Novas Consellería
A Xunta destaca o valor da I Semana do Emprendemento do instituto de Sabón para achegar ao alumnado as experiencias de éxito neste eido
Summary:
A directora xeral de FP sinala que a Xunta fomenta a cultura emprendendora a través de iniciativas como os viveiros de empresa e as aulas de emprendemento
O obxectivo do evento é que o alumnado coñeza casos de éxito de empresarios que cursaron no seu momento os mesmos ciclos que eles cursan agora
Idioma GallegoA directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou esta mañá na inauguración da I Semana do Emprendemento organizada polo Instituto IES de Sabón, unha iniciativa da que destacou o seu valor para achegar ao alumnado “á realidade empresarial desde outra perspectiva, a de o autoemprego, que non sempre é valorada en primeira opción”. “Desde a Xunta levamos máis dunha década impulsando a cultura do emprendemento entre o alumnado a través do Plan Eduemprende, con especial impulso á rede de viveiros de empresa, presente xa en 33 centros educativos”, destacou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
Así mesmo, puxo en valor as 100 aulas de emprendemento despregadas pola Xunta en centros que imparten ensinanzas de FP, entre eles o IES de Sabón. A través deste programa desenvólvense actividades que fomenten e canalicen as iniciativas emprendedoras do alumnado e ofrécese soporte administrativo e técnico para as primeiras fases dun proxecto. Se acada un nivel de madurez suficiente para a súa posta en marcha, faranse as xestións necesarias para a súa integración nun viveiro de empresa da Consellería fanse despois.
Precisamente o IES de Sabón decidiu celebrar esta Semana do Emprendemento no marco da súa adhesión a este programa, co obxectivo de que o alumnado coñeza casos de éxito de empresarios que cursaron no seu momento os mesmos ciclos que eles cursan agora. Así mesmo, o evento busca ser un punto de encontro entre o centro e algunhas empresas onde o alumnado pode realizar as súas prácticas. Ata o vindeiro venres, cada unha das xornadas dedicarase a cada unha das familias profesionais que se imparten no centro, en concreto Hostalaría e turismo, Actividades físicas e deportivas, Administración e xestión e Electricidade e electrónica. Participan no evento tamén alumnos de outros centros da comarca da Coruña.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalJudith Fernández subliña o labor da Inspección Educativa como garante do bo funcionamento do sistema
Summary:
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa abre un curso de formación para novos inspectores
Idioma GallegoA directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, salienta o labor que leva a cabo a Inspección Educativa como unha das pezas clave para garantir o correcto funcionamento do sistema. Así o puxo de manifesto durante a apertura dun curso de formación para novos profesionais do servizo de Inspección.
O curso, que se celebra no Centro Autonómico de Formación e Innovación, CAFI, en Santiago de Compostela, desenvolverase ao longo de seis xornadas de traballo neste mes de novembro. No día de hoxe abórdanse cuestións como a xestión dos recursos humanos nos centros educativos e a Formación Profesional. Na xornada de mañá abordarase o proceso de admisión do alumnado nos centros e o manexo da aplicación ao respecto, a dixitalización e a práctica inspectora coa formulación, desenvolvemento e resolución de casos prácticos. O curso continuará o xoves centrado nas Ensinanzas de Réxime Especial como son as de idiomas, deportivas e artísticas. Tamén haberá novas sesións formativas os días 18, 19 e 20 de novembro.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta destinará 9,3M€ ao reforzo do equipamento de investigación e de innovación das universidades, que se compartirá a través dunha plataforma
Summary:
Co obxectivo de mellorar os recursos innovadores destinados aos estudos de grao e mestrado, adquiriranse licenzas de software, simuladores ou equipos informáticos
Así mesmo, dotarase aos centros de investigación e servizos centrais de material para facilitar a súa actividade, incluído equipamento altamente especializado
Búscase avanzar nunha estratexia que permita a xestión eficiente e integrada dos recursos e capacidades de investigación do Sistema Universitario de Galicia
Este será, precisamente, un dos obxectivos do futuro Plan galego de investigación e innovación, que busca a coordinación dos axentes e recursos do sistema de I+D+i
Idioma GallegoO Consello da Xunta deu hoxe luz verde á sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e as universidades de Santiago de Compostela (USC), de Vigo (UVigo) e da Coruña (UDC) para reforzar o seu equipamento científico e de innovación educativa. O Goberno galego destinará máis de 9,3M€ a esta nova liña de actuación, dos que 3,9M€ serán para a USC, 3M€ para a UVigo e 2,4M para a UDC.
Así mesmo, ao abeiro deste acordo crearase por primeira vez unha plataforma para compartir o seu equipamento científico-técnico, o que na práctica se traducirá nun mellor aproveitamento de sinerxías para un maior impacto dos proxectos de innovación e investigación que desenvolven. Isto é, a través desta plataforma, os centros de investigación poderán intercambiar recursos, o que redundará nun maior acceso a todo tipo de materiais para os diferentes axentes investigadores. O obxectivo final é avanzar nunha estratexia que permita a xestión eficiente e integrada dos recursos e capacidades de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para a súa vertebración e posta en valor.
Este será, precisamente, un dos obxectivos do futuro Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 que está a preparar a Xunta, e que busca a coordinación dos membros do sistema de I+D+i e dos recursos dispoñibles, así como acadar unha maior eficiencia e impacto das accións impulsadas desde a Administración para o impulso da investigación, a transferencia, a valorización e a innovación en Galicia.
Equipamento e recursos dixitaisO primeiro bloque do acordo céntrase no reforzo dos recursos innovadores destinados aos estudos de grao e mestrado. Trátase, en concreto, da adquisición de equipamento científico e instrumentación avanzada, acondicionamento e dixitalización de espazos educativos, acceso a recursos dixitais e a conformación de plataformas de coñecemento e divulgación que permitan aos estudantes e docentes manterse á fronte do desenvolvemento tecnolóxico e adquirir as competencias necesarias a través dos seus estudos universitarios.
Isto traducirase no acceso a licenzas de software, recursos bibliográficos, plataformas de coñecemento, así como á adquisición de equipos informáticos, simuladores ou material de todo tipo para os laboratorios dos estudos de grao e máster.
Inclúese, tamén, equipamento e infraestruturas con destino aos tres Campus de Especialización acreditados pola Xunta de Galicia (Campus Industrial de Ferrol, Campus Terra de Lugo e Campus Auga de Ourense), que representarán un punto chave polo seu impacto no desenvolvemento das potencialidades económicas do seu entorno máis próximo.
Consolidación e cooperación dos centros de investigaciónO segundo bloque do acordo centra os seus esforzos no fortalecemento das infraestruturas dos servizos centrais, así coma na consolidación do equipamento dos centros da Rede CIGUS, que agrupa os mellores centros de investigación universitaria de Galicia, coa finalidade de maximizar o impacto das súas actividades de investigación e innovación, ao mesmo tempo, que se impulsa o uso compartido e racional das infraestruturas científico-técnicas de Galicia.
Neste apartado, os gastos subvencionables refírense a instalacións, recursos e servizos afíns utilizados pola comunidade científica para levar a cabo investigacións nos seus ámbitos de coñecemento. Trátase de equipamento altamente especializado como sistemas purificadores de auga ultrapura ou de ácidos nucleicos, robots intelixentes, equipos de microcorte de alta precisión, unidades de magnetosusceptibilidade, de raios X ou de resonancia magnética, espectómetros de varios tipos, cabinas de seguridade biolóxica, sistemas láser de distintas características, antenas intelixentes ou equipos de mostraxe mariña, entre outros.
