O papel do espazo na construción da aprendizaxe
Os centros educativos deben cumprir unha serie de preceptos referidos a dimensións, espazos, equipamentos e instalacións, debidamente recollidos no correspondente Real Decreto de Requisitos Mínimos, sendo as etapas educativas e as ratios os criterios para a súa determinación. Corresponde a cada centro a adaptación, deseño e distribución de espazos en función das metodoloxías a desenvolver en cada caso, baixo criterios pedagóxicos.
Consideramos o deseño de espazos físicos un punto clave para a mellora da calidade do ensino? Ou, precisamos un exercicio de reflexión que nos conduza a un cambio?
Na etapa de educación infantil sabemos da importancia do deseño de ambientes educativos, estruturados e coidados que favorece a aprendizaxe e o desenvolvemento das capacidades do alumnado, como a creatividade ou a interacción social. Ocorre o mesmo en educación primaria ou secundaria? Semella que, a maior nivel educativo, a esixencia no coidado dos espazos vai diminuíndo. Cal é o motivo? Que grao de influencia se atribúe ao ambiente no proceso de aprendizaxe en cada etapa educativa?
Poderiamos atopar respostas analizando algunhas das fontes psicopedagóxicas do currículo como é o caso dalgúns dos grandes postulados construtivistas que explican como aprenden nenos e nenas. Así, Jean Piaget (1896-1980) entende o desenvolvemento cognitivo como unha reorganización progresiva dos procesos mentais como resultado da maduración biolóxica e da experiencia ambiental secuenciando catro períodos que se corresponden, aproximadamente, coas diferentes etapas do ensino. Así, a intelixencia nas primeiras etapas confórmase a través de exploracións motoras e sensoriais e na función simbólica. Desenvólvese a través de tarefas físicas que posteriormente serán capaces de realizar mentalmente. O pensamento concreto, caracterizado pola lóxica e a comprensión de outros puntos de vista, prodúcese entre os 7 e os 11 anos, aínda que con dificultades para formular hipóteses, o que chegará na adolescencia, co razoamento dedutivo e a comprensión de ideas abstractas. A medida que o alumnado avanza nas distintas etapas, vai desenvolvendo un pensamento cada vez máis complexo e abstracto o que nos levaría a considerar pouco relevante o feito de aproximar ao alumnado á realidade do seu entorno, a presupoñerlle capacidades de dedución e abstracción sen ter en conta os diferentes ritmos de desenvolvemento. Significa que alumnas e alumnos de etapas superiores non precisan espazos de aprendizaxe estruturados e significativos?
Albert Bandura (1925-2021) formulou a Teoría da Aprendizaxe Social que resalta a importancia do espazo; as persoas aprenden nun contexto social en interacción recíproca con factores cognitivos e comportamentais. David Ausubel (1918-2008), pola súa parte, considerou a necesidade de achegar ao neno/a á realidade, á necesidade de interactuar co entorno para lograr aprendizaxes significativas. (Teoría da Aprendizaxe Significativa).
O Construtivismo sitúa ó alumno/a como protagonista que constrúe a súa aprendizaxe investigando o entorno con autonomía, guiado polo docente, para lograr comprender a súa realidade no mundo. Aprender implica acción, reflexión, crítica e análise de cada situación. O contexto propicia, xa que logo, a construción da aprendizaxe e o seu significado. Isto leva, necesariamente, a transformar a aula de ensino en aula de aprendizaxe e implica a creación de situacións de aprendizaxe o máis reais posibles que favorezan o desenvolvemento das competencias clave.
Os modelos construtivistas rompen a idea de transmisión de coñecementos, a favor de construción ou andamiaxe dun proceso que require desenvolver capacidades como o traballo en equipo, o pensamento crítico, a creatividade, a resolución de problemas, a
observación, a análise, a interacción ou a experimentación.
Convén lembrar á precursora da creación de ambientes educativos favorecedores dos procesos de aprendizaxe, María Montesori (1870-1952), quen, xa no século XIX, estudou a importancia
do deseño de espazos de aprendizaxe como recurso impulsor da autonomía e a liberdade do alumnado na construción do coñecemento. O seu legado perdura no século XXI, sendo un dos principais referentes das vangardas educativas actuais.
O actual modelo competencial demanda novas metodoloxías e formas de organización. Lonxe dunha disposición de pupitres cara a unha pizarra de onde parte a información, con frecuencia unidireccional, reformúlase o concepto de aula e ábrense novos horizontes
con capacidade para outros espazos-aula, calquera recanto do centro ou do entorno susceptible de acoller situacións de aprendizaxe.
“Nestas situacións, onde converxen factores afectivos, relacionais e cognitivos, o alumnado está aprendendo, ademais, unha forma de ver o mundo e de relacionarse con el. No curso desas interaccións edúcanse ás persoas en todas as súas capacidades; convén coidalas pois, o que se constrúe nelas é moito”. Coll,
C. e outras autoras (1999).