Proezas de Galicia, cuxo título completo é Proezas de Galicia, explicadas baxo la conversacion rústica de los dos compadres Chinto y Mingote, ocupa un lugar de honra dentro da literatura galega por ser a primeira obra de autor coñecido impresa en lingua galega. Saíu do prelo no ano 1810, na Coruña.

Débese contextualizar nun período bélico en Galicia e na península Ibérica en xeral, co exército napoleónico intentando conquistar España e Portugal. Galicia foi unha das prazas que máis pronto se liberaron do xugo francés. Xosé Fernández e Neira coñecía ben esta situación porque loitou ás orde do Marqués da Romana polo que podía ofrecer un punto de vista moi realista, dende o interior mesmo do conflito armado.
O libro enxalza as "fazañas" dos galegos contra as tropas napoleónicas a través da conversa de dous labregos, Chinto e Mingote, que contan en forma de diálogo as súas vivencias.
A crítica deu en sinalar que Proezas foi concibido cunha finalidade utilitaria e propagandística cuxo principal obxectivo era facerse entender polo pobo galego e que se sumara á contenda para expulsar definitivamente o inimigo. Para isto, emprega unha lingua rústica mais sen demasiados localismos, co afán de facerse entender polos habitantes das sete provincias galegas.
Nos seguintes bloques ides poder ler máis información sobre a Guerra de Independencia, mais xa vos deixamos aquí un fragmento da serie documental Historias de Galicia onde fan unha boa aproximación ao que foi esta contenda bélica.
O que nos interesa vai do minuto 9:55 ao 18:14.