A adquisición deste equipamento científico e técnico permitirá a execución de proxectos de investigación de calidade, que mellore os resultados e impacto económico e social dos mesmos, así como para o propio funcionamento e mellora dos servizos comúns de investigación e das infraestruturas de investigación existentes, priorizándose o equipamento de última xeración que é necesario para acadar a excelencia na investigación.
Ademais, facilitarase compartir o equipamento científico-técnico con outros centros da Rede CIGUS, centros colaborativos ou centros tecnolóxicos, sen custo e baixo petición. Durante o período no que o material estea compartido, haberá un técnico a disposición para facilitar o uso do mesmo.
Para iso, habilitarase un espazo no web da Rede CIGUS no que os centros de investigación poderán detallar o seu equipamento, cunha pequena descrición e un contacto para que poida solicitar o seu préstamo temporal tanto outros centros de investigación como os centros tecnolóxicos.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta incorpora oito centros de Santiago, Lugo, Manzaneda, A Rúa, Cangas, Agolada e Vilanova de Arousa ao programa Educación Responsable
Summary:
A iniciativa, que promove a educación emocional do alumnado, en colaboración coa Fundación Botín, supera xa o centenar de centros
Idioma GallegoA Xunta de Galicia vén de incorporar oito novos centros educativos ao programa Educación Responsable, que se desenvolve en colaboración coa Fundación Botín. O obxectivo desta iniciativa é promover a educación emocional do alumnado e poñer en valor a súa importancia no seu desenvolvemento persoal e académico.
Os centros que se suman ao programa este ano son os colexios CEIP de Manzaneda (Manzaneda), CEIP Manuel Respino (A Rúa), CEIP do Hío (Cangas), CEIP Plurilingüe de Agolada (Agolada) e CEIP Plurilingüe Xulio Camba (Vilanova de Arousa); o instituto IES A Pontepedriña (Santiago de Compostela) e Sanxillao (Lugo), así como o Centro de Educación Especial Santa María (Lugo).
Con estas novas incorporacións, este curso participarán no programa Educación Responsable un total de 103 centros, 7.300 alumnos e 448 docentes. Todos eles reciben formación, recursos e seguimento por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Estratexia galega de convivencia escolarA iniciativa enmárcase na Estratexia galega de convivencia escolar 2025, a folla de ruta do Goberno galego para seguir mellorando o clima nas aulas e o benestar emocional do alumnado. O programa Educación Responsable desenvólvese ao longo de tres cursos e leva consigo a aplicación na aula de diferentes recursos de educación emocional, social e creativa, o que se realiza de forma coordinada.
Ademais de en Galicia, o programa desenvólvese noutras comunidades españolas, concretamente en Cantabria, Madrid, A Rioxa, Navarra, Murcia, Castela e León, Aragón e Comunidade Valenciana, así como nos países de Uruguai, Chile e México.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalUn total de 680 estudantes de Bacharelato e FP gozan dunha praza gratuíta ou bonificada nos centros residenciais da Xunta neste curso
Summary:
As prazas están destinadas a estudantes procedentes de localidades onde non exista a oferta académica que cursan, nin teñan a posibilidade de desprazarse
Os usuarios seleccionados acceden a unha praza de balde ou pagando unha taxa subvencionada cuxa contía varía en función da renda familiar
Idioma GallegoUn total de 680 estudantes de Bacharelato e FP gozan dunha praza gratuíta ou bonificada nos centros residenciais docentes da Xunta este curso 2024-2025, repartidas entre os centros da Coruña (situado en Culleredo), Ourense e Vigo.
O Goberno galego inviste arredor de un millón de euros nestes centros, que teñen como obxectivo facilitar a residencia fóra do seu fogar a alumnos de estudos postobrigatorios non universitarios, fundamentalmente Bacharelato e FP.
En concreto, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP concedeu 303 prazas na Coruña, 194 en Vigo e 183 en Ourense. Deste xeito, os centros residenciais docentes xestionados polo Goberno galego acadan un 92 % de ocupación, en termos moi similares ao curso pasado, cando obtiveron praza 654 estudantes.
Os centros residenciais docentes acollen preferentemente a estudantes matriculados en ensinanzas que non se imparten en ningún centro da localidade onde reside a súa unidade familiar, nin tampouco noutros concellos próximos que lles permitan desprazarse con facilidade a diario.
Igualdade de oportunidadesOs beneficiarios destas prazas acceden ao servizo de residencia de forma completamente gratuíta ou con condicións bonificadas. Neste último caso, o estudante deberá aboar unha cota vinculada á porcentaxe na que a renda da unidade familiar supere o limiar establecido con diferentes tramos en función desa porcentaxe
Entre os criterios de valoración utilizados destacan os datos socioeconómicos, a composición familiar, a renda, a condición de discapacidade ou desemprego e o rendemento académico, de acordo coas baremacións establecidas na convocatoria.
Con esta medida, a Consellería de Educación promove que Galicia funcione como un distrito único, garantindo que o alumnado poida acceder ás mesmas oportunidades educativas, independentemente do lugar de procedencia. Desta maneira, facilítase o acceso á formación a estudantes que deben escolarizarse en localidades diferentes ao seu domicilio habitual e non teñen opción de desprazarse a outro concello próximo.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta supervisa os últimos detalles do proxecto para construír o novo instituto de Vigo
Summary:
Román Rodríguez reúnese cos estudos de arquitectura encargados da redacción do proxecto, que cumpren así coa previsión da entrega no mes de outubro
Unha vez remate a revisión da documentación, licitarase a obra co obxectivo de adxudicala e poder comezar a construción do centro no vindeiro ano 2025
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, vén de reunirse esta semana co equipo redactor do proxecto de construción do novo Instituto IES Domingo Villar de Vigo. Trátase da Unión Temporal de Empresas Iglesias Veiga Arquitectos e Mestura Arquitectos, adxudicatarias tanto do proxecto básico como de execución, dentro dos traballos previos á obra física nos que a Xunta leva xa investidos máis de 350.000 euros e cuxa entrega se produce no mes de outubro, tal e como estaba anunciado.
No encontro, no que tamén participaron técnicos do departamento de Construcións e equipamentos da Consellería, supervisáronse os últimos detalles do proxecto, para poder presentalo a toda a sociedade proximamente.
O novo centro construirase no barrio vigués de Navia e conta cun orzamento de 14M€, dos que parte xa se consignan nas contas do departamento educativo da Xunta para o vindeiro ano, en concreto preto de 2M€. Unha vez remate a revisión, licitarase a obra co obxectivo de adxudicala e poder comezar a construción do centro en 2025.
Román Rodríguez salientou o compromiso da Xunta “coa mellora da oferta educativa, aumentando prazas alí onde existe demanda”. É o caso, por exemplo, de Vigo, Ames ou O Pereiro de Aguiar, onde están en marcha traballos para a construción de novos centros. E tamén doutros concellos como Caldas de Reis, Salceda de Caselas, Ares, Lugo, O Carballiño ou A Estrada, onde distintos colexios, institutos e centros de Formación Profesional veñen sendo obxecto de obras de ampliación por parte do Goberno galego.
Un antes e un despois na arquitectura educativaO conselleiro mostrouse convencido de que o novo instituto de Vigo “marcará un antes e un despois no modelo de centros educativos de Galicia”. De feito, “será o primeiro instituto construído integramente baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica”, co que a Xunta leva investidos máis de 10 millóns de euros na cidade.
