3. A Transición política

3.1. O camiño da Transición

Proclamación de Juan Carlos I como reiAdolfo Suárez (1978)Franco morre o 20 de novembro de 1975 e o mecanismo de sucesión previsto actívase. Xoán Carlos I é proclamado rei dous días despois (á esquerda, fotografía da cerimonia) e comeza un difícil equilibrio dentro do postfranquismo entre os sectores continuístas (o búnker) e os sectores aperturistas. A tensión entre ambos grupos é patente no cambio da presidencia do Goberno: Arias Navarro é sucedido por Adolfo Suárez (na imaxe), que será un dos principais promotores da Transición.

En 1976 as Cortes franquistas aproban a Lei para a Reforma Política, que abre o camiño ao establecemento dun réxime democrático baseado na vontade popular. Esta lei foi aprobada en referendo e comezou o proceso de derrogación da lexislación represiva da ditadura. Así, en 1977  a Lei de Amnistía supón a liberación dos presos políticos. Paralelamente, os partidos da oposición ao franquismo serán legalizados, sendo moi significativa a legalización en abril de 1977 do Partido Comunista de España (PCE) tralo apoio do seu líder, Santiago Carrillo ao proceso da Transición.


En 1977 terán lugar tamén as primeiras eleccións democráticas, nas que vence o partido de Adolfo Suárez, UCD (Unión de Centro Democrático) e se sitúa como segunda forza o PSOE liderado por Felipe González. Nestas eleccións tamén destacaron en Cataluña e no País Vasco os partidos nacionalistas.

Tralas eleccións, ábrese un proceso constituínte no que distintas forzas políticas elaboran a Constitución de 1978, que será aprobada polo pobo español no referendo do 6 de decembro de 1978. Adoita considerarse este feito a culminación da Transición.
Referendo 1978

A Constitución de 1978 establecía en España unha monarquía parlamentaria, así como un amplo catálogo de dereitos e liberdades. Outro dos seus puntos máis salientables foi o establecemento dun Estado único, pero coa posibilidade de desenvolvemento autonómico, abrindo deste xeito a posibilidade da descentralización do país, que se levará a cabo nos anos posteriores.

José María Aznar (1999)
Felipe González (1991)

Suárez continúa como presidente do goberno ata a súa dimisión en 1981, causada pola falta de apoios e o desgaste acumulado pola complexidade dos anos de goberno. É sucedido por Calvo Sotelo ata as eleccións de 1982, que supoñen a vitoria do PSOE. Felipe González  (na imaxe da esquerda) presidirá España ata 1996. A UCD practicamente desaparece, integrándose os seus partidarios na socialdemocracia do PSOE ou en Alianza Popular (actual Partido Popular), partido conservador fundado por Manuel Fraga. A alternancia pacífica consolídase coa vitoria do Partido Popular e os gobernos de José María Aznar  entre 1996 e 2004 (na imaxe da dereita).

A aceptación internacional do proceso da Transición é inmediata. España intégrase na CEE en 1986 e tamén definitivamente na OTAN, consolidando a súa posición como integrante do bloque occidental no contexto final da Guerra Fría.

NOTA ARGUMENTA

  • Elabora un eixo cronolóxico no que anotes os principais fitos da Transición.


NOTA INVESTIGA

  • Anota por orde cronolóxica cales foron os presidentes do goberno en España desde 1978 ata a actualidade e indica un feito relevante do mandato de cada un deles. Non esquezas deixar constancia no teu traballo das fontes consultadas.