O IES Alexandre Bóveda finalista na XIII BIAU

O proxecto pedagóxico "A vila do mañá", que nace do convenio da Asociación “A Vila do Mañá” co Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica e Patrimonio (GICAP) da Universidade da Coruña e o alumnado do IES Alexandre Bóveda, coordinado polos profesores Ana María Álvarez Paz e Daniel Rodríguez Pizarro (artífices do proxecto Roteiro por Coia), foi seleccionado, de entre un total de 879 traballos, como un dos 18 finalistas na sección de "Pedagoxías" para participar na XIII BIAU (Bienal Iberoamericana de Arquitectura y Urbanismo).

Esta edición, a XIII, leva por título “CLIMAS: Acciones para el buen vivir” e aborda o desafío de construír sociedades máis xustas e igualitarias nun mundo que atravesa crises de múltiples arestas. Ao avance da degradación ambiental, súmanse as crises de orde política, socioeconómica e cultural, que deron forma a un hábitat marcado pola precariedade, onde o acceso á vivenda é cada vez máis limitado.

"A vila do mañá" en que participa o IES Alexandre Bçoveda é un proxecto experimental de acción, educación e divulgación, que se desenvolve no espazo urbano da parroquia viguesa de Coia, ten como obxectivo que desde a infancia e adolescencia e a través do xogo se tome conciencia de todas as escalas do común: a arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe. 

Será en Lima (Perú), e no mes de decembro, cando saibamos se o noso proxecto recibe o galardón no apartado pedagóxico, competindo con outros aspirantes de España, Chile, Ecuador, México, Venezuela, Perú e Colombia. 

 

Construíndo "A vila do mañá" - Coia

AdxuntoTamaño
20240912110747_construyendo-a-vila-do-ma-coia.pdf2.05 MB