O Instituto IES Domingo Villar atenderá as necesidades educativas derivadas da dinámica poboacional nunha área de expansión como é o barrio de Navia e terá capacidade para arredor duns 700 alumnos de ESO e Bacharelato. Contará con espazos docentes acolledores e interactivos, que fomenten novos modelos de aprendizaxe, dinámicos e adaptables. O seu deseño estará, ademais, dirixido á sustentabilidade, buscando unha redución do consumo enerxético respecto de edificios similares.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta crea o premio ‘Tolerancia cero fronte ao acoso escolar’ para recoñecer o compromiso dos centros con actuacións nesta materia
Summary:
A iniciativa está dotada con 30.000 € que se repartirán en catro distincións específicas para a etapa de Primaria e outras tantas para a de Secundaria
Poderán presentar o seus proxectos ata o 20 de novembro para concorrer a este galardón, unha das novas medidas do Plan integral contra o acoso escolar
Valorarase a implicación do alumnado na loita contra o acoso e o ciberacoso e no coidado e acompañamento das vítimas
Idioma GallegoA Xunta de Galicia crea o primeiro premio Tolerancia cero fronte ao acoso escolar que ten como obxectivo recoñecer o compromiso e o labor dos centros educativos na loita contra situacións contrarias á convivencia escolar con actuacións específicas neste eido, ao tempo que serven de boas prácticas para o resto da comunidade educativa.
A finalidade do galardón, impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, é promover a participación do alumnado en programas que estimulen a súa implicación no respecto aos dereitos humanos individuais e sociais a través de accións concretas de loita contra o acoso e o ciberacoso escolar e de coidado e acompañamento das vítimas.
Con esta convocatoria, o departamento educativo do Goberno galego dá cumprimento a unha das accións recollidas no Plan integral contra o acoso e o ciberacoso que, á súa vez, está inxerido na Estratexia Galega de Convivencia Escolar.
Tal e como pode consultarse no Portal Educativo, a convocatoria vai destinada a todos os centros públicos dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que dispoñen de prazo ata o 20 de novembro para presentar os seus proxectos, que poden ser de carácter individual ou colectivo. Cada centro poderá presentar unha solicitude que irá acompañada dunha memoria descritiva do conxunto de actuacións levadas a cabo en materia de convivencia e benestar emocional.
Categoría e importesUnha comisión de selección encargarase de avaliar os proxectos presentados, tendo en conta aspectos como a calidade das accións desenvolvidas, a coordinación docente, a implicación da comunidade educativa, o impacto no proceso de ensino-aprendizaxe e a súa repercusión no conxunto do centro, entre outros.
A Consellería destina un total de 30.000 € a este galardón, que se distribuirán a razón de catro premios (primeiro, segundo, terceiro e mención de honra) para a modalidade de Primaria e outros tantos para a de Secundaria (que abrangue ESO, Bacharelato, FP, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial). Así pois, o centro que acade o primeiro premio recibirá 8.000 €, o segundo recibirá 4.000 €, o terceiro 2.000 € e a mención de honra 1.000 €.
Os centros poden acadar ata un máximo de 116 puntos nos que se valorarán o cronograma de actuacións realizadas ao abeiro do proxecto presentado; que os obxectivos sexan sostidos ao longo do tempo, propostas de actuación para o futuro, medidas innovadoras de loita contra o acoso e o ciberacoso que redunden na mellora da calidade educativa; nivel de implicación dos membros da comunidade educativa (familias, institucións...), posibilidade de replicar o modelo noutros centros e difusión do proxecto e dos seus resultados, entre outros.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalRomán Rodríguez enxalza o talento e potencial das empresas e centros de investigación galegos que traballan co CERN, un dos corazóns da ciencia mundial
Summary:
O conselleiro de Ciencia, xunto ao reitor da USC, visita en Xenebra a Organización Europea para a Investigación Nuclear, o maior laboratorio de física de partículas, á fronte dunha delegación de compañías e institucións científicas galegas
O representante da Xunta destaca que esta colaboración demostra “o sobresaínte traballo que se fai en Galicia en materia de I+D+i con investigadores excelentes e firmas de referencia que son quen de competir nun escenario internacional”
Plexus Tech (Santiago), Horta Coslada (Arteixo), Gabadi (Narón) e Thune Eureka (Vilagarcía de Arousa), e os centros IGFAE e Cesga, manteñen unha xornada de traballo na capital suíza para seguir estreitando lazos e intercambiando coñecementos
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, encabeza hoxe unha delegación de empresas e centros de investigación galegos nunha xornada de traballo en Xenebra no CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear), o maior laboratorio de física de partículas e un dos corazóns da ciencia no mundo. Trátase de compañías e centros que xa traballan co CERN, ao que prestan distintos servizos, o que en opinión do representante da Xunta demostra “o sobresaínte traballo que se fai en Galicia en materia de I+D+i con investigadores excelentes e firmas de referencia que son quen de competir nun escenario internacional”. Por iso, quixo visibilizar e enxalzar o seu talento e enorme potencial.
A delegación encabezada polo conselleiro de Ciencia, na que tamén participa o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López, está integrada por Plexus Tech, con sede en Compostela e representada polo seu CEO, Antonio Agrasar; Horta Coslada, de Arteixo, co seu director xeral, Alejandro Otero; Gabadi, de Narón, co seu director financeiro, José Luis Manso, e Thune Eureka, de Vilagarcía de Arousa, co seu director xeral Sergio Álvarez.
A eles, súmanse o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), un centro mixto da Xunta e a USC, do que asiste o seu director, Carlos Salgado, e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), institución compartida entre Xunta e CSIC, co director, Lois Orosa. Ambos centros teñen sede en Santiago. A delegación galega complétase coa directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta, Carmen Cotelo.
Contribución de cada compañía“Non é doado dar servizo ao laboratorio de física máis grande do mundo e estas empresas son quen de facelo, demostrando que Galicia está na vangarda da investigación científica e o desenvolvemento tecnolóxico”, explicou o conselleiro. “Esta colaboración dá conta –destacou– do sobresaínte traballo que se fai en Galicia para continuar impulsando e situando a nosa Comunidade no contexto europeo a nivel de innovación e investigación”, incidiu.
En concreto, Plexus Tech, unha compañía tecnolóxica especializada en servizos e produtos IT que desenvolve solucións integrais á medida, é provedora do CERN en desenvolvemento de tecnoloxías para os seus servizos. A empresa de construcións metálicas Horta Coslada participa nun dos proxectos estrela (DUNE) do CERN, no que se encarga da fabricación da estrutura metálica de dous criostatos (dispositivos empregados para manter baixas temperaturas).
Pola súa banda, Gabadi, unha das principais empresas do sector naval, encárgase da fabricación e reparación de tanques de membranas nas instalacións de Italia e Suíza, tras aportar o seu coñecemento en máis de 13 proxectos realizados polo CERN. Finalmente, Thune Eureka, provedora de servizos de fabricación de bens de capital, realiza actualmente un molde deseñado para a impregnación de novas bobinas de reposto para os sistemas de propulsión de dipolos. Esta información pode ser ampliada no dossier que acompaña a esta nota de prensa.
Intercambio de experiencias e proxectosNa ampla xornada de traballo, con visitas ás instalacións, presentacións e intercambio de experiencias, proxectos e estratexias con investigadores e traballadores deste centro, foron recibidos pola galega Mar Capeáns, xefa do departamento de Infraestruturas do CERN, no que leva traballando desde hai máis de 30 anos.
A visita comezou cunha presentación sobre o presente e o futuro do CERN, os pasos cara onde camiña e as súas liñas de investigación. Tamén se deu a coñecer a súa contribución ao proxecto DUNE, no que participan precisamente Horta Coslada e Gabadi. Esta é unha das iniciativas estrela nas que está somerxido actualmente o CERN, onde se aglutinan expertos internacionais para estudar algunhas cuestións sobre a física de partículas.
