UD 7: A SEGUNDA GUERRA MUNDIAL
1. Introdución
A Segunda Guerra Mundial (1939-1945) foi o conflito máis brutal e devastador do século XX, século que xa asistira a unha Gran Guerra dunhas dimensións antes xamais vistas e a partir de 1939 amplamente superadas. O período de entreguerras, no que mesmo chegaron a existir pactos internacionais de renuncia á guerra como mecanismo de solución dos conflitos entre países, non fixo máis que sentar as bases para a futura contenda, representadas polo auxe dos fascismos e aceleradas pola crise de 1929.
A Segunda Guerra Mundial responde ao modelo de guerra total, xa que implicou non soamente á economía e sociedades dos países enfrontados, senón tamén á ciencia e á tecnoloxía. Ademais, a guerra constitúe unha confrontación entre fascismo e antifascismo, dividido este último en democracias liberais e comunismo soviético. A vitoria fronte ao fascismo abrirá unha nova época na que o capitalismo e o comunismo se enfrontarán na denominada Guerra Fría.
Á confrontación militar e ideolóxica hai que engadir o horror que supuxo o Holocausto xudeu e a persecución e eliminación sistemática doutras minorías, como eslavos ou xitanos, perpetrada polo nazismo.
- A imaxe que acompaña este apartado recolle os efectos do bombardeo atómico sobre Hiroshima. Investiga que edificio aparece e cal foi o seu destino. Anota as fontes consultadas.