Skip to Content

Roteiro transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal

O xefe do departamento de Filosofía do centro, Luis Dosal, organizou o pasado 14 de xuño un roteiro transfronteirizo polo Baixo Miño co seu alumnado de 1º Bacharelato. O grupo atravesou as vilas e fortalezas defensivas da fronteira máis antiga de Europa. Luis Dosal, Pedro Márquez e os seus estudantes cruzaron a liña divisoria entre Galicia e Portugal a través da ponte internacional que permite o acceso a Valença do Minho, a vila portuguesa, que xunto con Tui, conforma a “eurocidade”. O grupo visitou o seu casco antigo antes de atravesar de novo a fronteira que une e separa os dous países e chegar a A Garda, onde subiron ao castro de Santa Tegra, un dos asentamentos máis poboados da Idade de Ferro.

O alumnado de 1º Bacharelato, da man do seu profesor Luis Dosal, experimentou a sensación de alonxarse momentáneamente do seu lugar de orixe para incursionar noutros espazos e culturas, coñecendo de primeira man a súa idiosincrasia, gastronomía, lingua, costumes, historia, arte e filosofía, compartindo o seu tempo cos habitantes das localidades visitadas e intercambiando con eles obxectos típicos dun e doutro país.

Luis Dosal procurou con esta saída que o seu alumnado descubrise o misterio, a expectación e a zozobra dos instantes iniciais nos que as persoas desembarcan por primeira vez nun lugar descoñecido, preguntándose que haberá máis alá da liña visible do horizonte: silencio, emoción, turbación e incluso reflexión sobre a propia identidade e o lugar no mundo que todos posuímos pero que é tan variable e enriquecedor como a flexibilidade e capacidade de adaptación do ser humano.



blog | by Dr. Radut