Finalmente, coñeceron as instalacións String Facilities, onde se coordinan as actividades relacionadas coa integración, instalación, posta en servizo e operacións no marco do Proxecto HL-LHC (que ten como obxectivo mellorar o acelerador de partículas e incrementar o número de colisións por segundo), e afondaron nas oportunidades industriais da sociedade actual. A visita concluíu no espazo CERN Science Gateway, o museo da Organización europea. “Esta xuntanza foi moi frutífera e, de seguro, que servirá para que as empresas e institucións galegas científicas continúen mellorando os seus procesos e servizos e poidan así seguir reforzando Galicia no ámbito científico e técnico”, concluíu o representante do Goberno galego, que trasladou en nome da Xunta o orgullo e a felicitación polo labor continúa de empresas e centros ata acadar a súa posición actual.
Estratexia cuántica de GaliciaO grupo galego tamén visitou o centro de computación do CERN, onde coñeceu a súa estratexia en cuántica a través da súa folla de ruta, a Iniciativa de Tecnoloxía Cuántica, que define un programa de investigación a medio e longo prazo. De feito, o Cesga xa mantén unha colaboración fluída co CERN desde 2004, pois presta soporte computacional aos grupos de investigación galegos que colaboran co experimento LHCb (un dos detectores do maior acelerador de partículas do mundo) para o almacenamento, procesamento e análise dos datos dos sensores instalados no LHC (o acelerador de partículas) do CERN.
Neste senso, o titular de Ciencia recordou a firme aposta do Goberno galego polas tecnoloxías cuánticas, así como as actuacións que se están a desenvolver en Galicia nesta materia e puxo en valor a aposta polo impulso ao Cesga. “Destinamos 56M€ de fondos europeos e propios á unha nova sede que albergará infraestruturas de supercomputación e almacenamento, co fin de consolidarnos como referente no ámbito nacional e europeo, capaces de estar á vangarda en computación de altas prestacións e computación cuántica, así como no coñecemento sobre estas infraestruturas”, remarcou Román Rodríguez.
Preto de 40 doutorandos da ComunidadeAdemais, na visita tamén se amosou o traballo que realiza o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, que colabora activamente co CERN. De feito, este centro de investigación ten a 40 membros traballando con este laboratorio mundial. “Ver como investigadores galegos fan posible que lideremos a participación española nun dos proxectos máis importantes do CERN é outro síntoma máis do gran potencial e talento que existe na nosa Comunidade”, subliñou. Ademais deste proxecto, o IGFAE mantén unha estreita relación en áreas de estudo relacionadas coa física teórica e colabora no campo da divulgación.
No ámbito máis formativo, tamén preto de 40 estudantes de doutoramento deste Instituto galego están desenvolvendo a súa tese no centro suízo. A meirande parte analizan e interpretan os resultados recollidos polo experimento LHCb, e, desde a perspectiva teórica, outra parte do alumnado de doutoramento da nosa Comunidade investiga sobre a interacción forte, unha das catro forzas fundamentais da natureza.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta reforza este curso a formación do alumnado no uso responsable das tecnoloxías e as redes sociais con programas específicos de benestar dixital
Summary:
Educación impulsa un abano de iniciativas neste eido, entre as que se atopa o ‘Navega con rumbo’ en coordinación co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática
Porase en marcha un novo programa para favorecer o correcto uso das novas tecnoloxías entre o alumnado de Primaria, cun orzamento de 2 M€
Idioma GallegoA Xunta de Galicia reforza este curso a formación do alumnado con programas específicos dirixidos a acadar un maior benestar dixital a través de un abano de accións neste eido co fin de promover un uso seguro e responsable das redes sociais e internet. Neste obxectivo, enmárcase o programa Navega con rumbo renovado hoxe polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Galicia, Fernando Suárez.
Navega con rumbo, que cumpre a súa 13º edición, realizará un total de 240 charlas de duración dunha hora. Estas xornadas están dirixidas ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO e 1º de FP Básica para guialo cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede. Por outra banda, faise partícipe a profesorado e familias das recomendacións que eles poden aprender de xeito que tamén sexan transmisores para o alumnado. Ademais, o convenio tamén recolle a elaboración dunha Guía de Boas Prácticas en Internet que estará dispoñible en soporte dixital na web asociada ao proxecto, como en formato impreso nos propios centros.
O convenio asinado hoxe enmárcanse na aposta do Goberno galego polo benestar dixital do alumnado, a adquisición por parte dos estudantes das competencias pedagóxicas axeitadas para o emprego das ferramentas tecnolóxicas e que sexan coñecedores dos riscos asociados ao ciberacoso. Esta prioridade recóllese na Estratexia Educación Dixital 2030 e no novo Plan integral contra o acoso e o ciberacoso, co obxectivo de que o desenvolvemento tecnolóxico sexa un medio de apoio ao proceso de aprendizaxe.
Prohibición do móbil e guía de usoAo abeiro deste compromiso, tal como avanzou o conselleiro de no Parlamento, a Xunta está actuando para adiantarse nos desafíos das novas tecnoloxías. Por iso, este curso vaise lanzar un novo programa dirixido ao alumnado de Educación Primaria para favorecer o correcto uso das novas tecnoloxías, cun investimento que superará os 2 M€. Así mesmo, a Xunta vén de poñer a disposición do alumnado a Guía de uso seguro de internet e as redes sociais, un documento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia que aborda, desde unha linguaxe sinxela e directa, efectos e riscos. Forma parte do programa Pegada dixital que se desenvolve en centros educativos desde hai dous cursos con 250 obradoiros.
No que atinxe á prohibición dos teléfonos móbiles nos recintos escolares, que opera desde o curso pasado a través dunha instrución remitida aos centros, o resultado da medida avalíase como moi satisfactorio en xeral entre a comunidade educativa, con boa repercusión na convivencia escolar. Non obstante, para garantir aos centros o máximo soporte xurídico na súa aplicación e ofrecer todas as certezas aos equipos directivos, vaise modificar o decreto 8/2015, de convivencia, a través da Lei de medidas para reforzalo.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalGalicia presenta en Canarias o éxito do seu modelo de FP en materia de inserción laboral
Summary:
A directora xeral de FP participa no II Congreso da Industria de Canarias para explicar a estreita conexión entre a oferta formativa galega e o tecido socioprodutivo
Idioma GallegoA directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participa no II Congreso da Industria de Canarias (CICAN), onde foi convidada polo Goberno de dita Comunidade para presentar o éxito do noso modelo de Formación Profesional en materia de inserción laboral dos titulados, que en Galicia supera o 85%.
No marco da mesa redonda Formación para a empregabilidade, a representante da Xunta destacou a estreita conexión que existe entre a oferta de ciclos e másteres de FP en Galicia e as necesidades do tecido socioprodutivo. “A través do Plan Conecta FP recollemos as demandas de profesionais cualificados que nos presentan as empresas para deseñar unha oferta formativa que lles dea resposta e que, ademais, estea moi apegada ao territorio”, explicou.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP detallou tamén o proxecto InnovaTech FP, unha iniciativa galega que promove a resolución de retos empresariais por parte de estudantes de FP. Así mesmo, salientou que se está a dotar aos centros de FP de tecnoloxías innovadoras e recursos de simulación, realidade virtual e intelixencia artificial para que os estudantes estean cualificados no uso das ferramentas de vangarda que empregan as empresas.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalRomán Rodríguez anuncia a rehabilitación integral do Colexio CEIP A Igrexa-Calo, en Teo, por case 1 M€
Summary:
Tamén está prevista a reparación da cuberta do Colexio CEIP Plurilingüe dos Tilos
A Xunta dá así resposta ás dúas principais necesidades da comunidade educativa deste concello coruñés
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe que o seu departamento vai acometer a rehabilitación integral do Colexio CEIP A Igrexa-Calo, en Teo. Fíxoo nunha visita ao centro, onde presentou o proxecto desta actuación que, cun orzamento de case 1M€, está incluída nos Orzamentos do Goberno galego para 2025.
