Skip to Content

Orientación

UNITOUR (Salón de Orientación Universitaria)

Data: xoves, 16 de decembro.

Lugar: PALEXCO.

Horario: temos feita a reserva para entrar na hora de apertura (9,15) e permanecer alí ata as 10,00. Reincorporación ás clases ás 10,30.

Persoas: todo o alumnado de 2º de Bacharelato e 2 profesores/as.

Desprazamento: vaise contratar un autobús. Ás 8,30 entraremos no centro, faremos o control de asistencia e iremos ao autobús. Cada persoa aboará 2 euros. Prégase máxima puntualidade para non retrasar o desprazamento de todo o grupo.

Inscrición: cada persoa temos que inscribirnos individualmente na actividade. Despois recibirás no móbil un código QR. Este código é o que da o acceso. Ninguén poderá acceder se non o ten. A seguir tedes a ligazón para inscribirse.

UNITOUR 2021

ORIENTACIÓN ACADÉMICA E VOCACIONAL

Como en cursos anteriores, poñemos á vosa disposición este programa. Nel podedes atopar información moi variada: FP, Universidade, becas, requisitos para algunhas oposicións... Moi interesantes son os cuestionarios. Entrando aí, respondes unha serie de preguntas e proporciona información sobre orientación vocacional.

ENLACE AO PROGRAMA 

MATERIAS DE ESO E BACHARELATO

Neste enlace tedes todas as materias que se imparten na ESO e no Bacharelato. Seleccionando o curso podes ver que se imparte en cada unha.

Materias ESO 

Materias Bacharelato 

ABAU 2021: ACLARACIÓNS E NOVIDADES

ABAU 2021

Parecía que estaba lonxe pero cada vez está máis próxima.

Como cada ano, a primeira recomendación é TRANQUILIDADE E CALMA. A proba non é difícil, de feito, a maior parte das persoas que se presentan, aproban.

 

A segunda recomendación é consultar habitualmente a páxina da CIUG. Ademais da información habitual (exames anteriores, datas e horarios, notas de corte,...) calquera novidade que apareza no primeiro lugar onde se vai colgar é aquí. Importante ler o protocolo sanitario para as probas. Neste protocolo tedes instrucións de acceso ás aulas, circulación polas dependencias, etc. Están contempladas todas as posibles casuísticas. Por exemplo, que facer se non escribe o boli.

 

As estruturas das probas simplificáronse. En cada materia hai un número de preguntas entre as que hai que escoller cales se responden. Por exemplo, en Lingua Castelá haberá 8 para facer 5. No caso de que alguén conteste máis das pedidas, só se corrixirán as que se piden. En Lingua Castelá, se alguén contesta 6, só lle corrixirán as 5 primeiras.

 

A parte obrigatoria da proba non ten caducidade, vale para sempre. Inclúe as materias comúns e a troncal de modalidade.

A parte voluntaria ten validez para dúas convocatorias. Nesta parte conta a nota da troncal de modalidade. Cada persoa pódese presentar ata a 4 materias (cursadas ou non). O sistema contaralle as dúas mellores notas en función do grao que queiras facer.

Se te presentas por segunda vez para mellorar a nota, pódeche contar unha nota dunha materia desta e outra da anterior. O sistema sempre selecciona as 2 mellores.

Que ninguén se preocupe polos cálculos. Son seguros, fainos a máquina.

 

Datas.

8, 9 e 10 (martes, mércores e xoves) de xuño.

13, 14 e 15 (martes, mércores e xoves) de xullo.

17 de xuño: notas provisionais.

Unificouse o proceso de reclamación das notas. Agora só hai unha posibilidade: REVISIÓN. Neste proceso o primeiro que se fai e revisar posibles erros. A continuación, un segundo corrector. Se a diferenza é superior a 2 puntos entre a primeira nota e a da segunda corrección, terceiro corrector. Hai que pensalo ben porque a nota pode subir pero tamén pode baixar.

Cando se publiquen as notas definitivas comeza o proceso de PREINSCRICIÓN.

 

Preinscrición.

Importante cubrir o formulario con atención. Moi importante o código do grao. Prevalece o código sobre o nome, hai que asegurarse de que está ben cuberto.

Pódense poñer ate 5 graos diferentes e 10 cando se repite o mesmo grao en diferentes universidades. É moi importante a orde na que se poñan: a adxudicación faina unha máquina seguindo a orde que cada quen puxo.

Despois da adxudicación vanse facendo chamamentos: 5 ao longo do mes. O 5º xa incluirá a persoas que aprobaron na convocatoria de xullo. En cada chamamento hai só 3 días para matricularse. Hai que estar moi atentos/as porque os prazos son moi axustados.

Se te chaman para un determinado grao tes que ver que os puxeches antes aparezan como pechados. A praza para a que te chaman está asegurada pero se te matriculas no que te chamaron, logo pódente chamar para o anterior que aínda non estaba pechado. Cando ocorre isto todo se complica. Polo tanto, non te matricules ata que os que puxeches antes aparezan como pechados.

 

Novidades GRAOS.

Na UDC (Universidade de Coruña) non hai graos novos.

Os máis recentes son:

- Desde o presente curso o grao en TURISMO está integrado na UDC, polo tanto, ten prezos públicos. Está na Facultade de Filoloxía.

- Xestión Industrial da Moda. Campus de Ferrol. É un grao trilingüe: galego, castelán e inglés. Require un B1 de inglés para poder cursalo e hai que achegalo cando se fai a preinscrición. Na páxina do grao hai información de como achegalo. Vale nota media de 7 ou superior no Bacharelato (se se fixo en Galicia xa consta). Tamén vale cando se estudou 4º ou 1º de Bac. fóra en inglés.

- Creación Dixital, Animación e Videoxogos.

- Grao en Nanotecnoloxía e Nanociencia. É un grado que comezou no actual curso escolar. Só se imparte na UDC e na Autónoma de Barcelona. Hai materias en Inglés e prácticas externas obrigatorias.

- Grao aberto en Ciencias Sociais e Xurídicas. Tamén é  novo, este foi o segundo ano que se imparte. Moi flexible: permite elixir materias de 7 graos diferentes. Tamén se poden coller materias complementarias (algunhas poden ser en inglés). Dobre título: o do grao elixido e o das materias complementarias cursadas.

- Grao aberto en Enxeñería Industrial.

- Enxeñería Informática. O 80% impártese en inglés.

- Grao en Paisaxe. É o primeiro grao intercampus: impárteo a Universidade de Santiago (Campus de Lugo) e a de Coruña (campus de Coruña).

- Estase preparando un grao novo na UDC: RELACIÓNS INTERNACIONAIS. Comezará no curso 2022/23.

- Prestade especial atención á oferta de Graos Abertos e Dobres Graos. Os graos abertos componse de materias de diferentes graos e son moi flexibles. Os dobres graos supoñen un curso máis pero obtense unha titulación dobre.

 

Páxinas de Interese.

- Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).

- Universidade de Santiago (USC).

- Universidade de Vigo.

- Universidade de Coruña (UDC).

- Espazo informativo da UDC para futuros estudantes.

- Consulta de estudos da UDC.

- Servizo de Asesoramento e Promoción do Estudante (SAPE). Para consultar calquera dúbida: sape@ude.es

 

CALQUERA DÚBIDA QUE SE VOS PRESENTE NON DUBIDEDES EN PASAR POLO DEPARTAMENTO DE ORIENTACIÓN.

Distribuir contido


by Dr. Radut