2. O mundo actual (desde 1989)

2.2. O triunfo do bloque capitalista

1.- A hexemonía dos Estados Unidos

Atentados 11SRe m atada a Guerra Fría tralo colapso da URSS e do bloque comunista, os Estados Unidos aparecen como clara potencia hexemónica mundial. Manterán unha política intervencionista en función dos seus intereses económicos e políticos, recorrendo en ocasións á intervención militar directa como na guerra do Golfo de 1990 ou o bombardeo de Serbia pola OTAN en 1999.

Os atentados do 11 de setembro de 2001 (na imaxe) supuxeron un duro golpe para os Estados Unidos, que intensificou durante dúas décadas o seu intervencionismo militar en lugares como Iraq ou Afganistán.

Desde o punto de vista económico, os gobernos estadounidenses desde a era Reagan apostaron por unha diminución do papel do Estado na economía, retomando as ideas clásicas do capitalismo co denominado neoliberalismo, promovido por autores como Friedman. As políticas neoliberais de reducir o papel do Estado na economía e do fomento do mercado libre derivaron no incremento das desigualdades socioeconómicas no país e sentaron as bases dunha economía especulativa que tivo un punto de inflexión en 2008. Ese ano, a crise das hipotecas lixo arrastrou o mundo enteiro a unha crise financeira que levou a unha recesión económica mundial. As hipotecas concedidas sen garantías suficientes e a especulación na bolsa realizada con esas hipotecas foron as responsables. A consecuencia máis evidente a longo prazo foi un aumento da intervención do estado en materia económica.




 


2.- Europa: auxe e crise do proxecto europeo

Rematada a BrexitGuerra Fría, a Unión Europea asistiu a un proceso de ampliación cara ao leste que culminou en 2013 coa entrada de Croacia. Este proceso de expansión territorial afectou tanto a antigas repúblicas soviéticas (Estonia, Letonia, Lituania) como a antigos países do bloque socialista (Hungría, Polonia, Romanía...). A expansión territorial acompañouse de pasos na unión económica, destacando a adopción do euro como moeda común en 2002. Política e socialmente, o ritmo de integración europea é menor, como demostra o fra caso para o establecemento dunha Constitución europea. Recentemente, o abandono do Reino Unido (brexit) tralo referendo de 2016 e os efectos da crise económica de 2008 marcan un escenario de complexos retos para o futuro da Unión.

Politicamente, do mesmo xeito que nos Estados Unidos, as posturas neoliberais foron comúns en Europa desde os anos 80 do século XX, destacando neste eido a británica Margaret Thatcher (1979-1990). A diminución do papel económico dos Estados supuxo o cuestionamento progresivo do Estado do Benestar, especialmente nun contexto de avellentamento poboacional como o europeo, no que as necesidades asistencias da poboación cada vez xeran máis dificultades para uns Estados cuxos ingresos diminúen.

Os países europeos afrontan unha complexa situación de perda de tecido industrial e agropecuario, desemprego, precarización laboral, avellentamento e inmigración que supuxo o auxe nas últimas décadas de movementos extremistas que cuestionan os valores da democracia e presentan un discurso de exaltación nacional e xenofobia.


NOTA ARGUMENTA

  • Cales son as perspectivas de futuro para a Unión Europea segundo a túa opinión?