Marco europeo para o desenvolvemento das competencias clave
Os cambios educativos en España durante as dúas últimas décadas naceron como un compromiso cos obxectivos educativos marcados pola Unión Europea e as Nacións Unidas. Moitos destes obxectivos seguen aínda vixentes e durante estes anos foron complementados por outros como os propostos na Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.
É por iso que, como paso inicial, parece importante achegarnos a ese marco europeo que debemos ter como referencia e que é a base do noso sistema educativo. Deste xeito, poderemos coñecer de primeira man aqueles obxectivos pendentes de acadar e as recomendacións a seguir.
“Toda persoa ten dereito a unha educación, unha formación e unha aprendizaxe permanente, inclusivos e de calidade, a fin de manter e adquirir capacidades que lles permitan participar plenamente na sociedade e xestionar con éxito as transicións no mercado laboral.”
Este, e outros principios, recóllense no documento Recomendacións do Consello da UE de 22 de maio de 2018 relativa ás competencias clave para a aprendizaxe permanente.
Seguindo este marco de referencia europeo, establécense 3 obxectivos:
- Identificar e definir as competencias clave necesarias para a empregabilidade, o desenvolvemento persoal e a saúde, a cidadanía activa e responsable e a inclusión social.
- Proporcionar unha ferramenta de referencia europea para os responsables da formación de políticas, os provedores de educación e formación, o persoal docente, os orientadores, os empregadores, os servizos públicos de emprego e os propios alumnos.
- Respaldar as iniciativas nos niveis local, rexional, nacional e europeo para promover o desenvolvemento de competencias con perspectiva de aprendizaxe permanente.
O cumio europeo de Nacións Unidas do 25 de setembro de 2015 aproba o documento Transformar o noso mundo. Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible e expón 17 obxectivos e 169 metas a acadar, das que salientamos:
- A consecución da igualdade entre os xéneros e o empoderamento das mulleres e das nenas. Poñer fin a todas as formas de discriminación e violencia contra todas as mulleres e as nenas de todo o mundo.
- Garantir unha educación inclusiva e equitativa de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe permanente para todos e todas, calquera que sexa o seu sexo, raza ou orixe étnico; incluídas as persoas con discapacidade, migrantes, os pobos indíxenas, os nenos e nenas e a mocidade, especialmente se se atopan en situacións de vulnerabilidade, deben ter acceso a posibilidades de aprendizaxe permanente que as axuden a adquirir os coñecementos e aptitudes necesarios para aproveitar as oportunidades que se lles presenten e participar plenamente na sociedade.
A rede europea de política en materia de competencias clave no ensino escolar, KEYCONET (Key Competence Network on School Education) iniciou a súa andaina en 2012 coa misión de analizar e identificar as estratexias necesarias para aplicar as competencias educativas clave en toda Europa e para elaborar recomendacións que reforcen as iniciativas lexislativas e prácticas en diferentes países:
O marco de competencias clave, con especial fincapé na aplicación de coñecementos a situacións do mundo real, representa un excelente punto de partida para os enfoques «tradicionais» baseados no contido, nos que se ensinan determinados temas que se avalían directamente.
As Conclusións e recomendacións de Keyconect para reforzar o desenvolvemento de competencias clave no ámbito lexislativo e na práctica, recomendan, no ámbito educativo:
- Dar tempo aos docentes para que desenvolvan e intensifiquen a súa práctica.
- Modificar as contornas de aprendizaxe para mellorar o apoio á aprendizaxe por proxectos e interdisciplinar.
- Mellorar a comunicación dos obxectivos para ampliar os apoios.
- Resaltar as competencias clave como unha prioridade nos plans escolares.
- Supervisar e avaliar no centro.