Introdución

Bando de reis de Pexegueiro (Tui). Ponte... Nas Ondas. Flickr. CC BY-2.0

O tempo do Nadal garda na nosa tradición uns costumes ben arraigados que se conservaron ata os nosos días e a música non ía ser menos. Tomamos os turróns, en moitas casas na Noiteboa céase bacallau con coliflor, poñemos a árbore, escribímoslle aos Reis, se cadra agardamos ao Apalpador... e que pasa coa música? Os vilancicos e as panxoliñas son o mesmo? Supoñemos que no tempo dos nosos avós e avoas non lle cantaban ao reno Rodolfo, pero sabemos a riqueza tan grande da nosa música (e danza) do Nadal?   

 

Malia que moitas veces os consideremos sinónimos, non é o mesmo o vilancico cá panxoliña ou os cantos de Nadal e Reis. 

Probablemente a palabra vilancico provén das pezas que cantaban os habitantes das vilas, os viláns, non tendo que ser de tema relixioso. Máis adiante usábanse na liturxia das festas máis destacadas e despois xa se asociaron co Nadal. Os seus textos eran populares ou poemas de autor, mentres a música era a varias voces. 

Nas catedrais galegas, sobre todo en Compostela e en Mondoñedo, conserváronse moitas partituras de vilancicos. En plenos Séculos Escuros, cando o uso do galego escrito e culto era case nulo, empregouse a nosa lingua para as letras dos vilancicos que os mestres de capela compoñían para as catedrais. 

Algúns dos vilancicos chegaron, ben entrado o s.XX, á música tradicional. Musicalmente son afíns á muiñeira nova (na clasificación de D. Schubarth, ver ANM 7) e falan moitas veces do "galeguiño" que vai a Belén.

Doutra banda, as panxoliñas son cancións populares que se cantaban na igrexa, ante o belén e na festa de Nadal, de autoría descoñecida e transmitidas de xeito oral. Nalgunhas zonas de Galicia, 'panxoliña' é só un dos moitos subxéneros das cancións de nadal.