Charla sobre emprendemento no rural: Floradeira

Xa comezou a actividade da nova Aula de Emprendemento do IES de Arzúa coa charla sobre Emprendemento no rural de FLORADEIRA: o proxecto de Verónica de cultivo e venda de flores online. Verónica explicou en dúas quendas a súa traxectoria profesional. O alumnado de FP tanto de Administración e Xestión como de Agraria puido coñecer como despois de estudar psicoloxía e terapia ocupacional e traballar do seu, decidiu dar unha volta a súa vida e crear un novo proxecto empresarial para ser a xefa da súa vida. Esta emprendedora contou polo miúdo como comezou cunha subvención de 3000 euros e a súa aposta pola páxina web e as redes sociais como escaparate dos seus produtos. Explicou como nos seus inicios vendía un ramo á semana e tras catro anos en funcionamento ten mais de 20.000 seguidores en Instagram, realiza unha media de 20 pedidos ao día e os envíos van dende a súa aldea de Paderne a diferentes partes de España en menos de 24 horas. Tamén incidiu sobre outros elementos como o packaging, as empresas de transporte, o crecemento do seu proxecto, a necesidade de focalización, a facturación, as inversións futuras e a conciliación. En definitiva, a experiencia de Verónica foi un gran exemplo para que o alumnado coñeza o emprendemento dende unha perspectiva real e auténtica.

Floradeira

Back to top