OS BLOGS DA HORTA



A COMUNICACIÓN


Para introducir esta actividade imos reflexionar un pouco sobre a comunicación.



Imos facer unha horta na nosa escola

¿Como vai influÍr isto na comunidade escolar?

¿Cres que é importante para todos saber o que está acontecendo?



Pensa que a horta vai cambiar a "paisaxe" do teu centro, vai ocupar un espazo, vai ser visible por todas as persoas que conviven nel.



¿Cres que sería positivo informar ás persoas que non están directamente implicadas?



Imaxina o que vai acontecer cando empecemos a facer o noso montón de compost, e empecemos a traer das nosas casas restos de alimentos e a acumulalos con follas secas e outras cousas dentro da escola.



¿Cambiaría algo que a comunidade escolar estivera informada sobre o compost e sobre o noso traballo?



Quizais un día chegue un motocultor a remover a terra para facer os primeiros preparativos da horta. Logo verán que estades traballando e facendo cousas que posiblemente sexan novas.



Quizais teñan curiosidade porque non todo mundo sabe o que é un bancal semielevado ou o compost.



Como podes ver a comunicación pode axudar á xente a comprender o que está pasando no seu entorno e ó mesmo tempo pode satisfacer a súa curiosidade. Comunicar o que estades facendo vai axudar a que a horta sexa aceptada por todos e todas, e ademais vailles dar a oportunidade de aprender cousas interesantes.



Por iso vos propoñemos que fagades unha campaña de información sobre a horta.

OBXECTIVOS


Prácticos. Favorecen a inserción da horta na vida escolar.

1- Manter informada á comunidade escolar sobre a horta e sobre todo aquelo que vaia afectar ó entorno (espazo que imos ocupar, posibles molestias que poida ocasionar a construción ou o traballo na horta).

2 - Informar das decisións que ides tomando (algunha delas quizais a través dun concurso).

3 - Informar das regras de comportamento necesarias cando se está na horta. É posible que a curiosidade atraia a persoas a ver como crecen as vosas plantas e que cousas facedes.



Divulgación dos vosos traballos e creacións.

- Durante o transcurso deste proxecto ides facer algúns traballos e creacións. É bo que estes teñan un espazo para ser mostrados a toda a comunidade escolar.



Divulgación científica e sobre horticultura.

- A medida que vaiades avanzando no proxecto e aprendendo descubriredes cousas moi interesantes que quizais vos gostaría compartir cos vosos compañeiros e compañeiras doutros cursos. Podedes facer informacións do tipo da revista Muy Interesante, ou como esas seccións nos xornais que empezan ¿Sabías que...?



Lúdicos.

A través de fotografías, textos e vídeos podedes compartir entre vos e con outras persoas as vosas vivencias e experiencias na horta. Incluso podedes mostrar as fotos dos resultados do voso traballo, de como van crecendo as vosas hortalizas.




¿COMO FACELO?


Hoxe en día hai moitos xeitos de comunicar.

Algúns destes esixen reunir ás persoas que nos interesan para darlles unha información. Isto require un gran esforzo polo que so o podemos facer en circunstancias excepcionais.

Para o noso proxecto isto tería sentido se queremos facer unha presentación a toda a comunidade escolar ou a parte dela (por exemplo unha vez que esteadecidida a localización e teñamos o deseño preparado; ou para facer unha celebración final cando fagamos a última colleita do curso).

Outros medios, moi presentes hoxe en día na nosa vida cotiá, supón poñer a información nun lugar accesible para todas as persoas que poidan estar interesadas nela. Nese caso o acceso á información sucede en momentos distintos.

Este medio é adecuado para informacións que non son urxentes, dado que non sabemos cando van ser vistas, nen sequera se van ser vistas por toda a comunidade.

Este é o caso dos taboleiros de anuncios, as páxinas web e os blogs.



A PROPOSTA


A proposta é que busquedes un espazo no voso centro para colocar un taboleiro onde colocar a información. Un grupo de alumnos e alumnas teñen que responsabilizarse de mantelo actualizado, ordenado e bonito, para que sexa atractivo. É importante poñer información con periodicidade.

Ó mesmo tempo vos propoñemos que fagades varios blogs. O positivo do blog fronte ó taboleiro é que a información permanece aínda que se vaia actualizando.

Podedes facer un blog para cada tipo de información. Podedes dividir a clase en grupos. Cada blog terá un grupo responsable durante o curso, pero todos os grupos terán que subir información a todos os blogs.