1.1. Que é a Aprendizaxe cooperativa

“A aprendizaxe cooperativa é o uso didáctico de equipos reducidos de alumnos, xeralmente de composición heteroxénea en rendemento e capacidade, aínda que ocasionalmente poden ser máis homoxéneos, utilizando unha estrutura da actividade tal que asegure ao máximo a participación equitativa  (para que todos os membros do equipo teñan as mesmas oportunidades de participar) e potencie ao máximo a interacción simultánea entre eles, coa finalidade de que todos os membros do equipo aprendan os contidos propostos, cada un ata o máximo das súas posibilidades e aprendan, ademais, a traballar en equipo”  (Pujolas, 2010, p. 19)

 

Os membros dun equipo de aprendizaxe cooperativa teñen unha dobre responsabilidade: aprender eles o que o profesor lles ensina e contribuír a que o aprendan tamén os seus compañeiros de equipo.

O profesorado utiliza a aprendizaxe cooperativa cunha dobre finalidade: para que o alumnado aprenda os contidos escolares, e para que aprenda tamén a traballar en equipo e a ser solidario, como un contido escolar máis.  É dicir, cooperar para aprender e aprender a cooperar   (CA / AC)

A aprendizaxe cooperativa baséase na aprendizaxe por competencias e no carácter construtivo da aprendizaxe, xa que logo a aprendizaxe é unha construción activa do suxeito en interacción cun contorno sociocultural. O carácter interactivo e construtivo da aprendizaxe fai da aprendizaxe cooperativa unha ferramenta idónea para facilitar ese aprendizaxe.

 

Que non é aprendizaxe cooperativa?

√ Non é igual a traballar en grupo.  Non se trata de facer algo entre todos, senón de facer cada un algo ao servizo de equipo.  A aprendizaxe cooperativa é un traballo en equipo coidadosamente estruturado para que todo o alumnado interactúe, intercambie información e poida ser avaliado individualmente polo seu traballo.  Na aprendizaxe cooperativa, os membros do equipo son positivamente interdependentes: a tarefa non será completada con éxito a menos que todos os membros traballen xuntos.

√ Cooperar non é igual a colaborar.  A cooperación engade á colaboración un plus de solidariedade, de axuda mutua que fai que os que nun principio simplemente colaboran para ser máis eficaces, acaben tecendo entre eles lazos afectivos máis profundos. Colaborar é traballar con e cooperar é axudarse, apoiarse mutuamente...

 

Efectos positivos da aprendizaxe cooperativa

Segundo recolle (Prieto, 2007, p. 107), unha análise de Johnson e Johnson, 1990, verte as seguintes conclusións, sobre os beneficios da aprendizaxe cooperativa:

√ A cooperación fomenta maior produtividade e rendemento que a competición e os esforzo individual.

√ A cooperación leva con maior frecuencia a utilizar un razoamento de maior calidade que o que se fomenta nun ensino competitivo e individualista.

√ A transferencia do aprendido é maior na aprendizaxe cooperativa que no de corte competitivo ou individualista.

Os efectos positivos da aprendizaxe cooperativa non se circunscriben ao ámbito cognitivo, senón que se amplían ás habilidades sociais e outras variables afectivas.  Neste senso, como recolle Prieto  (2007, p.109), Ovejero (1990) destaca algúns destes beneficios na esfera afectiva: aumenta a motivación, a curiosidade, o compromiso coa aprendizaxe , a persistencia na tarefa; mellora a relación interpersoal entre o alumnado; favorece o apoio social entre os membros do grupo...

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 4.0