UD 10: O MUNDO ACTUAL E A GLOBALIZACIÓN
3. A globalización
O termo globalización estendeuse rapidamente desde finais do século XX, pero o seu significado tivo importancia histórica desde moito antes. Os grandes imperios da humanidade, como o romano, o hispánico ou o inglés, supuxeron un proceso de globalización no sentido de expandir e unificar unhas leis e costumes nos seus territorios. A gran diferenza hoxe en día é que esa unificación cultural non é froito de conquistas militares, senón dun fenómeno máis xeral.
A globalización é o resultado da enorme interrelación entre as diferentes partes do mundo, que comparten un modo de vida similar en moitos aspectos, polo que parece que o mundo camiña cara a unha unificación cultural, política, económica e social. Sen embargo, a interdependencia entre países e rexións está caracterizada por uns fortes desequilibrios, dado que unhas rexións actúan como o centro da globalización e outras, como as periferias.
Cómpre ter presente que a globalización ten como fundamento ideolóxico o neoliberalismo, de tal xeito que, máis que os países, os principais promotores da globalización son as grandes empresas de China e Occidente que obteñen beneficios cunha economía globalizada, aproveitando os procesos de deslocalización industrial e a libre circulación dos capitais.
A globalización, de feito, está considerada coma unha fase de expansión a escala mundial do capitalismo e xera un contexto no que se aprecian luces e sombras:
- Os aspectos positivos son o incremento da riqueza global e o espectacular desenvolvemento tecnolóxico que afecta a todos os niveis. Ademais, os indicadores económicos xerais dos países experimentan melloras, así como a esperanza de vida.
- Os aspectos negativos son unha crecente desigualdade entre as clases sociais, de xeito que se produce unha concentración da riqueza nas mans dunha reducida clase alta, mentres as clases baixas permanecen nunha situación precaria e a clase media xurdida no contexto da Guerra Fría asiste a un proceso de empobrecemento. A crise do Estado do Benestar en Occidente contribúe á deterioración da situación da maior parte da sociedade.
A desigualdade e os efectos sociais negativos da globalización supuxeron a aparición do movemento altermundista, que pretende combinar a globalización co respecto aos dereitos humanos e á diversidade cultural.
- Emprega o apartado Mapas e gráficos da web El Orden Mundial para buscar un mapa ou gráfico relacionado cos conflitos do mundo globalizado e elabora unha breve descrición do mesmo.
- Le o seguinte texto e sinala con que aspecto dos sinalados neste epígrafe se relaciona.
«En 1981 había menos de 300 ordenadores conectados a internet. No 2003 eran 500 millóns. E estímase que no 2020 haberá 50.000 millóns de dispositivos conectados: nun mundo con 7.000 millóns de habitantes, é evidente que detrás de cada dispositivo xa non hai unha persoa, non falamos xa só de teléfonos móbiles, tabletas ou PC. Os 50.000 millóns refírense sobre todo a obxectos conectados, nun sentido industrial, e o importante non é tanto o número, senón o concepto. O termo internet of things (internet das cousas) hai anos que circula, pero agora é unha tendencia quente no mundo tecnolóxico. É un gran paraugas baixo o que se desenvolven e interactúan diferentes tecnoloxías como o M2M (conexión entre máquinas), big data (analítica de grandes datos no cloud en tempo real) ou a manufactura aditiva a partir de modelos dixitais (as impresoras en 3D).»
Mar Galtés (2013)