O titular do departamento educativo da Xunta explicou que está prevista, así mesmo, a reparación da cuberta do Colexio CEIP Plurilingüe dos Tilos, cun investimento estimado de 350.000€. “Con estas dúas actuacións imos dar resposta ás dúas principais necesidades da comunidade educativa de Teo, cun investimento que vai superar os 1,3M€”, destacou o conselleiro. “Estas actuacións -subliñou- dan boa conta do compromiso do Goberno galego con este concello no que desde a Consellería levamos colaborando desde 2009”.
Román Rodríguez sinalou que ambas as actuacións teñen como finalidade principal mellorar o día a día dos alumnos e docentes destes colexios, incrementando o confort térmico das instalacións e, en xeral, a súa practicidade. Así mesmo, detallou que este tipo de actuacións redundan nunha mellora da eficiencia enerxética dos edificios e, como consecuencia, na redución do consumo.
Estas novas intervencións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros educativos, que inicia unha segunda fase cun investimento de 200 M€ durante os próximos catro anos, logo de ter executado xa máis de 2.700 obras desde 2021.
Reforma completaA rehabilitación integral do CEIP A Igrexa-Calo permitirá renovar as instalacións do centro, solucionando os problemas derivados da súa antigüidade, de máis de 50 anos. Segundo indicou o conselleiro, en breve procederase á licitación desta rehabilitación e a previsión é que as obras, cun prazo de execución de cinco meses, arranquen no segundo trimestre de 2025.
Os traballos a realizar consistirán na substitución da cuberta existente por outra de panel de sándwich illante con lá de roca, a renovación das ventás por outras con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento e o cambio deas luminarias por luces LED de baixo consumo en todas as áreas do colexio e no patio cuberto.
Tamén se levará a cabo unha optimización de espazos, renovación dos canlóns e baixantes do edificio, instalación de falsos teitos con protección acústica nas aulas, despachos e distribuidores de acceso, a renovación dos mesados da cociña coa substitución dos existentes fabricados en ladrillo por outros de aceiro inoxidable, a renovación do chan da escaleira principal con pavimento antiescorregadizo e a sinaléctica do centro.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta sitúa a educación emocional como un reto que esixe a implicación de toda a sociedade e evidencias científicas
Summary:
O conselleiro de Educación participa no acto de presentación do monográfico ‘Educación emocional en tiempos de crisis global’ impulsada desde a Asociación Interuniversitaria de Investigación Pedagóxica
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, situou hoxe a educación emocional como unha necesidade que precisa da implicación de toda a sociedade, coas familias en primeiro plano, e de evidencias científicas. Fíxoo no Vicerreitorado do Campus de Lugo, onde participou na presentación do monográfico Educación emocional en tempos de crise global, publicado na revista Relieve co impulso da Asociación Interuniversitaria de Investigación Pedagóxica.
O conselleiro agradeceu a implicación dos investigadores neste asunto a través desta publicación, que permite reflexionar e ofrecer solucións innovadoras para mellorar o sistema educativo e para atender situacións que poidan afectar á convivencia nas aulas.
No acto, participaron tamén o vicerreitor de Organización Académica, Francisco Fraga; o presidente da Asociación Interuniversitaria de Investigación Pedagóxica, Jésus Miguel Muñoz, e a profesora titular da Universidade de Santiago de Compostela, María Dolores Fernández, coordinadora do monográfico xunto a Raquel-Amaya Martínez, catedrática da Universidade de Oviedo.
Novas accións de mellora na convivenciaA Xunta ten en marcha a Estratexia galega de convivencia escolar para dotar aos docentes de ferramentas en educación emocional e para promover unha contorna de respecto e integración nos centros escolares. Nela enmárcanse iniciativas como o Plan integral contra o acoso escolar e o ciberacoso e a Guía de benestar emocional. Tamén medidas como a prohibición do uso do móbil nos centros educativos, que será reforzada agora a través da Lei de medidas.
De cara ao vindeiro ano, a Consellería está a preparar tres novidades neste ámbito, en concreto unha ferramenta de sondaxe para a medición do clima de convivencia, un Plan de coeducación que fomentará a igualdade nas aulas e a renovación do protocolo de identidade de xénero.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalGalicia e País Vasco comparten o reto da atracción e retención de talento como unha das claves de futuro dos sistemas de investigación de ambas comunidades
Summary:
O secretario xeral de Universidades cualifica de “moi positivo” o intercambio de experiencias para abrir reflexións conxuntas e analizar posibles liñas de cooperación e aproveitamento de sinerxías entre os centros punteiros de ambas comunidades
A delegación integrada por representantes da Xunta, das tres universidades públicas galegas e dos dez centros de investigación da Rede CIGUS pecha en San Sebastián unha visita de tres días para afondar nas potencialidades conxuntas no eido científico
Idioma GallegoGalicia e País Vasco comparten o reto da atracción e retención de talento científico como unha das claves de futuro dos sistemas de investigación de ambas comunidades autónomas, así como a posibilidade de abrir liñas de cooperación entre ambos modelos.
Así se puxo de manifesto nos distintos encontros mantidos ao longo de tres días no marco dun intercambio de experiencias e aproveitamento de sinerxías entre os centros de investigación punteiros galegos e vascos que concluíu hoxe en San Sebastián e nos que participou unha delegación galega integrada polo secretario xeral de Universidades, vicerreitores de investigación das tres universidades públicas galegas e representantes dos dez centros que integran a Rede CIGUS da Xunta.
O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, José Alberto Díez, cualificou de “moi positivo” estes encontros na medida en que “permiten abrir reflexións conxuntas” para implementar accións “que supoñan un mellor aproveitamento do noso potencial científico”.
Políticas de gobernanzaAdemais de amosar a Rede CIGUS da Xunta, o encontro permitiu contrastar e poñer en común as distintas estruturas de gobernanza, políticas de funcionamento e esquemas de financiación que coexisten en ambos modelos e, deste xeito, poder afondar nas súas fortalezas e atallar as debilidades.
Os dez centros da Rede CIGUS que participaron neste intercambio son pola Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS); pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (AtlantTTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).
Ademais de encontros bilaterais entre centros de investigación homólogos de ambas comunidades, durante tres días incluíronse visitas á Fundación para a Ciencia (Ikerbasque), o Instituto Biofisika- Fundación Biofísica Biskaia, Achucarro Basque Center for Neuroscience, Tecnalia, CICbioGuUne, CIGNanoGUNE, Basque Center on Cognition Brain and Language (BCBL) e Basque Research and Technology Aliance (BRTA).
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA directora xeral de FP destaca a aposta da Xunta polas ensinanzas artísticas a través da nova gratuidade da matrícula
Summary:
Eugenia Pérez reuniuse cos directores das escolas de arte e superiores de deseño e de conservación e restauración de bens culturais, co obxectivo de coordinar o desenvolvemento do curso e as actividades culturais
Idioma GallegoA directora xeral de FP, Eugenia Pérez, reuniuse esta mañá cos directores das catro escolas de arte e superiores de deseño de Galicia e da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, aos que agradeceu o seu traballo á fronte destas escolas, “que constitúen un dos piares fundamentais do ensino superior en Galicia”. Neste sentido, destacou a aposta da Xunta por estas ensinanzas, reforzada este ano pola posta en marcha da nova gratuidade de matrícula.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou, así mesmo, a incorporación do plurilingüismo a estas escolas hai dous cursos, co obxectivo de internacionalizar estas ensinanzas e mellor as competencias en linguas estranxeiras do alumnado. “Hoxe son xa catro as que se imparten en inglés no marco do programa PluriArt, ademais dunha sección bilingüe”, explicou.
Neste encontro, primeiro do curso dedicado aos centros de ensinanzas artísticas, os centros coordinaron o desenvolvemento do curso e as actividades culturais e de promoción das titulacións que imparten ao longo do ano académico, entre outras cuestións. Ademais dos representantes da Consellería, participaron no encontro os directores das escolas de arte e superiores de deseño Pablo Picasso (A Coruña), Elena Pardo; Mestre Mateo (Santiago de Compostela), Juan Adrio; Ramón Falcón (Lugo), Ramón Manuel Cabarcos; Antonio Failde (Ourense), Xosé Manoel González Rivera, e da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia (Pontevedra), Carmen Lorenzo.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalXunta e concello de Arteixo exploran novas vías de colaboración para o impulso da FP
Summary:
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o alcalde, Carlos Calvelo, reúnense para estudar a reedición dun convenio que permitiu a posta en marcha de novos ciclos
Farase fincapé na orientación laboral integral do alumnado a través do Plan FPGal360
Idioma GallegoA directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, reuníronse esta mañá para explorar novas vías de colaboración para o impulso da FP neste concello e o fomento da orientación profesional integral a través do Plan FPGal360, que busca seguir reducindo o abandono temperá e favorecer que os alumnos acaden a maioría de idade cunha titulación.
Entre outros asuntos, estase a estudar a reedición do convenio asinado no ano 2017, a través do que se puxeron en marcha varios proxectos de FP Básica. Así mesmo, abordáronse as posibilidades que ofrece o procedemento de acreditación de competencias profesionais, polo que persoas que carecen dunha cualificación recoñecida oficialmente poden acceder á mesma, demostrando as competencias adquiridas ao longo da vida tanto pola vía da experiencia laboral como pola vía da formación non formal.
Tanto a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP como o alcalde de Arteixo coincidiron na necesidades de reforzar todas as vías para ampliar as posibilidades formativas e profesionais do alumando deste municipio, aproveitando ademais as posibilidades de inserción laboral que o tecido produtivo da súa contorna lles ofrecen.
Neste momento o groso da oferta de FP no concello de Arteixo concéntrase no Instituto IES de Sabón, un referente na posta en marcha de proxectos innovadores e motivadores para o alumnado de FP Básica. Conta con máis de 200 alumnos matriculados nos ciclos de grao básico de Cociña e restauración, e de Electricidade e electrónica; nos de grao medio de Guía no medio natural e de tempo libre, Instalacións eléctricas e automáticas e Xestión administrativa, e no ciclo de grao superior de Administración e finanzas.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta convocará en 2025 como mínimo 1.600 prazas de profesorado malia a baixada do alumnado para seguir mellorando un dos mellores rateos de España
Summary:
Román Rodríguez detalla uns orzamentos que superan por primeira vez os 3.000 M€ nas áreas de educación e ciencia apostando claramente polo futuro de Galicia, o que volve situar á nosa Comunidade como unhas das que máis inviste por alumno
Sinala que o maior reforzo experiméntase na área de persoal para avanzar “nun camiño de mellora imparable” grazas ao acordo coas organizacións sindicais
Salienta que Galicia conta hoxe con máis de 5.000 profesionais dedicados á atención á diversidade fronte aos 2.700 do 2009 e anima a seguir mellorando neste eido
Anuncia plans de mellora en comedores, intercambios educativos co estranxeiro, convivencia escolar ou uso correcto de novas tecnoloxías entre os máis novos
As universidades recibirán unha achega récord de 538 M€ que sitúan a Galicia a piques de ser a primeira comunidade en acadar o 1% do PIB en recursos públicos
A área de ciencia medra 78 millóns ata os 372, “un crecemento superior á media dos orzamentos da Xunta que demostra o compromiso co fomento do I+D+i”
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, avanzou hoxe que a Xunta convocará o vindeiro ano como mínimo 1.600 prazas de profesorado a través dunha nova oferta de emprego público, oposicións que se levarán a cabo nun contexto de baixada continuada da matrícula. Isto permitirá que Galicia siga mellorando o seu rateo de alumnos por profesor, que xa é a terceira mellor de España, con 9,8 fronte á media estatal de 11,4.
Así o manifestou na Comisión 3ª do Parlamento, onde compareceu co seu equipo para presentar os orzamentos do seu departamento para 2025, que medran e superarán por primeira vez os 3.000 millóns, o maior investimento realizado nunca polo Goberno galego en materia de ensino e investigación. Estas cifras van permitir que Galicia continúe sendo unha das comunidades autónomas que máis inviste por estudante, con 8.075 euros, é dicir, 1.000€ máis que a media estatal situada en 7.043€, segundo as últimas estatísticas oficiais publicadas polo Ministerio de Educación, FP e Deportes.
“Galicia vai dispoñer do maior orzamento da súa historia dedicado á Educación, á Ciencia, á Universidade e á Formación Profesional e o fai por quinto ano consecutivo”, explicou Román Rodríguez, quen cifrou en máis de 121 millóns de euros o incremento respecto ás anteriores contas, en termos de orzamento consolidado. É dicir, un aumento do 4,2%.
Salientou que o apartado de Educación é o de maior peso da Xunta despois de Sanidade e representa case un 20% do orzamento total. Isto é posible grazas a un reforzo de fondos propios ante a retirada progresiva dos fondos extraordinarios europeos. Mentres, a área de investigación medra globalmente 78 millóns ata os 372, “un crecemento superior á media dos orzamentos da Xunta que demostra o compromiso co fomento do I+D+i”, detallou o conselleiro de Ciencia, quen lembrou a aposta do presidente Alfonso Rueda por elevar a rango de Consellería esta competencia nesta nova lexislatura co obxectivo de “buscar novas solucións para mellorar o benestar e calidade de vida da cidadanía e xerar coñecemento aplicable ao desenvolvemento económico e social”.
Máis profesores para menos alumnosRomán Rodríguez repasou cada un dos capítulos dos orzamentos, comezando polo de maior magnitude, o dedicado ao profesorado. Neste apartado, reserva 1.780 millóns, o que supón 90 millóns máis que no 2024, unha suba do 5,3%. “Máis profesores nun contexto de forte caída continuada na poboación escolar”, reflexionou o conselleiro, quen vencellou este notable aumento co acordo asinado hai un ano coas organizacións sindicais e reforzado agora ao ser elevado á máxima categoría a través da Lei de medidas, o que garante e clarifica o seu cumprimento íntegro ao longo dos próximos cursos: “Este incremento fará posible continuar coa a aplicación das condicións de mellora retributiva pactadas e do resto de medidas de mellora na atención ao alumnado con necesidades especiais, a baixada progresiva de rateos e o reforzo do ensino rural”.
De aí que en 2025 vaian celebrarse novamente oposicións. Desde 2009 convocáronse máis de 18.500 prazas e a nova oferta elevará esta cifra por riba das 20.000. Galicia consolidarase así como a comunidade autónoma con menor taxa de interinidade.
“Fomos quen de adiantarnos, ninguén está facendo o que fai Galicia: partindo dunha moi boa situación a nivel organizativo e de resultados, avanzamos nun camiño de mellora imparable”, afirmou Román Rodríguez en alusión á “maior modernización do sistema educativo galego en 30 anos”, co que se elevou a cifra de docentes este curso ata os 31.603 malia ter 4.000 alumnos menos en Infantil e Primaria. A través do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, xa están en marcha tres dos seis programas de reforzo (Promociona, Proa+ e Centros Referentes) e trabállase nos restantes: lectura e Matemáticas e apoio ao alumnado estranxeiro. “Queremos seguir avanzando nesta liña, comprometidos coa mellora continua e a autoesixencia”, manifestou o conselleiro, quen lembrou que Galicia pasou en poucos anos de estar por debaixo da media de España e da OCDE en PISA a estar por riba e mesmo liderar en Ciencias e pensamento creativo.
