1. Documentación

engranaxes
Licenza: Dominio público

Introducimos esta Unidade Didáctica como Unidade 0 porque é a Unidade na que presentamos a proposta metodolóxica que vai vertebrar toda a nosa formulación para esta materia de libre configuración autonómica.  É dicir, é preciso pararnos a entender esta metodoloxía, practicala co alumnado, antes de abordar os contidos propiamente ditos da materia.  Aínda que, como veremos máis adiante, a aprendizaxe do traballo en equipo, forma parte tamén dos contidos da materia e que deberemos ensinar e avaliar.

No Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na comunidade autónoma de Galicia, recóllese…

“A consellería con competencias en materia de educación fomentará as medidas para que o alumnado participe en actividades que lle permitan afianzar o espírito emprendedor e a iniciativa empresarial a partir de aptitudes como a creatividade, a autonomía, a iniciativa, o traballo en equipo, a confianza nun mesmo e o sentido crítico” (art. 4.3)

No apartado de obxectivos da educación secundaria obrigatoria, sinala como un dos obxectivos desta etapa, “Desenvolver e consolidar hábitos de disciplina, estudo e traballo individual e en equipo, como condición necesaria para unha realización eficaz das tarefas da aprendizaxe e como medio de desenvolvemento persoal” (art. 10.b)

Así mesmo, no tocante á metodoloxía, recolle, “A metodoloxía didáctica neste etapa será nomeadamente activa e participativa, favorecendo o traballo individual e o cooperativo do alumnado, así como o logro dos obxectivos e das competencias correspondentes” (art.11.2)

Nesta Unidade seguiremos basicamente o traballo de Pere Pujolás e J. Ramón Lago (coord., 2010), El programa CA/AC (“Cooperar para Aprender / Aprender a Cooperar”) para ensinar a aprender en equipo. Implementación del aprendizaje cooperativo en el aula, xa que foi del de quen aprenderon as autoras desta proposta e o que nos guiou á hora de aplicalo na aula.

 Polo tanto, non imos a entrar en afondar nas distintas correntes da aprendizaxe cooperativa, porque non é este o obxecto deste traballo, senón que imos partir da aplicación que fixeron os autores antes mencionados, e só imos deternos naqueles aspectos imprescindibles para poder aplicalo na aula nesta materia. Na bibliografía atoparemos referencias para afondar máis neste tema.


 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0