aula, a mellor atención ao alumnado con necesidades e un maior apoio ao eido rural, entre outros
Salienta que o cumprimento do acordo de mellora queda blindado por lei
Idioma GallegoA Xunta de Galicia confirma a súa aposta polo profesorado a través dun forte incremento das partidas nos Orzamentos para 2025, que se reflicte nun aumento de 90M€ no capítulo I, dedicado a persoal, o que máis medra de toda a Consellería. Así o expuxo esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, na reunión da Xunta autonómica de directores e directoras do ensino non universitario para avaliar o desenvolvemento do curso e dos proxectos de futuro.
O titular de Educación subliñou que os Orzamentos de 2025 superan “por primeira vez” os 3.000M€. Unhas cifras que, en palabras do conselleiro de Educación, van permitir “seguir afianzando moitos retos” da maior modernización do sistema educativo en 30 anos iniciada este curso. Isto inclúe a mellora das rateos por aula, a dotación de máis profesorado, a mellor atención ao alumnado con necesidades especiais, máis apoio ao rural e á carreira profesional docente, entre outros.
Precisamente, co fin de blindar o compromiso con esta liña de traballo e conferirlle o maior respaldo xurídico posible, o Goberno galego vén de blindar o acordo de mellora do ensino e a prohibición do uso dos teléfonos móbiles como normas de máximo rango a través da Lei de medidas fiscais e administrativas para 2025.
Mellora de rateos e agrupamentosAsí pois, a partir de agora, a implantación progresiva do acordo queda selada cun calendario de obrigado cumprimento que atinxe, sobre todo, á baixada das rateos iniciada en 4º de Infantil e que se completará ao ano a ano ao longo dos seguintes cursos escolares.
Así mesmo, no que atinxe ao número máximo de alumnos para agrupamentos de distintos cursos e etapas no rural, iniciado este ano cun máximo de 14 alumnos para todo Infantil, quedará plenamente completado nun período de tres cursos para Infantil e Primaria. De feito, o vindeiro 2025-26 xa se aplicará o máximo de 14 alumnos para a combinación de 1º e 2º de Primaria e de máximo de 10 alumnos cando se mesturan alumnos de Infantil e Primaria. Cómpre lembrar que ata agora esta cifra era de 18.
Máis profesores para menos alumnosRomán Rodríguez puxo en valor que as accións postas en marcha posibilitaron que, pese á baixada xeral de matrícula, este curso aumentara a dotación de profesorado “co maior cadro de persoal da nosa historia”, sinalou en referencia aso 31.603 docentes que hai nas aulas galegas, 500 máis que o ano pasado.
Ademais da “estabilidade laboral e educativa”, o titular de Educación sinalou a necesidade de seguir traballando para mellorar o ensino galego, con medidas como a ponderación do alumnado con necesidades educativas especiais, que computa agora por dous ou por tres a efectos de rateo, unha medida pioneira que só existe en Galicia. Para isto, a Consellería ten en marcha o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, que abrangue seis grandes programas como o Promociona e o Proa+. Tamén se inclúe o programa de apoio educativo para alumnado estranxeiro, que facilitará a escolarización, a acollida e o benestar emocional destes estudantes.
Burocracia, FP e PAUAsí mesmo, puxo en valor o traballo que está a desenvolver a Consellería para reducir a burocracia nos centros educativos, coas primeiras medidas xa en marcha este curso. O obxectivo é alixeirar aos equipos directivos e aos docentes de determinadas tarefas administrativas que poden ser optimizadas e facilitadas, de tal modo que poidan dedicar ese tempo a labores propiamente educativos o que redunda, en última instancia, nunha mellor atención ao alumnado.
Outro dos retos do sistema educativo galego é o desenvolvemento da Lei de Formación Profesional, cun impacto na ordenación do sistema e nas prácticas educativas. A maiores, a Consellería de Educación está traballando no Plan FPGal360, enfocado a reducir a taxa de abandono educativo que en Galicia xa está en mínimos históricos, a ofrecer orientación vocacional e profesional e a facilitar que toda persoa obteña unha titulación.
Finalmente, Román Rodríguez tamén apuntou como reto deste ano a posta marcha da nova Proba de Acceso á Universidade, PAU, para a cal Galicia xa foi a primeira comunidade en facer público os modelos de exame, o que permite dar seguridade e certezas ao profesorado e aos alumnos, ao tempo que avanzar nunha proba que garanta a igualdade de oportunidades entre todos os estudantes no acceso á universidade.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta comproba no colexio de Zas o funcionamento dos recursos dixitais do proxecto Creagal
Summary:
A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa asiste a unha clase de Tecnoloxía e dixitalización de 1º de ESO na que se empregan estes materiais
Idioma GallegoA directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, comprobou hoxe o funcionamento dos recursos dixitais do proxecto cREAgal no Colexio CPI de Zas. Fíxoo asistindo a unha clase de Tecnoloxía e dixitalización de 1º de ESO neste centro, onde presenciou como os docentes empregan estes contidos para facilitar o proceso de ensino-aprendizaxe e escoitou como se están a adaptar a eles.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que esta iniciativa afonda no modelo híbrido do ensino galego, que aproveita as potencialidades das novas tecnoloxías ao tempo que mantén os beneficios das ferramentas tradicionais. Lembrou, ademais, que ao longo deste curso estarán dispoñibles materiais para 5º e 6ª de Primaria, de 1º de ESO e de parte das materias de 2º de ESO. Os contidos iranse implementando paulatinamente ata 4º curso desta etapa.
