Introdución

Cego de Padrenda e o seu lazarillo, ca. 1885. Francisco Zagala. Museo de Pontevedra. (Dominio público) 

Na Idade Media, os xograres cantaban polas aldeas, castelos, festas e romarías as cantigas (de amor, de amigo ou de escarño e maldicir) e tamén unhas historias moi longas que podían durar horas. Seguindo a historia polos miles de versos ían aparecendo o mago Merlín, a batalla de Troia ou o cabaleiro Roldán. Moitos destes versos difundíronse ao longo dos séculos chegando ata nós.

Pero as historias en verso seguíronse creando, para contar algún suceso importante ou curioso, en tempos nos que os medios de comunicación practicamente non existían. Estes poemas difundíronos cegos e cegas, que ían polas feiras e festas cantando e despois vendendo as coplas impresas.