O luns 11 de xuño tivo lugar no IES Arcebispo Xelmírez II a cerimonia de entrega dos premios Ofelia Devesa de Educación Activa 2017-2018, que continúan con obxectivo, nesta III edición, de promover a investigación, a divulgación e a creatividade entre o alumnado de Educación Secundaria e Bacharelato. Durante a gala de entrega de premios, proxectáronse no salón de actos do centro os videos presentados polo alumnado participante, antes de comunicar os nomes dos gañadores e proceder á entrega de diplomas.
Xunto coas alumnas e os alumnos premiados, na imaxe sobre estas liñas, de esquerda a dereita: Carlos Lema Devesa, catedrático de Dereito Mercantil na Universidade Complutense de Madrid, exalumno do Instituto Arcebispo Xelmírez e promotor do premio; Manuel Dios Diz, concelleiro de educación e cidadanía de Santiago de Compostela; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Goretti Sanmartín Rei, vicepresidenta da Deputación da Coruña e Ana M. Alonso Rodríguez, directora do centro.