cREAgal pon a disposición de todas as aulas virtuais dos centros galegos recursos educativos abertos deseñados, baixo unha coordinación común, por máis dun centenar de docentes. Trátase dun proxecto de características únicas en España, no que estes recursos dixitais están directamente vencellados aos currículos e cobren todas as áreas e materias.
Atención á diversidadeOs materiais son de licenza aberta, que permite a súa reutilización, modificación e adaptación ao contexto de cada aula, alumno e centro, o que os fai completamente universais e personalizables. Ademais, o proxecto incide na inclusión, de modo que todos os recursos son accesibles e pensados para adaptalos á atención á diversidade.
Cada un dos recursos propón ao alumno un reto, que debe resolver a través da realización de varias actividades, e vai acompañado dunha guía didáctica na que se detallan os elementos do currículo que se abordan, así como os criterios de avaliación das competencias que se traballan.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta celebra que Galicia sexa o lugar escollido para abordar os retos da intelixencia artificial con científicos de todo o mundo
Summary:
Os conselleiros de Ciencia e de Lingua participan na inauguración da ‘European Conference on Artificial Intelligence 2024’
O Goberno galego impulsa, a través da Estratexia Galega de IA 2030, a Comunidade como un espazo avanzado na adopción desta tecnoloxía
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participaron hoxe na inauguración da xornada European Conference on Artificial Intelligence (ECAI 2024), unha cita que escolle por segunda vez a cidade de Santiago na súa 27ª edición para aglutinar a expertos da intelixencia artificial de todo o mundo. “Que esta prestixiosa conferencia volva a nosa terra é mostra da crecente relevancia desta Comunidade como punto de encontro para a ciencia e a innovación en Europa”, sinalaron os representantes da Xunta de Galicia.
A cita está organizada pola Asociación Europea de Intelixencia Artificial (EurAI) e a Sociedade Española de Intelixencia Artificial (AEPIA) e acollida polo Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago. Ambos aproveitaron o encontro para amosar o compromiso do Goberno galego con esta nova realidade: “Coñecedores da oportunidade singular que a intelixencia artificial supón para o desenvolvemento de Galicia, traballamos para situala como un eixo estratéxico do desenvolvemento económico, social e territorial da nosa Comunidade”.
A Xunta de Galicia conta coa Estratexia Galega de IA 2030, a folla de ruta para posicionar a Galicia como unha rexión avanzada na adopción desta tecnoloxía, e traballa na Lei galega de IA, que converterá a Galicia na primeira rexión europea cunha regulación única, sistemática e coherente nesta materia.
O encontroEste encontro, que se prolongará ata o 24 de outubro, celebra nesta edición os 50 anos de conferencias europeas sobre IA. Durante estes días pasarán pola capital galega numerosos científicos e expertos sobre intelixencia artificial a nivel internacional. As xornadas contan cun programa completo de relatorios técnicos, así como numerosos eventos relacionados coa intelixencia artificial para investigadores, estudantes e profesionais do sector, incluíndo talleres e titorías, charlas invitadas e sesións especiais.
Entre os poñentes principais que participarán na European Conference on Artificial Intelligence están a profesora da Universidade Técnica de Darmstadt de Alemaña Irina Gurevitch, que falará sobre a verificación de feitos no mundo real con modelos lingüísticos de gran tamaño; o profesor asociado da Universidade Carnegie Mellon en Pittsburgh Marijn Heule, que achegará aos presentes solucións para resolver problemas matemáticos con intelixencia artificial simbólica; o profesor da Escola de Economía de Toulouse e da Universidade Corvinus de Budapest César A. Hidalgo, que afondará na complexidade económica do uso do aprendizaxe automático para comprender o pasado, presente e futuro do seu desenvolvemento, e a profesora asociada do Instituto Real de Tecnoloxía KTH en Estocolmo Yolanda Leite, que exporá as necesidades que teñen os robots dos humanos, entre outros.
Esta cita é, así mesmo, unha oportunidade para Galicia, para seguir aprendendo e posicionándonos no panorama internacional, pois a intelixencia artificial xa non é “unha promesa afastada, senón unha realidade que abre portas que fai medio século nin sequera podiamos imaxinar”, concluíron os conselleiros.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional