2. O mundo actual (desde 1989)

2.1. O colapso do bloque comunista

1.- A URSS: da Perestroika á desintegraciónMikhail Gorbachov (dereita) e Ronald Reagan

Mikhail Gorbachov accede ao poder na URSS en 1985. Co obxectivo de superar o estancamento económico e a corrupción, inicia un programa de reformas estruturais denominado Perestroika (reestruturación) e Glásnost (transparencia):

  • Reformas económicas: o Estado renuncia ao control centralizado de toda a economía e introdúcense elementos capitalistas, como o final da regulación de prezos e salarios por parte do Estado.
  • Reformas sociais: aumenta a liberdade de expresión e a transparencia informativa.
  • Reformas políticas: as eleccións ao Congreso de Deputados do Pobo de 1989 permitiron a participación de sectores críticos á liña oficial do Partido Comunista (PCUS) que, malia estar en clara minoría, permitiron a entrada doutros puntos de vista no Parlamento. Paralelamente, a URSS renuncia a intervir nos países satélite do bloque oriental, disolvendo o Pacto de Varsovia, feito que favorece a caída do Muro de Berlín.

O resultado do reformisGolpe de Estado 1991mo de Gorbachov foi a intensificación da crise económica e das tensións sociopolíticas. En 1991, a mesma estrutura do Estado soviético entrou en crise coa proclamación da independencia das Repúblicas Bálticas (Estonia, Letonia e Lituania). O goberno soviético tentou deseñar un Novo Tratado da Unión para actualizar a estrutura territorial do Estado, baseado nunha unión de Estados soberanos. O proxecto foi sometido a referendo, obtendo o apoio popular, se ben o referendo foi boicoteado nas Repúblicas Bálticas, Moldavia, Armenia e Xeorxia.

Neste contexto de tensión, o reformismo de Gorbachov atopa a oposición tanto dos sectores rupturistas dentro e fóra do PCUS como dos grupos ortodoxos do Partido, que consideraban as reformas unha traizón aos principios da URSS. Estes sectores, co apoio do KGB e de parte do exército, tentaron un golpe de Estado en agosto de 1991 que fracasou (na imaxe, barricadas no Parlamento de Moscova contra os golpistas), pero que foi irreversible para o futuro do país. O PCUS desmorónase, consolídanse líderes rupturistas como o ruso Boris Yeltsin  e a URSS disólvese. Xorden numerosas Repúblicas no espazo exsoviético, que se converterá nunha área de constantes tensións debido á crise económica e aos conflitos étnicos e de soberanía.



2.- A Europa Oriental trala caída do Muro de BerlínSitio de Saraxevo

En Europa oriental as revoltas populares anticomunistas dos anos 80 comezaran en Polonia,  co protagonismo do líder sindical Lech Walesa. O seu punto culminante  foi en 1989 coa caída do Muro de Berlín e a posterior reunificación de Alemaña, que estivera dividida en dous países (República Democrática Alemá e República Federal Alemá) desde o final da Segunda Guerra Mundial. Checoslovaquia saía tamén da órbita comunista da man de Vaclav Hável e, en 1993, dividiríase pacificamente en dous países. Hungría, Romanía e Albania tamén experimentaron revolucións contra os gobernos comunistas.
Iugoslavia, país socialista que se situara á marxe da órbita soviética da man de Tito, disgrégase a partir de 1991 nun conflitivo proceso relacionado coa diversidade étnica e territorial do país, xerando guerras que se estenderon durante toda a década, con episodios como o sitio de Saraxevo (na imaxe) ou as matanzas indiscriminadas de poboación civil.

3.- Outros réximes comunistas
Países como China e Vietnam conservaron estruturas políticas de partido único, pero adaptaron as súas economías ao capitalismo, feito especialmente significativo no caso de China, que se converteu no século XXI na segunda potencia económica e política por detrás dos EUA. As reivindicacións democratizadoras chinesas foron duramente reprimidas na Matanza da Praza de Tiananmen, en Pekín (1989, na imaxe inferior).
Tiananmen, 1989
Outros países como Cuba e Corea do Norte mantéñense oficialmente nas liñas políticas e económicas do comunismo, se ben a súa situación internacional é precaria. No caso de Cuba, o bloqueo económico ao que está sometida por parte de EUA desde 1962 supón unha situación continua de crise socioeconómica. No caso de Corea do Norte, está rexida por unha especie de monarquía comunista na que o poder é exercido sen ningún tipo de limitación por parte da familia Kim, que mantén un control absoluto sobre un país pechado en si mesmo e illado internacionalmente.

NOTA ARGUMENTA

  • Explica o papel que desempeñou o golpe de Estado de 1991 no colapso da URSS.