1.4.2. Autorregularse como equipo

Ademais de adquirir un sentido de pertenza a un grupo, como perseguen uns obxectivos comúns e que xuntos conseguirán mellor ese obxectivo que cada un individualmente, os equipos teñen que aprender a autorregularse. Cando o alumnado empeza a traballar en equipo, decatarase do difícil que é traballar en grupo: xorden conflitos, algúns se desaniman, outros non queren participar,...

O profesor/a deberá introducir o traballo sobre as normas para o funcionamento dos equipos.  Para o establecemento das normas falaremos de dous momentos:

1.    Ao inicio de curso, cando empezamos a traballar en equipos cooperativos. Antes de empezar a traballar, convén establecer unhas cantas normas básicas e específicas, que deben ser:

  • Poucas
  • Comprensibles
  • Enunciadas en positivo: describindo a conduta esperada en primeira persoa do plural
  • Alcanzables

    Debemos dedicar un tempo a explicalas: concretalas a través de condutas desexables, poñer exemplos,…

Unha vez explicada e traballada cada norma, debemos estar moi pendentes do seu cumprimento durante algún tempo, ata que comprobemos que están implantadas. Nesta fase é conveniente recoñecer publicamente aos que as cumpren e corrixir aos que as incumpren.

2.    Unha vez que xa transcorre un tempo prudencial, podemos seguir a estratexia de  Vaello (2007), citado en Pujolás e Lago (2010, p. 135): elaboración progresiva de normas: estableceremos outras normas  a medida que se atope a dificultade ou conflito.  Os propios Pujolás e Lago (2010, p. 135), explican cunha figura esta técnica:

ESTABLECEMENTO DE NORMAS
Pujolás e Lago (2010, p. 135)

 

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0