4. Arte. O Guernica volve a España

Guernica. Pablo PicassoPablo Picasso, Guernica (1937) CC BY-NC J. Pamies Alcubilla (flickr)

O que está considerado como o cadro máis importante da España do século XX pasou, por expreso desexo do seu autor, corenta e catro anos nunha sala de exposicións do MOMA (Museo de Arte Moderno de Nova York), agardando o final dunha ditadura que semellaba eterna. Chegou a España nun voo comercial o 10 de setembro de 1981. Alguén afirmou daquela que era o retorno do derradeiro exiliado. Desde 1992 é a peza central do Museo Reina Sofía (Madrid).

O Guernica naceu en plena Guerra Civil en París, onde Picasso vivía desde había anos. O goberno republicano encargáralle unha obra para a Exposición Universal de París de 1937, sen precisar o tema. Contan que Picasso se atopaba nun bloqueo creativo con respecto a ese encargo, pero o cruel bombardeo pola aviación alemá da poboación vasca de Gernika fixo que completase, en menos dun mes, unha obra que se converteu nun dos símbolos do século XX. Porén, malia estar motivado polo acontecido en Gernika, na pintura non se observan alusións directas a ese suceso concreto, senón que é un alegato xenérico contra a barbarie e o terror da guerra.

O cadro mide arredor de 4 metros de alto e uns 8 de ancho, e está concibido como un xigantesco cartel. A súa interpretación profunda é obxecto de controversia e opinións dispares, tal e como recolle na súa páxina web o Museo Reina Sofía:

Suscitou numerosas e polémicas interpretacións, circunstancia á que contribúe indubidablemente a voluntaria eliminación do lenzo de calquera tonalidade allea aos grises. Ao analizar a súa iconografía, un dos estudosos da obra, Anthony Blunt, divide os actores desta composición piramidal en dous grupos. O primeiro, integrado por tres animais: o touro, o cabalo ferido e o paxaro con ás que se aprecia tenuemente ao fondo, á esquerda. Os seres humanos compoñen un segundo grupo, no que figuran un soldado morto e varias mulleres: a situada na zona superior dereita, que se asoma por unha ventá e sostén cara afora unha lámpada; a nai que, á esquerda do lenzo, berra levando o fillo morto; a que entra precipitadamente pola dereita; e finalmente, a que clama ao ceo, cos brazos alzados, ante unha casa en chamas.

Malia que pasaron máis de 80 anos desde que foi pintado por Picasso, o Guernica segue a ser o que Miguel Calvo Santos cualificou no como "un caos moderno para alertar a un mundo que estaba a piques de arder". Na web historia-arte podemos ler un breve e interesante artigo seu sobre este icónico cadro.