INTERCAMBIO LINGÜÍSTICO-CULTURAL CO IES PADRE SARMIENTO DE VILAFRANCA DO BIERZO
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega está a organizar un intercambio lingüístico-cultural co IES Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo (León).
Así pois, 50 alumnos/as da ESO do noso instituto van iniciar neste mes de marzo o contacto por carta con alumnos/as deste instituto berciano que estudan lingua galega no seu centro.
Para saber máis sobre a lingua galega no Bierzo recollemos as palabras de Xabier Lago Mestre, especialista no tema:
"A comunidade lingüística galega do Bierzo estivo historicamente localizada no noroeste comarcal. O lindeiro intercultural do galego vai entre os ríos Cúa e Sil ao seu paso polo Bierzo. En total son uns 19 os concellos galegofalantes, aínda que os situados máis ao leste teñen influencias do chamado asturleonés (casos de Peranzais, Fabeiro, Priaranza, etc). Neste territorio hai sobre 31.000 falantes galegos, aos que lle hai que engadir os 20.000 que viven no concello de Ponferrada, nos pobos de Devesas e Fontesnovas, os barrios de Flores del Sil e A Placa, habitados por poboación inmigrante do Bierzo occidental e por naturais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Da análise interxeracional, a maior idade dos falantes maior é o uso do galego oral. Hai unha clara fractura xeracional entre os vedraños e a mocidade provocada en parte polo sistema educativo que non tivo en conta o ensino da lingua galega. Sen embargo coa impartición do galego nos colexios, a partir do curso 2001-2002, trátase de fomentar unha importante canle de transmisión idiomática a través dos centros educativos."
Esperamos que esta experiencia sexa de proveito para todos/as e aprendamos moito!!!