Saltar navegación.
Inicio
             Ponteareas

Iniciar sesión: Acceso

CENTENARIO DO NACEMENTO DE ÁLVARO CUNQUEIRO

 

Álvaro Cunqueiro Mora naceu o 22 de decembro de 1911 en Mondoñedo. Na botica do pai tivo a oportunidade de entrar en contacto coas historias e cos tipos populares do país. En 1922 transladouse a Lugo para cursar o Bacharelato, e despois a Compostela para estudar Filosofía e Letras. Descubriu así a obra de autores como Yeats, Rilke, Breton, Verlaine e outros vangardistas que deixarán pegada nos seus primeiros poemarios. Nas tertulias do Derby e do Español coincidirá con García-Sabell, Torrente Ballester, Carvalho Calero, Luís Seoane, Maside, Colmeiro e moitos outros integrantes do movemento artístico compostelán. Estes contactos estimularon a Cunqueiro a tomar consciencia do país e da lingua. De volta en Mondoñedo, participou no movemento editorial dos anos trinta promovendo a aparición de varias publicacións (Papel de color, Galiza, Editorial Un...) inseridas no ambiente vangardista da época. Na liña vangardista publicou os poemarios Mar ao Norde (1932), Cantiga nova que se chama Ribeira (1933) e Poemas do si e do non (1933).

Cunqueiro exerceu de mestre en Santa Marta de Ortigueira e de periodista en Vigo, Donostia e Madrid. En 1944 o réxime retiroulle o carné de xornalista e voltou a Mondoñedo. Comezou neses anos a súa andaina como narrador galego: novelas (Merlín e familia i outras historias, As crónicas do Sochantre e Si o vello Sinbad volvese ás illas) e libros de relatos (Escola de Menciñeiros, Xente de aquí e de acolá...). Tamén retoma a escrita de pezas dramáticas, como O incerto señor Don Hamlet Príncipe de Dinamarca (1958). Ingresou na Real Academia Galega en 1961, ano en que fixou a súa residencia na cidade olívica para traballar no xornal Faro de Vigo.
A superación do concepto tradicional dos xéneros, a intertextualidade e coherencia do seu universo literario, a recreación de figuras e mitos, o tratamento do elemento popular e a incorporación de técnicas propias da oralidade serán os trazos que identifiquen a súa produción, nunha magna obra que conforma un corpus inzado de coñecementos etnográficos, plásticos, musicais, filolóxicos e literarios.

CENTENARIO DO NACEMENTO DE ÁLVARO CUNQUEIRO