5. A COVID-19

Mapamundi COVID-19 (marzo 2022)

Un dos procesos históricos do mundo actual estreitamente relacionados coa globalización é a pandemia provocada polo coronavirus SARS-CoV-2. Iniciada en Wuhan (China) en decembro de  2019, axiña acadou unha expansión global por todos os continentes que levou a unha crise de saúde sen precedentes, con confinamentos que afectaron a países enteiros e unha sobrecarga de hospitais e centros sanitarios. A enfermidade foi declarada pandemia oficialmente pola OMS o 11 de marzo de 2020, con 118.000 casos en 114 países e máis de 4200 persoas falecidas nese momento. Dous anos despois, en marzo de 2022, a pandemia acadara 445 millóns de casos, 259 países e territorios afectados e acumulaba 6 millóns de vítimas mortais.

Ademais das vítimas directas, as consecuencias negativas da pandemia déixanse sentir de xeito moi importante na economía e na sociedade. No aspecto económico, supuxo un retroceso importante para moitos países que aínda non superaran a crise de 2008. Ademais, as corentenas, illamentos e restricións ao tráfico das persoas, impostos ante a necesidade de conter a pandemia, tiveron efectos psicolóxicos negativos en boa parte da poboación.

Un aspecto positivo desta pandemia, que a fai diferente doutras acontecidas ao longo da historia, é o feito de contar cun desenvolvemento científico capaz de estudar a enfermidade e desenvolver vacinas de xeito moi rápido, e cun sistema sanitario coa capacidade de organizar campañas de vacinación masiva en pouco tempo, o cal foi decisivo para frear a expansión da covid-19 e, sobre todo, reducir as taxas de mortalidade. Porén, o acceso ás vacinas é moi desigual se comparamos os países do chamado primeiro mundo con aqueles que se atopan na periferia do sistema, tal e como vemos no seguinte mapa:

Taxa de vacinación COVID-19

 


NOTA INVESTIGA

  • Busca información sobre outras pandemias que tiveran lugar na historia, inclúe referencias ás súas consecuencias políticas, sociais ou económicas. Non esquezas anotar as fontes consultadas.