Referencia en inclusión educativaNo apartado de persoal, detívose especialmente nos profesionais de atención á diversidade, en áreas como Audición e linguaxe e Pedagoxía terapéutica, entre outros, que hoxe superan xa os 5.000 fronte aos 2.700 do ano 2009. Isto é posible grazas a unha aposta decidida da Xunta, que estrea este curso unha medida pioneira coa que no conta ningunha comunidade autónoma: a ponderación especial deste alumnado por dous ou por tres en función da súa situación, o que leva aparellado un reforzo de profesorado.
As estatísticas tamén certifican que o ensino galego é o máis inclusivo de España, con case un 94% do alumnado integrado en ordinaria; que temos o mellor rateo de alumnos por profesor en centros e Educación Especial (2,6 fronte á media estatal de 3,4) e que temos maior capacidade de detección a través dun sistema robusto e implicado. Para afondar neste liña, anunciou que Galicia se dotará da ferramenta Galiorienta, que seguirá mellorando a xestións destes recursos da man dos centros educativos.
No capítulo II, dedicado aos gastos correntes e dotado de 111 M€, salientou os gastos de funcionamento para os 1.068 centros públicos existentes, cifra que consolida os aumentos dos últimos exercicios. Neste epígrafe non se inclúe agora o transporte escolar -que pasa a depender da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes-, un servizo que, unido ao de comedor, supón un investimento diario de 1 millón de euros. Co fin de manter o apoio ás familias, os comedores da Consellería seguirán tendo conxelados os prezos públicos. Ademais, Román Rodríguez avanzou un novo plan de comedores para mellorar o servizo, en coordinación con varios departamentos da Xunta.
Universidade máis accesible de EspañaContinuou o conselleiro co capítulo IV, dedicado ás transferencias correntes, que suman un total de 792 millóns de euros. Este apartado posibilitará achegar ás universidades máis fondos que nunca: 538 M€. “Galicia realiza un esforzo extraordinario no financiamento das súas universidades públicas e volvemos marcar un financiamento récord cun crecemento de case o 5%”, indicou. Por iso, avanzou que Galicia está xa moi preto de acadar o 1% do PIB en recursos públicos ás universidades e ser a primeira comunidade en logralo, con moita antelación sobre o obxectivo fixado para 2030.
Son os primeiros orzamentos que habilitan fondos para a gratuidade da matrícula iniciada este curso e que fai que Galicia teña a universidade máis accesible de España. “Galicia xa é a primeira comunidade autónoma —e a única por agora— cun sistema educativo público gratuíto desde a primeira etapa de Infantil ata os estudos superiores”, gabou o conselleiro sobre este compromiso electoral cumprido nos 100 primeiros días.
Enumerou tamén outras liñas de traballo como o Plan de infraestruturas, que permitirá mellorar diversos edificios en todos os campus galegos e a construción, entre outras actuacións, da nova Facultade da Farmacia en Santiago, ou o impulso do programa de especialización dos campus periféricos nas cidades de Ferrol, Lugo e Ourense.
Plan Galemundo de internacionalizaciónO capítulo IV complétase coas transferencias aos centros concertados, cuxo profesorado recibirá un incremento retributivo en termos semellantes aos restantes colectivos, así como todo o programa de apoio ás familias a través das axudas de libros de texto e material escolar, que manterán os incrementos realizados durante os últimos anos. Son medidas que contribúen a que o ensino galego sexa o máis equitativo de España ao favorecer a igualdade de oportunidades, segundo as avaliacións do informe PISA.
Tamén se duplicarán as bolsas para o retorno da mocidade no exterior que desexa cursar ciclos de FP. E, no ámbito da internacionalización, Román Rodríguez avanzou a posta en marcha do Plan Galemundo “para fomento dos intercambios e a formación educativa e lingüística no exterior” para darlle máis oportunidades aos máis novos, que segundo o estudo internacional de EF teñen o mellor nivel de inglés de España.
Construción de modernización de centrosPor último, en canto ao capítulo VI, disporase de máis de 136 millóns de euros. Deste xeito, afondarase na renovación de colexios e institutos co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que inicia unha segunda fase cun investimento de 200 M€ durante os próximos catro anos, logo de ter executado xa máis de 2.700 obras desde 2021.
Grazas a este investimento, realízanse ampliacións de centros educativos en concellos como Santiago de Compostela, Caldas de Reis, Arteixo, Vilagarcía de Arousa ou Redondela, entre outros; rehabilítanse outros na Coruña, Lugo, Carballo, Ourense ou Cambados e un longo etcétera e constrúense novos centros, caso do futuro Colexio CEIP Milladoiro en Ames, en fase de adxudicación por preto de 10 M€; o Instituto IES Domingo Villar de Navia, próximo a súa licitación por 14 M€, ou o futuro IES de Pereiro de Aguiar, en fase de redacción do proxecto cun investimento previsto de 9,3 M€.
Formación Profesional innovadoraTamén este apartado acolle as accións máis relevantes no ámbito da Formación Profesional, unha prioridade para o Goberno autonómico. Esta Dirección Xeral compensa con fondos propios a finalización dos fondos europeos para ofrecer unha formación excelente adaptada ás necesidades da mocidade e dos sectores produtivos, que apostan masivamente por estas ensinanzas e marcan un novo récord de matrícula.
Este curso porase en marcha o decreto pioneiro para regular o rexistro de patentes e propiedade industrial neste tipo de ensinanzas; continuarase desenvolvendo InnovaTech FP para favorecer o desenvolvemento de proxectos empresariais co uso de tecnoloxías innovadoras, e apostarase por dotar aos centros con recursos de simulación, realidade virtual e intelixencia artificial para estar plenamente adaptados ás novas demandas, procurando así as elevadas cifras de inserción laboral, que superan xa o 85%.
Ademais, comeza a desenvolverse o Plan FPGal360, de orientación profesional integral, que busca ampliar de facto a idade de escolarización ata os 18 anos, para que ningunha persoa chegue á maioría de idade sen unha cualificación. Galicia aspira así a seguir reducindo o abandono escolar, que pasou en 15 anos de case o 26% a un 9%.
Transformación dixital e coeducaciónTamén a transformación dixital do ensino ten un rol relevante para garantir un modelo híbrido onde papel e tecnoloxía se complementan. Encádranse aquí programas de innovación educativa como cREAgal ou Ágora Dixital. Ademais, Román Rodríguez anunciou a posta en marcha dun programa dirixido ao alumnado de Primaria para favorecer o correcto uso das novas tecnoloxías cun investimento que superará os 2M€.
No ámbito contra o acoso escolar, avanzou tres novidades: unha ferramenta de sondaxe para a medición do clima de convivencia, un Plan de coeducación que fomentará a igualdade nas aulas e a renovación do protocolo de identidade de xénero.
Reforzo da aposta pola investigaciónO conselleiro rematou a súa intervención cun repaso ao capítulo VII, onde ten especial protagonismo a Axencia Galega de Innovación, integrada nestes orzamentos por primeira vez na Consellería de Educación e Ciencia coa súa nova configuración.
Contará cun orzamento de case 120 millóns de euros para ser “a punta de lanza á vangarda da investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica” xunto ás universidades (que acadan récord en investigación con 106 M€), o sistema sanitario e iniciativas doutras consellerías. Precisamente, unindo forzas coa Secretaría Xeral de Universidades, reforzarase a Rede CIGUS que agrupa aos centros de I+D+i máis punteiros da USC, UDC e UVigo, así como dos centros tecnolóxicos vencellados a sectores produtivos (con apoios extraordinarios nos casos de CTAG e Aimen no Porriño, Gradiant en Vigo e CETIM en Culleredo) e dos novos centros de investigación empresarial en construción por parte de BorgWarner en Nigrán e de Mestrelab en Santiago.
