literatura

PALABRAS E EXPRESIÓNS PROCEDENTES DA LITERATURA CLÁSICA

“RISA HOMÉRICA”

GALEGO: “risa homérica”.

SIGNIFICADO ACTUAL: risa inextinguible, ruidosa e incontrolable, como a dos deuses.

ORIXE: fai referencia á “inextinguible risa” (ἄσβετος “que non cesa”, γέλως“risa”) dos deuses na Ilíada I. 599, Odisea XX. 346.

 

 

Homero. Philipe-Laurent Roland 1746-1816. 

“TÁCITO”, “TACITURNO”

GALEGO: “tácito”, “taciturno”.

SIGNIFICADO ACTUAL: aquelo que non se percibe ou non se di formalmente, de tal xeito que se infire ou se supón. Algúns sinónimos son “implícito”, “omitido” ou “tímido”. Un derivado moi usado deste termo é taciturno co significado de “reservado”, “retraído”, “calado”.

ORIXE: este termo procede do latín tacitus que, á súa vez, procede do verbo latino tacere “calar”, pero o significado que ten hoxe en día témolo que facer derivar do estilo narrativo do historiador latino Tácito (Cornelius Tacitus, época imperial), quen se caracterizaba por usar unha prosa escura e sutil cuxo significado ás veces era moi difícil de captar.

 

 

Efixie figurada de Tácito

 “ESTÁN VERDES”

GALEGO: “están verdes”.

SIGNIFICADO ACTUAL: esta expresión feita emprégase na nosa lingua para describir o comportamento ou a opinión de alguén que está enfadado porque non acadou ou logrou algo que quería.

ORIXE: esta expresión procede da fábula de Esopo A zorra e as uvas. Neste relato a protagonista é unha zorra famenta que intentando acadar un alto racimo de uvas que colgan dunha parra, como ve que están fóra do alcance deixa de intentalo e marcha, desprezando as uvas e dicindo “están verdes!”.

 

 

A zorra e as uvas. Unha ilustración de Milo Winter para una antoloxía de Esopo, 1919. 

“LESBIANA”

GALEGO: “lesbiana”.

SIGNIFICADO ACTUAL: é un termo amplamente usado na nosa lingua para facer referencia ás relacións sexuais entre mulleres.

ORIXE: deriva do nome da illa grega de Lesbos, onde un grupo de mulleres mozas se atopaban a cargo da poetisa Safo para a súa formación cultural e educativa. Tamén se relaciona co relato de Orfeo no que se di que a súa cabeza e a súa lira, aínda tocando melodiosas cancións, foron levadas até a beira de Lesbos, onde a poesía naceu asociada á poetisa Safo.

 

 

Safo de Lesbos contemplando o calendario para compoñer os seus poemas. 660 a. C. 

“CATILINARIA”

GALEGO: “catilinaria”.

SIGNIFICADO ACTUAL: en galego fai referencia a un discurso ou a un escrito moi vehemente dirixido contra algunha persoa.

ORIXE: expresión que procede de Catilina, o político romano e conspirador que dirixiu unha infrutuosa revolta contra a República Romana mentres Cicerón era cónsul. A súa conspiración centrada no asesinato de Cicerón e no derrocamento da República Romana foi frustrada polo famoso orador Cicerón. Os discursos de Cicerón contra Catilina coñécense co nome nome de Catilinarias ou Contra Catilina. Nesta obra literaria podemos tamén atopar expresións aínda amplamente recordadas e usadas despois de 2000 anos, tales como Quo usque tandem abutere, Catilina, patientia nostra? “Ata cando, Catilina, abusarás da nosa paciencia?” ou a famosa O tempora, o mores! “Oh tempos, oh costumes!”.

 

 

 

Representación dunha sesión do Senado romano: Cicerón ataca a Catilina. Fresco do século XIX. 

“CICERONE”

GALEGO: “cicerone”.

SIGNIFICADO ACTUAL: cicerone é un termo clásico usado para referirse a un guía que leva os visitantes e turistas a museos, galerías, etc…, e lles explica cuestións de interese arqueolóxico, histórico e artístico.

ORIXE: a palabra é presumiblemente tomada de Marco Tulio Cicerón, como un tipo de aprendizaxe e elocuencia. Parece que a palabra aplicouse por primeira vez aos doctos antigos que ensinaban e explicaban aos estranxeiros as antigüedades e curiosidades do seu país. Esta palabra rexistrouse en Estados Unidos para un programa de certificación de sumillers de cervexa.