Román Rodríguez marcou como obxectivos prioritarios a atracción e retención de talento científico, a nova fundación para a captación de investigadores de alto nivel internacional anunciada recentemente, o novo plan de I+D+i ante un ecosistema con máis de 12.000 profesionais ou o reforzo da supercomputación e o avance na cuántica a través do novo Cesga, un proxecto aprobado cun investimento de 56 millóns de euros.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalGalicia potencia a súa rede de centros de investigación universitaria cun intercambio de experiencias e aproveitamento de sinerxías co Pais Vasco
Summary:
Unha delegación integrada por representantes da Xunta, das tres universidades públicas galegas e dos dez centros de investigación da Rede CIGUS participarán esta semana nunhas xornadas en Biscaia sobre o papel que xogan estes centros no eido científico
Idioma GallegoGalicia potencia os seus centros de investigación universitaria que conforman a Rede CIGUS de excelencia científica cun intercambio de experiencias e aproveitamento de sinerxías con centros de investigación do País Vasco que comezará mañá.
Unha delegación galega integrada polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, vicerreitores de investigación das tres universidades públicas galegas e representantes dos dez centros de investigación universitaria que integran a
Rede CIGUS da Xunta participarán durante tres días nunhas xornadas para afondar no papel que xogan estes centros como axentes científicos de primeiro nivel.
As xornadas, que arrancan mañá luns e se desenvolverán ata o xoves, servirán para que ambas delegacións intercambien experiencias sobre o ecosistema de investigación, a xestión organizativa e científicos destes centros e identifiquen boas prácticas e iniciativas inspiradoras e atopar oportunidades de networking.
O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP participará na apertura das xornadas xunto co conselleiro de Ciencia, Universidades e Investigación do Goberno Vasco, Juan Ignacio Pérez, e co general manager da Fundación Vasca para a Ciencia Ikerbasque, Miguel A. Arocena.
Dez centros punteiros en GaliciaOs dez centros da Rede CIGUS que participan neste intercambio son pola Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS); pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (AtlantTTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA).
Na visita ao País Vasco, a delegación galega visitará a Fundación para a Ciencia (Ikerbasque), o Instituto Biofisika- Fundación Biofísica Biskaia, Achucarro Basque Center for Neuroscience, Tecnalia, CICbioGuUne, CIGNanoGUNE, Basque Center on Cognition Brain and Language (BCBL) e Basque Research and Technology Aliance (BRTA).
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta abre o prazo para que os centros educativos participen no concurso sobre as Letras Galegas 2025
Summary:
Na convocatoria colaboran a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
O certame propón unha exposición que profunde na figura das cantareiras, homenaxeadas na vindeira efeméride, e na poesía popular oral
As solicitudes xa se poden presentar a través da sede electrónica da Administración autonómica ata o 25 de xaneiro do ano que vén
Idioma GallegoA Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, colaboran unha edición máis no concurso sobre o Día das Letras Galegas dirixido aos centros de ensino público non universitario e que de cara ao ano que vén versará sobre as cantareiras e a poesía popular. Así, a iniciativa convida aos estudantes a elaborar unha exposición centrada na obra, a época e a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviron as mulleres que protagonizarán a efeméride en 2025.
Con esta convocatoria, o Goberno galego pretende impulsar a achega da mocidade a esta manifestación da cultura popular, propoñéndolle que profunden na importancia dos cantos e da tradición oral para a lingua galega ao longo da historia e no labor fundamental das mulleres como transmisoras desta riqueza inmaterial, que vai ser recoñecida na próxima celebración das Letras Galegas.
O certame, que implicará tanto a alumnado como a profesorado nun traballo conxunto, establece dúas categorías: unha para educación infantil e primaria e outra que abrangue a secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial. Deste xeito, ademais de potenciar o estudo da época e propiciar unha reflexión sobre a lingua e a sociedade do momento, enriquecendo o seu coñecemento, os participantes tamén terán un premio económico de 2.000€ por categoría.
As solicitudes xa se poden realizar, ata o 23 de xaneiro do ano que vén, a través da sede electrónica da Administración autonómica, mentres que a información máis completa pode consultarse no Portal da Lingua da Xunta.
Letras Galegas 2025O ano que vén, con motivo do Día das Letras Galegas, renderase homenaxe ás cantareiras Adolfina e Rosa Casás (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e ás Pandereteiras de Mens, Manuela Lema Villar, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende, de Malpica de Bergantiños.
Adolfina (1912-2009) e Rosa (1913-2005) eran tía e sobriña, coñecidas na contorna pola súa arte como cantareiras e tocadoras. Rosa emigrou a Inglaterra nos 60 e nos anos 80 as dúas volveron xuntarse recobrando o seu xeito de tocar.
Eva Castiñeira (1926-2010) era veciña do lugar de Agranzón en Muxía e cantaba desde pequena nas romerías. Convidada polo grupo Milladoiro, foi a primeira pandereteira en subir a un escenario cun grupo folk, nun concerto celebrado no pavillón de deportes da Coruña.
As Pandereteiras de Mens foron cinco labregas desta parroquia malpicá. Dúas delas (Adela e Teresa) non poden ser homenaxeadas o falecer hai menos de dez anos. Recibirán o recoñecemento Prudencia Garrido (1905-1993) e a súa irmá Asunción Garrido (1915-2007), ademais de Manuela Lema Villar (1913-1993). Cando algunha xa superaba os 80 anos, viaxaron por Europa e América coa súa música acompañando, a partir de 1972, a Agrupación Folclórica Aturuxo.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalA Xunta pon en valor o seu compromiso coa educación inclusiva na xornada de formación do profesorado do proxecto ‘Incluídas’
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou esta mañá na inauguración da xornada de formación do profesorado Desenvolvemento de habilidades e competencias necesarias para unha práctica educativa inclusiva, impulsada polo seu departamento no proxecto Erasmus+ Incluídas. Neste contexto, puxo en valor “o compromiso sólido da Xunta coa educación inclusiva”. “De feito, temos un dos sistemas máis inclusivos, como indica o propio informe PISA, pero queremos seguir avanzando”, afirmou o conselleiro.
“Con proxectos coma este unimos docentes, inspectores e asesores nunha experiencia de aprendizaxe colaborativa para desenvolver as súas competencias, contribuíndo á mellora da calidade educativa, ao impulso da innovación e fortalecendo a identidade europea e a cidadanía activa”, afirmou.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación ProfesionalRomán Rodríguez felicita á comunidade educativa do Colexio de Ponte Carreira, en Frades, polo seu 50 aniversario
Summary:
Este centro leva cinco décadas “funcionando como punto de encontro entre xeracións e familias, onde a formación académica e persoal van da man”, destaca
Idioma GallegoO conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, felicitou hoxe á comunidade educativa co Colexio CPI de Ponte Carreira polo 50 aniversario dun centro “que leva cinco décadas funcionando como punto de encontro entre xeracións e familias, onde a formación académica e persoal van da man”, destacou.
Neste sentido, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia puxo en valor a integración do colexio no tecido social do municipio, así como a súa evolución para adaptarse aos novos retos educativos que van xurdindo. “Desexo que o CPI de Ponte Carreira manteña a gran traxectoria que ven construíndo durante todo este tempo, ao servizo das necesidades dos alumnos, sen renunciar á súa aposta pola innovación educativa, pola inclusión e pola sustentabilidade”, dixo.
A celebración do 50 aniversario do centro contou coa participación de membros e exmembros do equipo directivo e docente, alumnos e familias, moitas delas tamén exalumnos do colexio. Ademais dunha visita guiada ás instalacións, a conmemoración completouse cunha festa infantil e música en directo, entre outras actividades.
Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional